Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MOCIDADE

MÁIS DE 400 NENOS E NENAS ACUDEN AOS CAMPAMENTOS DE VERÁN DO CONCELLO E DE DIFERENTES ENTIDADES DE CEDEIRA

A conciliación da vida familiar e laboral ten múltiples opcións este verán en Cedeira. O Concello promove o Campamento Urbano que se desenvolve nas instalacións do colexio Nicolás do Río, pero xunto con esta opción, desde o goberno local destacan a iniciativa das asociacións e entidades deportivas da localidade, que conforman unha oferta variada e de calidade para os nenos e nenas da localidade e os veraneantes. En total, cada mañá de xullo e agosto hai máis de 440 nenos e nenas de entre 3 e 14 anos participando nas diferentes propostas, que comparten todas o carácter lúdico e tamén formativo, e que facilitan espazos de aprendizaxe de hábitos saudables, de integración e de valores para a convivencia.

O Campamento Urbano do Concello de Cedeira acolle a 40 participantes, en quendas quincenais ou mensuais, e desenvólvese nas instalacións do CEIP Nicolás do Río. Nenos e nenas nados entre os anos 2010 e 2017, ambos os dous incluídos, participan neste programa, que permite ás familias elixir entre dúas horas de entrada e de saída, ás 09.00 ou 10.00 h e as 13.00 ou 14.00 h. As propostas que se desenvolven ao longo da mañá son do máis variado, moitas delas para todos os participantes e outras adaptadas aos diferentes grupos de idades. Entroido de verán, olimpíadas, xornada con inchables, kayak, unha visita ao museo Mares, xogos tradicionais e un longo etcétera forman parte do divertido día a día neste campamento.

Desde o Concello, o goberno local recoñece tamén a contribución que as seguintes entidades fan cada verán para ofrecer actividades lúdicas, educativas ou deportivas e facilitar a conciliación a pais e nais que traballan.

Colonia de verán Aprende e xoga con Sobre Rodas: a asociación sociocultural de discapacitados leva once anos organizando un campamento cuxa prioridade, xunto coa conciliación, é ser un espazo de integración. Este ano aumentou sensiblemente a participación con respecto a edicións anteriores. Asisten 97 nenos e nenas en idade escolar, entre os tres e os doce anos. As persoas que desenvolven as actividades son tanto técnicos de animación sociocultural e actividades deportivas como especialistas de psicoloxía infantil, maxisterio ou logopedia, de maneira que o equipo deseña actividades adaptadas a todos e todas e que favorecen a convivencia e a integración do grupo. Segundo comenta Cristina Iglesias, presidenta da asociación Sobre Rodas, o incremento de participación notouse non so en que hai dez crianzas máis que asisten ao programa, senón tamén na lista de espera, que o ano pasado non existía e desta volta ten 14 nomes inscritos. A colonia Aprende e xoga desenvólvese nas instalacións do edificio do Areal, no CEIP Nicolás do Río, desde o pasado 27 de xuño e prolongarase ata o 31 de agosto, en horario de mañá.

Curso de Triatlón do Club Natación Cedeira: arredor de 155 nenos e nenas –nados nos anos 2005 a 2018- participan no curso de verán que organiza a entidade, entre os 110 que xa son socios e participan nas actividades durante todo o ano e os 45 que se apuntaron ao programa para os meses de xullo e agosto. Desde o club, Xan Suárez explica que é unha actividade que lles permite aos pequenos comprobar se lles gusta o deporte e que moitas veces é a súa porta de entrada para quedar xa durante todo o ano. De feito, ainda que tamén hai cativos de fóra, a maior parte dos participantes son de Cedeira. O programa presta especial atención á natación, e hai nenos e nenas que aprenden a nadar durante o mesmo, xunto coa bicicleta e o atletismo, e se desenvolve na piscina municipal e nas instalacións do IES Punta Candieira, con diferentes grupos e horarios, durante as mañás de xullo e agosto.

