Cedeira inviste máis de 53.000 euros en catro novas intervencións na rede viaria
O Concello de Cedeira investirá máis de 53.000 euros en mellorar a rede viaria municipal con asfaltados nun total de 2.605 metros de lonxitude nos camiños Piñeiro, O Campón, A Pasada e Os Edreiros.
As obras serán executadas pola empresa Excavaciones Saavedra y López SL, adxudicataria do proxecto, e principalmente consistirán na limpeza de gabias, en tratamentos semiprofundos e na aplicación dunha capa de macádam de quince centímetros nos tramos que se atopen en peor estado de conservación.
O camiño de Piñeiro, que ten unha lonxitude de 360 metros e un ancho de 3,5 metros, presenta na actualidade algunhas fochancas nun firme a base de macádam e rego asfáltico. A obra contratada dará homoxeneidade a toda a superficie coa aplicación de tratamentos semiprofundos e rego de selado. Unha actuación moi similar é a que se levará a cabo no camiño O Campón, que ten 630 metros de longo e conta cun ancho de tres metros.
Unha maior dificultade presenta a intervención que se executará no camiño da Pasada, cuxa lonxitude supera o quilómetro e, ademais, está dividida en dous tramos de 450 e 600 metros. Este último é de macádam con rego asfáltico, mentres que o inicial é de saburra. As actuacións que se executarán consistirán nas substitucións do macádam por tratamento semiprofundo, rego superficial e selado no tramo principal e a saburra por unha capa de 15 centímetros de macádam e os regos correspondentes no de 450 metros.
A lonxitude do camiño Os Edreiros supera os 560 metros e o seu estado actual require un tratamento a base de macádam para eliminar as fochancas que se concentran nun tramo de 100 metros.
As intervencións agora contratadas levaranse a cabo antes de que finalice o ano e financiaranse con cargo ao Fondos Feder, participados pola administración local e Xunta de Galicia.
O alcalde, Pablo Moreda Gil, destacou a intención do goberno de Cedeira de seguir invistindo, ao longo de todo o mandato, no arranxo de camiños públicos para garantir a seguridade viaria e mellorar a comunicación dentro do territorio. O rexedor quixo agrader, así mesmo, a colaboración que o executivo local vén atopando no movemento asociativo para programar e executar os proxectos que son máis urxentes. Moreda Gil tamén pediu desculpas por adiantado aos veciños e veciñas que poidan verse afectados por este conxunto de catro actuacións.