Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MOCIDADE

DISCALZ@S POLO FESTIVAL VOLVE CO FORMATO DE SEMPRE NESTA OITAVA EDICIÓN Á PRAZA DA REVOLTA

Discalz@s polo Festival recupera este verán o formato habitual, despois de dous anos en versión reducida, co seu escenario de novo na praza da Revolta, acampada gratuíta e cun cartel con variedade e calidade, construído con grupos de referencia do rock, o soul e o blues nacional e bandas galegas de gran proxección, deixando como sempre espazo para grupos locais e da contorna. Sés, que tocará o sábado pola noite, é o prato forte do festival cedeirés, que se desenvolve grazas á colaboración do Concello de Cedeira e chega neste 2022 a oitava edición.

Os organizadores presumen dun evento que “medra pouco a pouco”, sen grandes patrocinadores, e que mantén o seu espíritu e ambiente case familiar para gozar coa calidade de grupos musicais de diferentes estilos. Contan co apoio do Concello de Cedeira, aue custea a contratación de parte dos grupos e equipamento técnico, e que a maiores vai instalar unha rampa para facilitar o acceso ás persoas con problemas de mobilidade. Xunto con iso, o Concello de Cedeira vai colocar durante a celebración das actividades un Punto Lila de información e sensibilización fronte ás agresións sexistas.

Xunto cos apoios institucionais do Concello e a Deputación da Coruña, desde a organización agradecen tamén este ano a colaboración de 22 negocios locais e de Estrella Galicia. Sen olvidar, apuntan, aos socios da entidade cultural Discalz@s polo Festival.

O artista Leandro Lamas é o autor do cartel desta edición, protagonizado por unha rockeira discalza. O orixinal sortearase o sábado no evento –as rifas están á venda por un euro- e a recadación será destinada á sección local da Asociación Española de Loita contra o Cancro. Desta volta, a organización lanzou nas semanas anteriores ao festival, co formato dun crwodfunding, a venda de camisetas, bolsas, reproducións do cartel… que tamén estarán a disposición do público durante os concertos. Tamén prézase Discalz@s polo Festival de ser un evento respectuoso co medio ambiente e no que as persoas participantes practican o civismo e deixan limpo o recinto. Nesta edición volverán vender o vaso para as bebidas ao prezo dun euro, cantidade que se reintegra a quen devolve o vaso, fórmula que contribúe a crear conciencia.

O festival é de entrada libre e gratuíta, e as persoas que o desexen poderán acampar nunhas instalacións dispostas iso no instituto. O programa para a xente pequena desenvolverase o sábado pola tarde, de 17.00 a 21.00 h, e incluirá o espectáculo “Marabilidades” a cargo de Fran Boza e xogos populares.

Os concertos comezarán o venres á noite, con The Soul Jacket, Arizona Baby, King Sapo e Farrapos de Ghaita e co grupo local Díaz Band para inaugurar o escenario a partir das 20.45h. Ao día seguinte haberá sesión vermú, como é habitual, con grupo Sintrom ni Son, da comarca de Ferrol, abrindo e coa banda local Gato Piojoso pechando despois da actuación de Bo Dereck’s. A traca

final será o sábado pola noite, cando se sucederán no escenario The Lákazans, Sés, Monoulious Dop e Liska!. O programa do festival é o seguinte:

VENRES 5 AGOSTO

  • 20.45 Díaz Band
  • 22.00 The Soul Jacket
  • 23.30 Arizona Baby
  • 01.15 King Sapo
  • 02.45 Farrapos de Ghaita

SÁBADO DÍA 6

Sesión vermú:

  • 12.00 Sintrom ni Son
  • 13.15 Bo Dereck’s
  • 14.45 Gato piojoso

Sesión nocturna:

  • 22.00 The Lákazans
  • 23.30 Sés
  • 01.15 Monoulious Dop
  • 02.45 Liska!

