Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

A DEPUTACIÓN DA CORUÑA COLABOROU COS SERVIZOS SOCIAIS DO CONCELLO DE CEDEIRA DURANTE O PASADO ANO 2022 CON 81.914,92 € PARA A FINANCIACIÓN DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR (SAF)

A Deputación da Coruña colaborou cos servizos sociais do concello de Cedeira durante o pasado ano 2022 con 81.914,92 € para a financiación do servizo de axuda no fogar (SAF) na modalidade de libre concorrencia e para cubrir gastos do persoal de departamento. Concretamente o importe concedido con cargo ao Programa de Financiación dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais, dirixido a concellos con menos de 20000 habitantes foi destinado a sufragar parte dos salarios dunha auxiliar administrativa, dunha educadora familiar e do persoal auxiliar do SAF.

ABERTO O PRAZO DE PREINSCRICIÓN PARA DOUS CURSOS NA OFICINA AGRARIA COMARCAL

A Consellería de Medio Rural e o Concello de Cedeira colaborarán para ofrecer, este ano, varios cursos dirixidos á capacitación ou mellora de competencias no sector agrogandeiro.

Os cursos promovidos estarán centrados na:

  • Iniciación á agricultura ecolóxica
  • Realización de trámites na sede electrónica para explotacións agrarias

No acceso a estas formacións terán prioridade aquelas persoas titulares de explotacións ou con vinculación ao sector primario, así como aquelas que queiran incorporarse á actividade agrogandeira.

Pódese solicitar máis información na oficina agraria ou no concello de Cedeira, onde tamén se poderán realizar as preinscricións.

Formularios de preinscrición:

UGÍA PEDREIRA LEVA ESTE DOMINGO A CEDEIRA O SEU TRABALLO “SEGMENTO CANTÁBRICO”

O Museo Mares acollerá este domingo, día 15, a presentación en Cedeira do primeiro traballo en solitario de Ugía Pedreira, “Segmento Cantábrico”, nunha cita que leva por nome “Convivio” polo seu espíritu de festa ou banquete para compartir. O concerto, que promove o Concello e a asociación de amigos do museo, será ás 13.00 horas e nel participarán tamén as artistas Guadi Galego, Uxía e Marina Oural.

Ugía Pedreira (Foz, 1970), coñecida como “A Pedreira”, ten unha longa carreira musical ás costas. Comezou como vocalista no grupo Chouteira, un dos grupos máis senlleiros do bum do folk dos anos 90, e despois participou en moitos e diferentes proxectos, como Marful, Ecléctica Ensemble, Nordestinas… “Segmento Cantábrico” é o primeiro disco de seu, un traballo ben recibido pola crítica e que ela define como dun folk claro e transparente, aínda que aúna formas tradicionais do litoral cantábrico con outras influencias da música europea e o folk americano.

“A Pedreira” celebrará no museo Mares unha festa coas cantantes Guadi Galego e Uxía e coa poeta Marina Oural. As persoas interesadas en asistir teñen que reservar entrada de maneira anticipada enviando un whatsapp ao número 649876614. Como máximo reservaranse dúas prazas por persoa.