Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA ACOMETE A REPARACIÓN DA CUBERTA DO ANTIGO ESCOLAR DE SISALDE

O Concello de Cedeira contratou as obras de substitución da cuberta do antigo escolar de Sisalde Maior, na parroauia de Esteiro, un inmoble que ten usos veciñais e que sofre unha importante deterioración da madeira do tellado. En total, o goberno local fai un investimento de 43.900€ (IVE incluído) a través de varios contratos para a achega dos materiais necesarios e a realización dos traballos.

Así, por unha parte o Concello de Cedeira destina algo máis de 8.300€ ao suministro dos materiais necesarios para a reparación da cuberta. Por outra, invístense 11.600€ nos traballos de impermeabilización de toda a estrutura. Súmanse outros dous contratos para a man de obra, por unha parte a democión do teito actual, cun orzamento de 10.430€, e por outra a súa substitución, cun presuposto de algo máis de 13.500€.

O antigo escolar de Sisalde, como o de Saa, é un exemplo da arquitectura indiana en Cedeira e testemuño do esforzo que a emigración cedeiresa fixo por mellora a vida e a educación da poboación da súa terra. Ambas os dous foron promovidos pola sociedade de instrución e beneficencia “Progreso de Esteiro”, fundada na Habana. O de Sisalde Maior foi levantado en 1931 e precisa a consolidación e reparación da cuberta e os caleiros debido aos danos que provocou a humidade.