Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

A XUNTA DE GOBERNO APROBA A SUBVENCIÓN DA ESCOLA DE MÚSICA VILA DE CEDEIRA PARA OS PRÓXIMOS CATRO ANOS

A Xunta de Goberno Local aprobou a concesión dunha subvención de 138.000€ para gastos de funcionamento da Escola de Música Vila de Cedeira durante os vindeiros catro anos. A asociación co mesmo nome foi a única entidade que se presentou ao procedemento aberto polo Concello de Cedeira, segundo o sistema de concorrencia competitiva, para garantir a continuidade dunha escola que fai honor á enorme afección musical que existe na localidade e que se converteu, de feito, na canteira da que se nutren moitos grupos cedeireses de diferentes estilos, así como no xérmolo de brillantes carreiras profesionais.

A partida de 138.000€ repártese en 11.500€ para o que resta deste exercicio 2023; 46.000€ para cada un dos seguintes anos 2024 e 2025 e 35.500€ para 2026, cando haberá que convocar un novo procedemento. Ao igual que sucedeu este ano co resto das axudas que o Concello reparte entre as asociacións e clubes do tecido asociativo local, tanto no eido da cultura como do deporte, o importe para o funcionamento das escolas de música incrementouse. Fíxoo nun 24% con respecto aos 111.000€ dos anteriores catro anos.

A subvención para a Escola de Música Vila de Cedeira serve para sufragar os gastos de persoal, así como o material didáctico e de oficina e outros vencellados ao funcionamento do centro. As clases, ás que asisten tanto nenos e nenas como moita xente maior da localidade, impártense polas tardes no Auditorio Municipal. O centro contou o pasado curso con 145 persoas matriculadas nas moitas opcións que abrangue a súa oferta formativa: coro, frauta travesa, clarinete, saxofón, trompa, trompeta, tuba, bombardino, gaita, frauta de pico, acordeón, piano, guitarra clásica e eléctrica, percusión, música e movemento, linguaxe musical, harmonía, canto e improvisación.

Cómpre recordar que a Asociación Escola de Música Vila de Cedeira xurdiu a raíz dunha convocatoria do Concello, por iniciativa de persoas que formaban parte da Banda de Música, a agrupación Robaleira e a Asociación de Acordeóns. Do éxito daquela unión fala o incremento do número de matrículas e da oferta formativa curso tras curso.

O POLIDEPORTIVO MUNICIPAL DE CEDEIRA ESTREA NOVO PAVIMENTO E MARCADOR CO COMEZO DO CURSO

Desde o pasado 2 de outubro o Polideportivo Municipal de Cedeira ten aberta de novo a súa pista multiusos. Co comezo do curso os clubes locais e as escolas municipais voltaron empregar a cancha de xogo da instalación, que foi renovada completamente durante este verán cun novo pavimento técnico de madeira, colocado sobre unha base de rastreis e gomas que garanten unha mellor absorción dos golpes e, polo tanto, menos lesións para as persoas que practican alí diferentes disciplinas deportivas.

Foi unha obra importante, na que se investiron máis de 151.000€ a través dun convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación da Coruña. O organismo provincial financiou o 80% da actuación. Xunto co levantamento de toda a pista e a colocación do novo pavimento, tanto na cancha de xogo en si como nas zonas adxacentes, colocouse un novo marcador dixital que pode configurarse para os diferentes deportes.

Cómpre recordar que o Concello de Cedeira ten en proceso de contratación a obra de ampliación do Polideportivo Municipal para dotar de máis espazo ao ximnasio, situado nunha zona adxacente da pista principal. O orzamento de licitación é de preto de 62.000€ e a actuación incrementará un 46% a superficie do ximnasio, dos 83 metros cadrados actuais a 119.

Son dúas actuacións importantes na posta ao día do Polideportivo Municipal de Cedeira, cuxas instalacións teñen un uso intensivo ao longo de todo o ano e que ten xa máis de trinta anos de vida.

REUNIÓN DE HOSTALARÍA E RESTAURACIÓN

O Concello de Cedeira , mediante a Concellería de Emprego e Promoción Económica , convoca aos negocios de hostalaría e restauración da vila para unha reunión o Luns 9 de Outubro ás 17:30h no Salón de Plenos do Concello. Nesta reunión trataranse os seguintes temas:
1. Posta en marcha do concurso de Tapas de Outono 2023 (podendo ser este modificado en diferentes ámbitos en caso de adoptalo de forma maioritaria)
2. Ideas e propostas na realización de eventos e actos durante os períodos de Outono e Inverno.
Dende o Concello, agradécese a máxima presenza e colaboración posible para coñecer os diversos puntos de vista que poidan existir con respecto aos temas a tratar.