Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO PROPÓN DÚAS XORNADAS DE XOGOS E OBRADOIROS AO AIRE LIBRE PARA A MOCIDADE

O Concello de Cedeira promove dúas actividades ao aire libre dirixidas á xente moza da vila, especialmente deseñadas para que desfruten cumprindo as restricións fronte a covid. Segundo explicou o concelleiro de Ocio e Tempo Libre, Manuel Martínez, durante os días 26 e 27 deste mes de xuño desenvolveranse obradoiros de parkour, graffiti sobre paneis, beatbox e unha sesión Dj, así como un xogo de Escape Room. As actividades serán dirixidas polo colectivo Vella Escola, especializado na organización deste tipo de propostas enmarcadas na cultura urbana.

“Son propostas variadas e atractivas para a xuventude, coa que tamén desde o goberno local queremos resarcirlles un pouco aos mozos e as mozas da vila desta longa tempada que levan con tantas limitacións, para que gocen de actividades que poden facer na rúa, cumprindo con facilidade as normas”, explicou o concelleiro Manuel Martínez.

Así, este sábado 26, a partir das 19.00 horas desenvolverase un obradoiro de Dj e outro de beatbox –a práctica de producir sons co aparato fonador- na explanada situada ao lado do centro de ocio xuvenil, xunto á estación de autobuses.

Para o domingo, tamén a partir das 19.00 horas e no mesmo lugar, están previstos dous obradoiros de parkour –desprazarse dun punto a outro da maneira máis eficiente posible coa única axuda do propio corpo- e graffiti. Nesta xornada desenvolverase un xogo de Escape Room polo casco antigo de Cedeira, a partir das 11.00 horas. Equipos dun máximo de catro persoas terán que resolver un misterio a través de diferentes probas físicas e mentais.

Terán prioridade os rapaces e rapazas que teñan reserva de praza, que pode facerse a partir deste mércores a través do whatsapp –no número 649 876 614- ou ben por correo electrónico a enrique.vazquez@cedeira.gal. Nos obradoiros haberá quendas de media hora, cun máximo de dez persoas en cada unha, e para quen non teña reserva a participación será por orde de chegada.

En caso de choiva está previsto que os obradoiros do sábado se desenvolvan no auditorio municipal e os do domingo, no seu caso, no polideportivo.