Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

CEDEIRA DÓTASE DUN INVENTARIO DE CAMIÑOS, FERRAMENTA ESENCIAL PARA A RIGOROSA XESTIÓN DO TERRITORIO

Todos os grupos do Concello de Cedeira deron luz verde no último pleno á aprobación inicial co Inventario de Camiños Municipais que o goberno local encargou hai uns meses a Procat Ingeniería y Medioambiente por un presuposto de preto de 18.000€. A empresa especializada ten entregado xa ao Concello o catálogo, que segundo subliñou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, é unha ferramenta de enorme valor para que os técnicos municipais poidan determinar con rigor a propiedade pública ou privada de cada vieiro e clarexar as consultas que a miudo presentan veciños e veciñas.

Tal como se expuxo no pleno, a lexislación establece que é unha obriga das administracións locais contar con este documento. “A miudo xurden dúbidas, por parte de particulares a maior parte das veces, sobre de quen é un camiño e que dereitos pesan sobre o mesmo –explicou o alcalde-; este traballo vai permitir aos técnicos municipais respostar con exactitude estas consultas e redundará nunha mellor xestión municipal en xeral, porque é esencial coñecer qué carreiros son municipais para asumir o seu coidado e protección”, explicou Moreda Gil, que subliñou tamén a seguridade xurídica que vai aportar, tanto á adminstración como á cidadanía, este novo recurso.

O traballo de elaboración do inventario partiu da recompilación de toda a información existente en formato dixital e en papel. Así, analizáronse todos os datos en mans do Concello, referencias catastrais, escrituras, acordos de cesión e urbanístivos, información rexistral, concentracións parcelarias, etc. Toda a información volcouse en planos, contrastados coas imaxes aéreas do territorio, nos que se trazaron os camiños públicos. Creáronse fichas coa información de cada ben, indicando se están asfaltados, son de terra ou de formigón, e detallando por tramos cando hai diferencias significativas entre eles.

O traballo realizado por Procat foi contrastado e analizado tamén polos técnicos municipais para detectar incidencias e solucionar dúbidas. O catálogo entregouse ao Concello en formato vectorial SIG, de maneira que pode ser consultado a través do ordenador, pero tamén con planos en papel para cada camiño, coas súas fichas individuais.

Agora, o catálogo vai expoñerse ao público para que as persoas afectadas poidan consultalo e presentar, no seu caso, as alegacións que consideren oportunas.

O CONCELLO DE CEDEIRA APELA Á COLABORACIÓN DA XUNTA E A DEPUTACIÓN PARA DOTARSE DUNHA PISCINA DE 25 METROS

O pleno da corporación de Cedeira aprobou por unanimidade na súa última sesión unha moción do grupo de goberno na que se expón a necesidade de implicar tanto á Xunta de Galicia como á Deputación Provincial no proxecto de construír unha nova piscina municipal. A instalación actual, cun vaso de 16×8 metros, quedouse obsoleta para responder á altísima demanda da poboación, tanto nos cursos e actividades terapéuticas organizadas polo Concello como no que atinxe ao Club Natación Cedeira, con 230 licenzas federativas e uns excelentes resultados en competicións galegas e nacionais.

A intención do Concello de Cedeira é cofinanciar a nova piscina de 25 metros a través de senllos acordos coa Xunta de Galicia e a Deputación Provincial, de maneira que cada unha destas administracións custee un terzo do orzamento, o mesmo porcentaxe que se compromete a asumir a propia institución municipal. Na moción que presentou o grupo socialista achéganse datos obxectivos que xustifican a demanda e que garanten que as instalacións terían un uso intensivo.

Así, nos cursos de natación organizados polo Concello de Cedeira –para bebés e para embarazadas, así como para todas as franxas de idade- e nas actividades terapéuticas para adultos hai matriculadas 245 persoas e outras 54 están en lista de espera –aínda que realmente serían máis se houbese capacidade-. A isto súmanse as 50 persoas usuarias das asociacións Apader e Sobrerrodas; as máis de 60 que van a baño libre e as 120 que adestran habitualmente co Club Natación Cedeira.

