Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MOCIDADE

Os alumnos do CEIP Nicolás del Río de Cedeira coa campaña “O que se enchufa recíclase”

OS ALUMNOS DO CEIP NICOLÁS DEL RÍO DE CEDEIRA COA CAMPAÑA “O QUE SE ENCHUFA RECÍCLASE”

A campaña de información e sensiblización “O que se enchufa recíclase” está estes días na Praza Roxa de Cedeira, lugar ao que se achegaron os alumnos do CEIP Nicolás del Río. O obxectivo desta campaña é concienciar e informar á cidadanía sobre a importancia de reciclar os residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) así como sobre os lugares e establecementos que teñen ao seu dispor para desfacerse dos produtos inservibles.

Durante a visita dos alumnos do Nicolás del Río, os informadores de “O que se enchufa reciclase” ofrecéronlles unha pequena charla sobre que son os RAEE, onde depositalos e cales son os beneficios da súa reciclaxe.

Na provincia coruñesa hai 158 contedores repartidos noutros tantos establecementos adheridos á campaña para que os veciños poidan depositar os aparellos que xa non usan ou que deixaron de funcionar. A campaña percorre un total de 138 concellos galegos de máis de 4.000 habitantes. Deles, 67 están na provincia de A Coruña.

O Consorcio aproba os proxectos básico e de execución que darán lugar á ampliación da escola infantil de cedeira

O CONSORCIO APROBA OS PROXECTOS BÁSICO E DE EXECUCIÓN QUE DARÁN LUGAR Á AMPLIACIÓN DA ESCOLA INFANTIL DE CEDEIRA

O alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, e máis a concelleira de Cultura, María Xosé Rodríguez Pérez, e o titular de Educación, Robustiano Labraña, reuníronse hoxe co xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, para seguir avanzando na resolución dos trámites que darán lugar á ampliación da escola infantil.

Como resultado do encontro cabe destacar a aprobación por parte do Consorcio dos proxectos básico e de execución realizados polo Concello en base ás directrices marcadas desde o propio Consorcio, así como o compromiso, por ámbalas dúas partes, de manter un novo encontro a mediados do próximo mes para fixar os termos do convenio para acometer as obras. A actuación está valorada en 141.000 euros, dos que o Concello asumirá unha terceira parte do custo da redacción do proxecto e mesmo tamén da ampliación da gardería. Nesa nova xuntanza, o representante da Xunta xa ten previsto presentar un borrador do convenio.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, non ocultou a súa satisfacción de ver como segue a andar unha das prioridades do equipo de goberno para o presente mandato, ademais de destacar que tanto por parte da Xunta como do executivo local “se están a cumprir os compromisos” que farán posible que a vila teña unha escola infantil en función das necesidades reais das familias. Moreda destacou a implicación neste proxecto do goberno local, que foi quen de modificar de uso da propiedade para evitar calquera atranco, e reiterou que o Concello asumirá a financiación da súa parte con cargo aos orzamentos do próximo ano, mentres que a Xunta ten previsto facelo a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

A ampliación da escola infantil suporá engadir un total de 105 metros cadrados máis ás actuais instalacións coa ocupación dun segundo edificio de propiedade municipal e a adecuación das instalacións agora en uso ás condicións impostas desde o Consorcio. Así, no edificio en uso construiranse un aseo de uso público, un despacho, unha sala de mestres e un segundo baño con cambiador incorporado. Na segunda edificación, a reforma dos 105 m2 pasa pola creación dunha aula para nenos de 2-3 anos, un aseo para cativos de tres, unha cociña con despensa de máis de quince metros cadrados, un distribuidor e un acceso á primeira planta. O proxecto complétase con cambios tamén no exterior da escola infantil, entre outros, novos accesos e a creación de máis espazos de xogos.

O Concello pinta as paredes e o chan do pavillón do colexio Nicolás del Río

O CONCELLO PINTA AS PAREDES E O CHAN DO PAVILLÓN DO COLEXIO NICOLÁS DEL RÍO

O Concello de Cedeira volve colaborar coa dirección do colexio Nicolás del Río para manter en bo uso o centro. Só un mes despois da entrada en funcionamento do parque infantil e máis das medidas de seguridade para evitar a saída dos alumnos á estrada, o equipo de goberno dá agora por finalizados os traballos de pintura acometidos no pavillón do Nicolás del Río.

O proxecto consistiu no pintado das paredes e mesmo tamén da pista polideportiva, dadas as malas condicións que presentaban. A obra, que correu a cargo do persoal laboral do Concello, deu lugar ao pintado dunha superficie duns 600 metros cadrados, entre paredes e chan. O investimento ascendeu a uns 2.000 euros.

Con esta intervención, e á espera de que Educación poña data á reunión con Indalecio Cabana -xefe territorial da Consellería- para seguir falando do cambio das fiestras que necesita o centro executivo cedeirense dá por concluídas por este ano as melloras acometidas no colexio ao longo dos últimos meses. O goberno confía agora en que a Xunta continúe coa substitución das fiestras situadas na fachada que dá á praia.