Cedeira compra 7 camas xeriátricas máis para mellorar a atención dos usuarios do servizo de axuda no fogar
O Concello de Cedeira acaba de adquirir sete novas camas xeriátricas para “dar unha prestación de calidade aos usuarios do Servizo de Atención de Axuda no Fogar, atendendo as necesidades particulares de cada un”, segundo se pon de manifesto desde o executivo local.
O investimento ascendeu a 9.500 euros (IVE incluído) e Coloro SL foi a empresa subministradora da totalidade das unidades: catro de 105 por 190 centímetros e tres de 90 por 190.
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Magdalena Pérez Villar, apuntou que con estas novas incorporacións serán un total de 17 camas as que estarán ao servizo daquelas persoas que as necesitan pero que non dispoñen de recursos para adquirilas.
Pérez Villar sinalou que coa entrada destas novas unidades “conseguiremos unha mobilidade moito mellor e facilitaremos o traballo das empregadas do servizo para que poidan prestar unha correcta atención no seu traballo diario.”