A traxectoria desta última entidade deportiva, no ámbito da natación e do tríatlon, é un argumento de peso para reclamar unha piscina de 25 metros. Aludindo en exclusiva á súa actividade do pasado ano, o club participou en máis de 40 competicións galegas e nacionais e foi o mellor de Galicia nas probas de nada+Corre (tríatlon) do programa Xogade organizado pola Secretaría Xeral do Deporte. Gañou o título de campión por equipos e individual de Tríatlon Cadete en España, así como o de equipos de Acuatlón Cadete e o individual de Acuatlón absoluto en España. Ademais, deportistas de Cedeira están na Selección Galega de Tríatlon, que foi campioa de España, e na de Atletismo, que foi subcampioa no nacional de Campo a través.

O deporte é un sinal de identidade de Cedeira, destacan desde o equipo de goberno de Moreda Gil, e esta é unha realidade que se quere apoiar e fomentar desde a administración muniicpal. A localidade conta con 13 entidades deportivas, a única vía ferrata de Galicia, un deportista olímpico e unha lista de máis de dez novos que pasaron polo Centro Galego de Tecnificación Deportiva. O deporte é unha escola de hábitos saudables, un espazo para o envellecemento activo e tamén unha actividade que, sobre todo a través da celebración de competicións e eventos que atraen a visitantes de fóra, contribúe a dinamizar a economía local.

O CONCELLO DE CEDEIRA OBTÉN PRETO DE 700.000€ DO POS+2023 PARA NOVOS INVESTIMENTOS E GASTOS CORRENTES

O pleno do Concello de Cedeira aprobou por unanimidade na súa última sesión a participación no Plan Único de Concellos da Deputación da Coruña (POS+2023), do que a vila vai recibir neste exercicio un total de 698.723,07€, xunco coa achega do POS+Adicional para gastos sociais extraordinarios, por valor de 68.099,97€. O 66,5% do POS+2023 vai destinada a investimentos e o resto ao financiamento de gastos correntes.

No plan están consignados 130.338,45€ para o proxecto de “Mellora de firmes en Mundín, As Bieteiras, Santallamar e Vilacacín e nas rúas C. Ponthus e Cuartel”. É unha actuación que abrangue a renovación da calzada en catro camiños e dúas rúas que suman en total preto de 2,5 quilómetros.

No mesmo programa do POS+2023 están tamén outros tres proxectos dentro do Plan Complementario. Trátase da “Renovación de pavimentos nas rúas Ortigueira, Río Condomiñas, Río Lamas e Río Tixón”, presupostado en 130.000€ e que dotará de novas beirarrúas, así como dunha nova rede de pluviais e estes viais, mellorando tamén a súa accesibilidade. Dentro deste mesmo proxecto vai incluída tamén unha mellora do firme nun tramo da Avenida de España.

O segundo proxecto é o de “Reforma e adecuación do sistema de saneamento existente en San Román”, con 59.997,96€ de presuposto e dirixido a subsanar as eivas técnicas deste equipamento para que poida, realmente, alcanzar o rendemento de depuración para o que foi deseñada e cumplir coa normativa vixente.

Por último, o plan provincial permitirá realizar a “Reforma e conservación do edificio escolar da Corredoira”, cun financiamento de 144.901,04€, coa finalidade de resolver uns problemas de humidade que presenta o inmoble na cuberta e na fachada e acondicionar os vestiarios.

A achega do POS+Adicional, para gastos sociais extraordinarios, servirá para reforzar o persoal técnico e administrativo adscrito aos Servizos Sociais do Concello, así como ao incremento das contías destinadas pola administración local a axudas de emerxencia para persoas soas ou en risco de exclusión social e á compra de equipamento para un mellor desenvolvemento dos programas dos servizos sociais sociocomunitarios. Cómpre recordar que nos últimos anos o Concello de Cedeira elevou os orzamentos adicados a esta materia, chegando no presente 2023 a 1.285.300€.