Campus Multiactividade do Cedeira SD: Entre 50 e 60 nenos con idades comprendidas entre os 7 e os 14 anos participan en quendas quincenais ou mensuais neste programa do club de fútbol local, que tamén funciona na práctica como un espazo para descubrir novos deportistas e espertar o interese por pertencer ao equipo durante todo o ano. Máis do 70% dos nenos e nenas participantes son de Cedeira, ainda que tamén acude un grupo de Ortigueira e veraneantes. Hai catro xogadores do Cedeira SD desenvolvendo o programa, cada mañá de 10.00 a 14.00h. E como o seu nome indica, ademais de fútbol hai moitas outras actividades na piscina, na praia…

Escola do Cedeira Basket Club: con só tres meses de vida, o novo club de baloncesto de Cedeira foi quen de organizar por primeira vez o seu curso de verán, que conta con 32 rapaces e rapazas de entre 7 e 14 anos este mes. Para agosto contan a estas alturas con 22 apuntados. É, tal como explica Félix Fraguela, unha escola de iniciación ao baloncesto na que a entidade espera ter tamén sumar novos e novas xogadoras para os seus equipos. As actividades desenvólvense os luns, mércores e venres, de 10.00 a 12.00 h, no pavillón municipal. Como o resto dos programas de entidades deportivas, a proposta ten un espíritu lúdico no que prima o xogo e o divertimento.

Divertilandia: A oferta para a conciliación da vida familiar e laboral en Cedeira conta tamén coa alternativa deste parque infantil. A súa responsable, Teri Pérez, comenta que hai unha media de 40 nenos, de entre 3 e 12 anos, e catro monitoras ao longo das mañás de xullo e agosto e que as actividades son moi variadas e adaptadas á climatoloxía. Tanto poden estar no local facendo un biscoito como ir ao parque ou á praia para aproveitar o aire libre.

O QUINTETO AMALTEA ABRE O VENRES EN CEDEIRA VARIOS DÍAS DE ACTIVIDADES ATA A CELEBRACIÓN DE SANTA ANA

O Auditorio Municipal de Cedeira acollerá este venres, a partir das 21.00 h, a actuación do grupo Amaltea, un quinteto que ofrece unha mistura de música folk e indie en versión acústica, cun selo moi persoal e íntimo. A banda naceu na cidade da Haya, no ano 2020, e ten publicado o seu primeiro album, que presentan este mes nunha xira por Galicia que os levará, ademais de a Cedeira, ás cidades de Ourense e Santiago.

Amaltea está formada polo músico italiano Lorenzo Matrogregori (percusión), polo uruguayo Guzmán Calzada (guitarra), polo galego Xaquín Cribeiro (violín e voz), a catalá Laura Foxá (cello e voz) e o murciano Miguel Moreno (contrabaixo). Os dous primeiros veñen do mundo de jazz, o pop e a electrónica, e os demais son profesionais do mundo da música clásica e moderna.

A fin de semana traerá máis actividades culturais e lúdicas en Cedeira. Así, a Praza Roxa será o sábado o escenario dunha cita clásica no verán cedeirés, o Festival da Asociación Cultural Buxainas. A agrupación de música e baile galego conta co apoio do Concello e da Deputación da Coruña para celebrar este evento, que comezará as 20.00 h.

O domingo será o Día da Bici, outra cita consolidada ao longo dos anos na vila de Cedeira. Trátase dunha actividade aberta a todas as idades, con dúas modalidades. Realizarase primeiro un paseo dunha hora pola vila, cun percorrido doado para pequenos e maiores, e despois comezará a etapa chamada “A bici tira ao monte”, deseñada para as persoas máis experimentadas sobre as dúas rodas. A saída tomarase ás 11.00 h desde a Praza Roxa, onde tamén poderán realizarse as inscricións desde as 10.30 h. O Concello de Cedeira fará un agasallo á persoa de máis idade e á máis nova que tome parte na actividade.

Por outra banda, a asociación cultural Aturuxeiras convocou unha concentración de traxe tradicional na contorna da Praza Reitoral para celebrar o Día da Patria o vindeiro 25 de xullo. Ás doce do mediodía farase a lectura do manifesto institucional.

Ao día seguinte, 26 de xullo, Cedeira festexará o día de Santa Ana. A programación comezará ás 12.00 h coa tradicional misa cantada pola coral cedeiresa Virxe do Mar, na igrexa de Santa María do Mar, e unha posterior procesión polas rúas do casco antigo que estará acompañada pola Banda de Música Vila de Cedeira. A formación ofrecerá, ao remate do percorrido, un concerto na Praza Roxa. A xornada rematará cunha verbena nocturna amenizada pola orquestra Foliada d’Ases, a partir das 22.30 h tamén na Praza Roxa.

Por outra banda, seguen adiante os roteiros do programa Descobre Cedeira. Hoxe terá lugar o percorrido por San Andrés de Teixido e o vindeiro día 26 desenvolverase o de Pedra Chantada, a novidade deste ano. É unha ruta pensada para amosar a excepcional riqueza natural e paisaxística da Capelada, na que se fai parada en varios miradoiros e no curro. É unha andaina de tres horas que parte e remata na estación de servizo da Trabe. As persoas interesadas poden inscribirse na Oficina de Turismo (teléfono 981 482 187 e correo electrónico mar.lopez@cedeira.gal).

