Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

Cedeira compra 7 camas xeriátricas máis para mellorar a atención dos usuarios do servizo de axuda no fogar

O Concello de Cedeira acaba de adquirir sete novas camas xeriátricas para “dar unha prestación de calidade aos usuarios do Servizo de Atención de Axuda no Fogar, atendendo as necesidades particulares de cada un”, segundo se pon de manifesto desde o executivo local.

O investimento ascendeu a 9.500 euros (IVE incluído) e Coloro SL foi a empresa subministradora da totalidade das unidades: catro de 105 por 190 centímetros e tres de 90 por 190.

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Magdalena Pérez Villar, apuntou que con estas novas incorporacións serán un total de 17 camas as que estarán ao servizo daquelas persoas que as necesitan pero que non dispoñen de recursos para adquirilas.

Pérez Villar sinalou que coa entrada destas novas unidades “conseguiremos unha mobilidade moito mellor e facilitaremos o traballo das empregadas do servizo para que poidan prestar unha correcta atención no seu traballo diario.”

A banda de música vila de Cedeira actuará este sábado no Auditorio Municipal Cedeirense

A Banda de Música Vila de Cedeira ofrecerá este sábado nesa localidade un concerto con motivo da festividade de Santa Icía. O auditorio municipal acollerá unha cita que dará comezo ás 20.00 horas. Será a primeira actuación que a formación musical dará tras acadar o segundo premio, Terceira Sección, do XIII Certame Galego de Bandas de Música celebrado hai uns días en Santiago de Compostela.

O concurso, impulsado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares en colaboración coa Xunta de Galicia, reuniu a un total de 1.300 músicos entre as cinco categorías habilitadas: Infantil (ata 14 anos); Xuvenil (ata 20 anos); Terceira Sección (ata 50 músicos); Segunda Sección (ata 70 músicos); e Primeira Sección (de 71 compoñentes en adiante).

Un total de 45 músicos integran agora a banda Vila de Cedeira que, desde hai cinco anos, actúa baixo a dirección de Mateo Naval.

Aviso de resintonización de canles

Pola realización de cambios nos centros de extensión de cobertura do sinal de TDT, os veciños e veciñas que nestas datas deixen de recibir algunhas canles nos seus televisores, deberán resintonizar os mesmos no seu aparato.
As parroquias que poden verse afectadas por estes cambios son: Régoa, Cervo, Esteiro e Cedeira.

This image requires alt text, but the alt text is currently blank. Either add alt text or mark the image as decorative.