Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MOCIDADE

Cedeira forma aos alumnos do CEIP Nicolás del río e do IES Punta Candieira en educación viaria e mobilidade

CEDEIRA FORMA AOS ALUMNOS DO CEIP NICOLÁS DEL RÍO E DO IES PUNTA CANDIEIRA EN EDUCACIÓN VIARIA E MOBILIDADE

O Concello de Cedeira, a través da concellería de Educación, e a Policía Local volven a poñerse ao frente da Semana de Educación Viaria e Mobilidade que arrincou o luns e que ten como destinatarios aos alumnos do CEIP Nicolás del Río e do IES Punta Candieira.


A programación é tan ampla como variada, ademais de presentar importantes novidades con respecto á súa primeira edición. Este ano haberá actividades específicas dirixidas aos pais e prácticas en coches de autoescola para os alumnos do instituto, que tamén poderán experimentar diferentes graos de reacción na condución gracias a unhas lentes que simulan os efectos de intoxicacións por alcohol, drogas ou medicamentos. Esta experiencia complementarase con charlas impartidas por persoal das entidades Stop Accidentes e Aeslema (Asociación para el Estudio de la Lesión Medular Espinal).

Da man de voluntarios de Protección Civil os estudantes tamén tomarán parte nun simulacro de evacuación dun transporte escolar e grazas á colaboración da asociación Sobre Rodas percorreran en cadeiras de rodas o centro urbano para coñecer a problemática á que se enfrontan moitas persoas no seu día a día á hora de facer desprazamentos.
Tamén forman parte das actividades que estes días os nenos estean a dirixir o tráfico tanto a saída como á entrada dos centros escolares e que xa preparen, como remate destes sete días de Educación Viaria, a celebración dunha xornada dedicada á bicicleta. Será o venres. Ese día estará prohibido o uso de vehículos para acceder ao CEIP Nicolás del Río, de maneira que a vía será ocupada por bicicletas, patines e monopatíns, unha posibilidade aberta tanto a pais como a alumnos.

A organización, que tamén conta coa colaboración da autoescola Xecas, entende que estas actividades e coñecementos terían que formar parte do programa educativo co fin de evitar accidentes de tráfico e para humanizar as cidades con hábitos máis sociais por parte de condutores e peóns.

Cedeira recupera ao fin a estación de buses, que será centro de lecer xuvenil

CEDEIRA RECUPERA AO FIN A ESTACIÓN DE BUSES, QUE SERÁ CENTRO DE LECER XUVENIL

O Concello dedicará máis de 25.000 euros a acondicionar e equipar este espazo.

O edificio da estación de autobuses de Cedeira, que leva anos abandonado, converterase en breve nun centro de lecer xuvenil. O Concello conseguiu ao fin a reversión do inmoble por parte da Dirección Xeral de Mobilidade, un proceso que era automático, ao non esgotarse o prazo de 30 anos desde que se formalizou a cesión, pero cuxa tramitación se demorou. «Non existe inconveniente en que o Concello utilice o ben para ese destino, sempre e cando quede garantido o mantemento do espazo do punto de parada de autobuses actual», segundo precisan desde Patrimonio.

«Estamos cos trámites para cederlles o aparcamento e contamos que o novo centro estea en funcionamento no verán», avanzou o alcalde, Pablo Moreda. O proxecto redactouse hai meses, cun custo de 25.000 euros, que agora podería incrementarse «porque hai que repoñer unha porta que rompeu», explica. O Concello acondicionará e equipará o local, que contará con sala de billar e futbolíns, pantallas de televisión «e distintas zonas de xogo, buscando un equilibrio entre distintas idades».

O centro está pensado para mozos de 12 a 18 anos e abrirá os fins de semana e os festivos, e as tardes dos días lectivos, aínda que o horario está por determinar. «A necesidade converteuse en demanda porque non hai oferta noutro lugar. Teremos que contratar unha persoa para que o xestione», abunda Moreda.

Fonte: La Voz de Galicia

Pode consultar a nova na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Cedeira recupera ao fin a estación de buses, que será centro de lecer xuvenil