Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

O CONCELLO ADXUDICA 112 AXUDAS AOS NEGOCIOS LOCAIS E ULTIMA OUTRA CONVOCATORIA DOTADA CON 137.000€

O Concello de Cedeira acaba de publicar a relación de empresas e autónomos aos que se lles concedeu unha das axudas dirixidas a paliar as dificultades xeradas pola crise económica. A convocatoria que o goberno local lanzou en marzo resólvese con 76.750€ repartidos entre 112 negocios do municipio, o 90% dos que presentaron a súa solicitude. Segundo informou o concelleiro de Facenda e Servizos Económicos, Manuel Martínez López, a acollida foi moi boa, especialmente entre o sector hostaleiro, e en breve sairán as bases dunha nova convocatoria de subvencións dotada con 137.000€.

A convocatoria de marzo partía dun orzamento de 150.000€ e recibiu un total de 124 solicitudes, das que unha ducia foron desestimadas por non cumprir as condicións. A maior parte das axudas adxudicadas son de 650€, a cantidade prevista para os autónomos, mentres que as empresas obteñen 850 ou 1.000€, segundo teñan menos ou máis de cinco persoas empregadas. O listado pode consultarse na seguinte ligazón:

DESCARGA PDF listaxe definitiva de beneficiarios e excluídos aprobada das axudas para o impulso da actividade económica no termo municipal de Cedeira para paliar os efectos do COVID-19

Estas axudas contribúen a apuntalar empregos na vila, “porque comprometen a conservar, polo menos durante tres meses máis, o 50% do cadro de persoal que había antes da pandemia”, explicou Manuel Martínez, que asegurou que o pago se vai axilizar ao máximo para que estea canto antes nas mans dos seus destinatarios.

Desde o goberno local informan, por outra banda, de que se realizaron as xestións para inscribir a Cedeira no programa PEL Reactiva da Deputación da Coruña, dirixido aos municipios da provincia con menos de 50.000 habitantes. A nova convocatoria, para a que se están a ultimar os trámites administrativos, significará poñer a disposición dos negocios locais un fondo de 137.000€, financiado na súa meirande parte pola Deputación, que se repartirán entre autónomos e empresas en axudas que irán dos 1.500 aos 3.000€.

ADXUDICADA, POR MÁIS DE 450.000€, A REHABILITACIÓN DO PAZO DE MOSCOSO NO CASCO VELLO DE CEDEIRA

A Xunta de Goberno adxudicou á empresa Obras Gallaecia o proxecto de execución da rehabilitación do Pazo de Moscoso. Cun importe de 450.746,26€, a súa foi a oferta mellor valorada entre as cinco que se presentaron ao proceso e supón unha baixa dun 9% respecto ao prezo de licitación, de 496.462,04€ (ambos con IVE incluído). O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou a importancia da actuación pola súa contía e porque “vai significar sumar espazos para o traballo administrativo municipal e, en definitiva, permitirá prestar un mellor servizo á cidadanía”.

Os traballos contratados teñen un prazo de execución dun ano e consisten na restauración das fachadas e do interior do inmoble, garantindo as axeitadas condicións de accesibilidade. En total, a planta baixa, primeiro e segundo andar e o faiado, suman 530 metros cadrados útiles. No baixo, cuns 160 metros cadrados de superficie, irán as oficinas de Servizos Sociais, que actualmente están no Auditorio Municipal e liberarán alí espazos para as asociacións. Tamén se trasladarán aos novos espazos na Casa Avelino as oficinas da Policía Local e de Intervención. Entre o primeiro e o segundo piso haberá oito despachos, mentres que o faiado será aproveitado para almacenaxe e sala de instalacións.

A situación do edificio, a poucos metros do consistorio, é unha vantaxe cara á veciñanza e tamén para o traballo do persoal municipal. O alcalde, Moreda Gil, destaca tamén que a actuación contribuirá á recuperación da arquitectura do casco vello, sacando ao edificio da súa situación de abandono. “Este proxecto vai ser un avance na posta en valor do conxunto histórico da vila e na recuperación da súa grandeza”, destacou.

Nesta liña, o proxecto contempla a colocación dun panel, á entrada do pazo, no que se ofrecerá información sobre a historia do inmoble, cuxa construción primixenia data do século XV. Para o coñecemento da historia da casa, sinalou o alcalde, o Concello contou coa colaboración do cronista oficial de Cedeira, Rafael Usero.

A obra inclúe a actuación no terreo anexo ao inmoble para convertilo nunha zona verde de uso público, con acceso desde a rúa Ferrol.

LISTAXE DEFINITIVA DE BENEFICIARIOS E EXCLUÍDOS APROBADA DAS AXUDAS PARA O IMPULSO DA ACTIVIDADE ECONÓMICA NO TERMO MUNICIPAL DE CEDEIRA PARA PALIAR OS EFECTOS DO COVID-19

Aviso de proceso de contratación de persoal:

Xa está publicada a listaxe definitiva de beneficiarios e excluídos aprobada das axudas para o impulso da actividade económica no termo municipal de Cedeira para paliar os efectos do COVID-19

Nas seguintes ligazóns pode descargar os documentos:

DESCARGA PDF listaxe definitiva de beneficiarios e excluídos aprobada das axudas para o impulso da actividade económica no termo municipal de Cedeira para paliar os efectos do COVID-19

DESCARGA PDF modelos de Memoria económica xustificativa

DESCARGA PDF modelos de Memoria xustificativa de actuación