O CENTRO DE OCIO XUVENIL PROPÓN NUMEROSAS ACTIVIDADES LÚDICAS PARA OS MOZOS E MOZAS DA VILA

O Centro de Ocio Xuvenil de Cedeira promoverá durante os meses estivais diversas actividades lúdicas orientadas aos mozos e mozas da vila, como parte da súa proposta para dinamizar e impulsar alternativas de ocio saudable, inclusivo e integrador entre os máis novos da localidade.

O programa arrincara este mércores, día 13, cun obradoiro de iniciación ao graffiti que se vai celebrar entre as 10.30 e as 13.30 horas. Durante ese tempo, a rapazada non só aprenderá técnicas básicas para desenvolver esta rama artística, senón que aproveitará para pólas en práctica decorando unha das paredes interiores do centro. A actividade está orientada a maiores de 12 anos e as prazas son limitadas, polo que é necesario formalizar previamente a inscrición nas dependencias do servizo.

O programa para este verán continuará o sábado 23, coa celebración dunha sesión de cine ao aire libre na que se proxectará o filme “María y los demás”. Concluída a película, e como parte desta “Noite aberta”, os usuarios poderán permanecer algún tempo máis nas instalación facendo uso dos seus recursos. O horario desta actividade nocturna está aínda por determinar.

Durante agosto, o Centro de Ocio Xuvenil promoverá unha iniciativa de corte medioambiental que se desenvolverá nalgún entorno natural da vila, xa sexa na praia, no monte ou na contorna do río; así como un torneo do popular xogo Jenga.

En setembro están previstos dous obradoiros. No primeiro deles, os usuarios participarán na montaxe dun ordenador que quedará a disposición do centro, concretamente da súa sala de música. Nela xa hai dispositivos como un micro, un teclado ou unha mesa de son que os mozos e mozas aprenderán a usar no segundo dos talleres programados para ese mes.

As datas para as actividades de agosto e setembro dependerán en parte das preferencias dos propio rapaces e rapazas, que periodicamente están convocados a unha mesa de participación na que se recollen as súas demandas e suxestións para mellorar o funcionamento destas dependencias.

Vinte e cinco usuarios ao día de media

O Centro de Ocio Xuvenil de Cedeira, que fora inaugurado no ano 2019 nas instalacións da antiga estación de autobuses pero tivo que pechar durante a pandemia, volveu a abrir as súas portas o pasado 1 de abril. Fíxoo coa educadora social Nerea P. Carballeira como técnica responsable da dinamización do espazo e de propor actividades e obradoiros que respondan aos intereses dos mozos e mozas. Neste tempo, e ata a instauración do horario estival, tivo unha afluencia media de vinte e cinco usuarios ao día, porén nalgunhas xornadas chegaron a corenta.

Na actualidade, os interesados poden facer uso das dependencias, que contan cunha mesa de billar, un futbolín, xogos de mesa, vídeo consola e unha sala de música, de martes a xoves de 10.30 a 13.30 horas.

Nesta segunda etapa, a experiencia está sendo do más exitosa, segundo apunta a técnica Narea P. Carballeira, que recalca a participación e boa acollida por parte da rapazada de todas as actividades propostas. “O máis demandado son o billar e o futbolín, pero tamén os xogos de mesa tradicionais e, sobre todo, colectivos, como o Parchís, o Jenga ou o Unno”, apunta. Como curiosidade, sinala que se reduciu o número de vídeo consolas de tres a unha e que esta “case non se usa e non é unha opción prioritaria entre os rapaces e rapazas”.

Ao fío deses patróns de comportamento, Nerea P. Carballeira fai fincapé na faceta integradora do centro, no que non só se dan cita, senón que desfrutan conxuntamente do seu tempo de ocio, mozas e mozos de idades e intereses moi diversos: “Temos nenos e nenas en torno aos 11 ou 12 anos, pero tamén moitos de 18 ou 19. Distintas idades e culturas, pero todos conviven con respecto absoluto. Desde o primeiro momento a integración entre eles e comigo foi total”. Boa proba da implicación deste colectivo co centro é que, “a pesar de que é un rango de idade no que resulta complicado que amosen vinculacións cun espazo municipal como este, moitos deles toman parte activamente nas mesas de participación”.