Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

TRINTA VIVENDAS PARTICIPAN NA PRESENTE EDICIÓN DO PROGRAMA DE COMPOSTAXE DOMÉSTICA MUNICIPAL DO CONCELLO DE CEDEIRA

Trinta veciños e veciñas pertencentes á zona rural do concello de Cedeira, participan na presente edición do programa de compostaxe doméstica, desenvolvido en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Este programa, iniciado na anualidade 2022 -e que deu continuidade a outras iniciativas xa levadas a cabo polo ente municipal- contou con grande acollida entre a veciñanza tal e como desprenden los controles efectuados “porta a porta” por técnicos especialistas na materia. A maioría dos composteiros funcionan de maneira correcta, o que contribúe en boa medida a reducir a materia orgánica presente na bolsa de lixo- e que posteriormente se deposita nos contedores tradicionais-, así como a consecuente redución da emisión de gases de efecto invernadoiro á atmosfera.

O CONCELLO DE CEDEIRA ACOMETE A REPARACIÓN DA CUBERTA DO ANTIGO ESCOLAR DE SISALDE

O Concello de Cedeira contratou as obras de substitución da cuberta do antigo escolar de Sisalde Maior, na parroauia de Esteiro, un inmoble que ten usos veciñais e que sofre unha importante deterioración da madeira do tellado. En total, o goberno local fai un investimento de 43.900€ (IVE incluído) a través de varios contratos para a achega dos materiais necesarios e a realización dos traballos.

Así, por unha parte o Concello de Cedeira destina algo máis de 8.300€ ao suministro dos materiais necesarios para a reparación da cuberta. Por outra, invístense 11.600€ nos traballos de impermeabilización de toda a estrutura. Súmanse outros dous contratos para a man de obra, por unha parte a democión do teito actual, cun orzamento de 10.430€, e por outra a súa substitución, cun presuposto de algo máis de 13.500€.

O antigo escolar de Sisalde, como o de Saa, é un exemplo da arquitectura indiana en Cedeira e testemuño do esforzo que a emigración cedeiresa fixo por mellora a vida e a educación da poboación da súa terra. Ambas os dous foron promovidos pola sociedade de instrución e beneficencia “Progreso de Esteiro”, fundada na Habana. O de Sisalde Maior foi levantado en 1931 e precisa a consolidación e reparación da cuberta e os caleiros debido aos danos que provocou a humidade.

O CONCELLO LICITA A SUBSTITUCIÓN DA ACTUAL CALDEIRA DE GAS DA PISCINA MUNICIPAL POR UN SISTEMA DE BIOMASA

O Concello de Cedeira publicou na Plataforma de Contratación do Sector Público o expediente de contratación do proxecto de substitución da actual caldeira de gas da piscina municipal por un sistema de biomasa. A actuación está orzamentada en 85.000€ (IVE incluído) que o goberno local ten previsto financiar a través do Fondo de Cooperación Local e as empresas interesadas teñen ata o día 6 de outubro para presentar as súas ofertas.

O cambio de sistema vai aforrar ao ano a emisión de 61,39 toneladas de CO2 á atmósfera. Actualmente, a piscina municipal conta con dúas caldeiras de gas, un combustible fósil que é máis contaminante, e unha microxeración de gas que non está en uso. A actuación pasa por modernizar as instalacións, consonte o que di o Código Técnico da Edificación e o Regulamento da Instalacións Térmicas en Edificios, para empregar enerxías renovables. Así, as novas caldeiras funcionarán con pellets e permitirán quentar o vaso de auga da piscina, proporcionar calefacción ao edificio e producir auga quente.

Instalaranse dúas caldeiras de biomasa, de 64 kW de potencia cada unha, que se alimentarán de forma automática desde un silo textil ubicado na parte superior da actual sala das caldeiras de gas. Mellorarase o illamento das tubaxes, para evitar perdas de enerxía, e levarase a cabo unha mellora na regulación do sistema, que estará mellor controlado e por tanto será máis eficiente.

O Concello de Cedeira está a reclamar a construción dunha nova piscina de 25 metros, porén cando ese proxecto se faga realidade –clarexan desde o goberno local- a actual seguirá a prestar servizo á poboación.