Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MOCIDADE

Xa están en funcionamento os parques instalados na escola infantil e no CEIP Nicolás del Río

XA ESTÁN EN FUNCIONAMENTO OS PARQUES INSTALADOS NA ESCOLA INFANTIL E NO CEIP NICOLÁS DEL RÍO

Ao esforzo investidor xa realizado polo Concello de Cedeira en materia de xogos infantís cabe agora engadir os 38.050 euros destinados aos parques que xa están a funcionar na escola infantil e no colexio Nicolás del Río.

Trátase dunha nova iniciativa do equipo de goberno para facer das prazas, paseos e centros educativos lugares de encontro de nenos e familias. Con respecto a estas últimas obras realizadas os proxectos executados deron lugar á posta en funcionamento dun total de cinco novos elementos de entretemento, ademais dun chan específico en ámbolos dous espazos.

No patio do centro infantil foron colocados un xogo denominado “urban rail” e unha mesa con motivos de froitas, mentres que no CEIP quedaron instalados dous equipos completos -un en forma de abella e outro de bolboreta – ademais dunha mesa para nenos de 2 a 6 anos de idade. Nesta última intervención tamén foron creados un peche perimetral para limitar a zona de xogo e outro exterior para evitar que os nenos e nenas poidan saír á estrada.

Primeiras actividades de Samaín en Cedeira da man da ANPA Picapeixe

PRIMEIRAS ACTIVIDADES DE SAMAÍN EN CEDEIRA DA MAN DA ANPA PICAPEIXE

As celebracións do Samaín xa están en marcha en Cedeira coas actividades que desde o pasado luns reúnen aos alumnos do colexio Nicolás del Río nos obradoiros e iniciativas organizadas polo ANPA Picapeixe.

Se onte o programa deu lugar á decoración de camisetas hoxe a actividade estará centrada na elaboración de chapas. Iso será ás cinco da tarde xa que despois, ás 18.30 horas, está prevista unha sesión de contacontos e a presentación do obradoiro “Como contar un conto”.

A programación proseguirá ao longo dos dous próximos días coa celebración de novos talleres de manualidades, a proxección de vídeos doutros samains anteriores e a presentación do libro “Catro contos de medo”. Este último acto terá lugar o xoves, a partir das oito da tarde na sala Áncora, local que tamén está a acoller as actividades organizadas pola ANPA Picapeixe.

No Samaín deste ano haberá obradoiros para nenos, pasarrúas de cabazas pola zona vella e concurso de curtas

NO SAMAÍN DESTE ANO HABERÁ OBRADOIROS PARA NENOS, PASARRÚAS DE CABAZAS POLA ZONA VELLA E CONCURSO DE CURTAS

O Samaín sinala a chegada do outono en Cedeira. A celebración deste programa, que se desenvolverá a próxima semana e que terá como datas máis polulares as xornadas do 27 e 28, invita a nenos e maiores, a veciños e visitantes a participar dunha tradición que, no caso da vila, foi recuperada pola Asociación de Amigos do Samaín hai agora case 30 anos.

A organización dos actos corre a cargo do Concello, que conta coa colaboración da ANPA Picapeixe nas actividades protagonizadas polos alumnos do colexio Nicolás del Río. Esta programación especificamente dirixida aos alumnos do centro dará comenzo o luns cun obradoiro de decoración de camisetas, que o martes será de chapas e o mércores e xoves de manualidades. Ademais, haberá sesións de contacontos e a presentación do libro “Catro contos de medo”, prevista para ás oito da tarde do próximo xoves. Durante eses días, a Sala Áncora abrirá as súas portas entre as cinco e oito da tarde para acoller todas estas citas.

Ademais, a partir de onte día 18, está aberto o prazo para participar no concurso de “Curtas Samaín”. A entrega do material pódese levar a cabo a través da Oficina de Turismo ou empregando a aplicación “wetransfer” ao correo amigosdesamain@gmail.com.

As celebracións entrarán, a partir do venres 27, nos dous días máis especiais deste calendario festivo. Nesta primeira xornada haberá obradoiros de colares de zonchos e de pintura para os máis pequenos, ás cinco da tarde, e a actuación de Paco Nogueira, a partir das sete.

Ao día seguinte, sábado, a festa continuará coa presentación de cabazas e melóns ao concurso, a celebración da tradicicional xincana (unha das probas será pasar pola casa das avisións), a “merendola do outono”, e o esperado pasarrúas de calabazas pola zona vella da vila cedeirense, a partir das 19.30 horas.

O acto de entrega de premios dará comezo ás oito da tarde, pero non será ata o día 1 de novembro cando se coñecerán os traballos presentados ao concurso de curtas. Esta última convocatoria terá lugar no auditorio, a partir das 19.30 horas. As demais, excepto as organizadas pola ANPA, celebraranse na carpa que o Concello instalará na zona portuaria.