O Concello de Cedeira promove dúas actividades ao aire libre dirixidas á xente moza da vila, especialmente deseñadas para que desfruten cumprindo as restricións fronte a covid. Segundo explicou o concelleiro de Ocio e Tempo Libre, Manuel Martínez, durante os días 26 e 27 deste mes de xuño desenvolveranse obradoiros de parkour, graffiti sobre paneis, beatbox e unha sesión Dj, así como un xogo de Escape Room. As actividades serán dirixidas polo colectivo Vella Escola, especializado na organización deste tipo de propostas enmarcadas na cultura urbana.![](https://cedeira.gal/wp-content/uploads/2021/06/vellaescola1-1024x576.jpg)
“Son propostas variadas e atractivas para a xuventude, coa que tamén desde o goberno local queremos resarcirlles un pouco aos mozos e as mozas da vila desta longa tempada que levan con tantas limitacións, para que gocen de actividades que poden facer na rúa, cumprindo con facilidade as normas”, explicou o concelleiro Manuel Martínez.
Así, este sábado 26, a partir das 19.00 horas desenvolverase un obradoiro de Dj e outro de beatbox –a práctica de producir sons co aparato fonador- na explanada situada ao lado do centro de ocio xuvenil, xunto á estación de autobuses.![](https://cedeira.gal/wp-content/uploads/2021/06/vellaescola2-1024x576.jpg)
Para o domingo, tamén a partir das 19.00 horas e no mesmo lugar, están previstos dous obradoiros de parkour –desprazarse dun punto a outro da maneira máis eficiente posible coa única axuda do propio corpo- e graffiti. Nesta xornada desenvolverase un xogo de Escape Room polo casco antigo de Cedeira, a partir das 11.00 horas. Equipos dun máximo de catro persoas terán que resolver un misterio a través de diferentes probas físicas e mentais.
Terán prioridade os rapaces e rapazas que teñan reserva de praza, que pode facerse a partir deste mércores a través do whatsapp –no número 649 876 614- ou ben por correo electrónico a enrique.vazquez@cedeira.gal. Nos obradoiros haberá quendas de media hora, cun máximo de dez persoas en cada unha, e para quen non teña reserva a participación será por orde de chegada.
En caso de choiva está previsto que os obradoiros do sábado se desenvolvan no auditorio municipal e os do domingo, no seu caso, no polideportivo.
![](https://cedeira.gal/wp-content/uploads/2021/06/VellaEscola3-1024x576.jpg)