Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO ADXUDICA 112 AXUDAS AOS NEGOCIOS LOCAIS E ULTIMA OUTRA CONVOCATORIA DOTADA CON 137.000€

O Concello de Cedeira acaba de publicar a relación de empresas e autónomos aos que se lles concedeu unha das axudas dirixidas a paliar as dificultades xeradas pola crise económica. A convocatoria que o goberno local lanzou en marzo resólvese con 76.750€ repartidos entre 112 negocios do municipio, o 90% dos que presentaron a súa solicitude. Segundo informou o concelleiro de Facenda e Servizos Económicos, Manuel Martínez López, a acollida foi moi boa, especialmente entre o sector hostaleiro, e en breve sairán as bases dunha nova convocatoria de subvencións dotada con 137.000€.

A convocatoria de marzo partía dun orzamento de 150.000€ e recibiu un total de 124 solicitudes, das que unha ducia foron desestimadas por non cumprir as condicións. A maior parte das axudas adxudicadas son de 650€, a cantidade prevista para os autónomos, mentres que as empresas obteñen 850 ou 1.000€, segundo teñan menos ou máis de cinco persoas empregadas. O listado pode consultarse na seguinte ligazón:

DESCARGA PDF listaxe definitiva de beneficiarios e excluídos aprobada das axudas para o impulso da actividade económica no termo municipal de Cedeira para paliar os efectos do COVID-19

Estas axudas contribúen a apuntalar empregos na vila, “porque comprometen a conservar, polo menos durante tres meses máis, o 50% do cadro de persoal que había antes da pandemia”, explicou Manuel Martínez, que asegurou que o pago se vai axilizar ao máximo para que estea canto antes nas mans dos seus destinatarios.

Desde o goberno local informan, por outra banda, de que se realizaron as xestións para inscribir a Cedeira no programa PEL Reactiva da Deputación da Coruña, dirixido aos municipios da provincia con menos de 50.000 habitantes. A nova convocatoria, para a que se están a ultimar os trámites administrativos, significará poñer a disposición dos negocios locais un fondo de 137.000€, financiado na súa meirande parte pola Deputación, que se repartirán entre autónomos e empresas en axudas que irán dos 1.500 aos 3.000€.