COMEZA A SEMANA INFANTIL DE CEDEIRA, CON MAÑÁS CHEAS DE XOGOS E ACTIVIDADES LÚDICAS PARA NENOS E NENAS

O Concello de Cedeira inicia o mes de agosto coa Semana Infantil, unha proposta que nos anos anteriores á pandemia se tiña consolidado como un reclamo máis para as familias no verán da vila. Volve a mesma fórmula que xa se comprobara como un éxito, con xogos deportivos e tradicionais, que a meteoroloxía vai permitir desenvolver ao aire libre, na Praza Roxa, ao longo dos vindeiros días.

Así, a Semana Infantil ofrece actividades na Praza Roxa, a partir das 11.00 h, desde mañá martes ata o venres, dirixidas a nenos e nenas ata os 14 anos. Haberá monitores organizando as actividades, dirixidas a facer do tempo de lecer unha oportunidade para a convivencia e a diversión.

A primeira xornada, mañá a partir das 11.00 h, estará adicada aos xogos atléticos, entres os que estarán as carreiras de velocidade, de resistencia e de relevos. A proposta do mércores serán os “xogos dos avós”, entre os que estarán o do pano, a carreira de zancos e o xogo das cadeiras, entre outros. O xoves chegarán as “carreiras do humor”, nome baixo o que están a do ovo e a culler, a de sacos e o tiro de corda. O programa rematará o venres co tradicional concurso de castelos na area, que se vai desenvolver na praia da Madalena.

A Semana Infantil chega despois dunha fin de semana que estivo especialmente animada para a cativada en Cedeira. A instalación dos tobogáns xigantes foi un ano máis un éxito de participación, tanto de nenos e nenas de todas as idades –que subiron cada un ao inchable máis acaído para a súa idade e altura- como para as persoas maiores, que en moitos casos tamén se animaron a esvarar por eles. Desde o goberno local destacouse tamén o éxito dos torneos de fútbolpraia e de 3×3 de baloncesto, que levaron moita xente á vila e contribuiron ao ambiente bulideiro destes días na localidade.

Por outra banda, segue adiante o programa de rutas guiadas Descobre Cedeira. Mañá martes desenvolverase o “Roteiro dos Tesouros”, con saída ás 10.00 h da Oficina de Turismo, e este xoves, día 4 de agosto, haberá unha ruta por Santo André de Teixido. Neste caso, o percorrido é de 10.00 a 17.00 h, con saída desde a igrexa de Régoa, e recoméndase ás persoas participantes levar a comida. Para inscribirse en calquera delas é preciso ir á Oficina de Turismo, chamar ao 981 482 187 ou ben escribir un mail a mar.lopez@cedeira.gal.

O CONCELLO INSTALA DOUS TOBOGÁNS XIGANTES DESDE MAÑÁ ATA O DOMINGO NA PRAZA DA CONSTITUCIÓN

O Concello de Cedeira instala un ano máis, ante o éxito da proposta, tobogáns acuáticos xigantes para pequenos e maiores. Os inchables estarán a disposición do público na praza da Constitución (A Revolta) a partir da tarde de mañá xoves, ata o vindeiro domingo, e as persoas que queiran lanzarse por eles poderán inscribirse gratuitamente na mesma instalación, que estará atendida por monitores.

Ao igual que o ano pasado, haberá un tobogán máis grande, o “Gravity”, de 35 metros de lonxitude, para o que se esixirá ás persoas usuarias unha altura mínima de 1,5 metros. Tamén funcionará outro máis pequeno, o “Selva”, con dous esvaradoiros de 18 metros. Os tobogáns funcionarán mañá de 16.30 a 20.00 horas e o venres, sábado e domingo de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 h.

Por outra banda, Carlos Breixo, Antón Cortizas, José López Hermida, Manuel López Foxo e Manel Bouzamayor participan hoxe, ás 20.00 h no Auditorio Municipal, na presentación do número nove da revista “Terras do Ortegal”.

Para este xoves está previsto outro roteiro do programa “Descobre Cedeira”. Desta volta será o percorrido pola vila, que se vai desenvolver de 10.00 a 13.00 h, saíndo da Oficina de Turismo. As personas interesadas en participar poden inscribirse no Palacete ou ben escribir un mail a mar.lopez@cedeira.gal.