Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

A Asociación de Amigos dos Ríos de Cedeira reunirase este mércores na sala multiusos do pavillón

A ASOCIACIÓN DE AMIGOS DOS RÍOS DE CEDEIRA REUNIRASE ESTE MÉRCORES NA SALA MULTIUSOS DO PAVILLÓN

Analizar as accións executadas e planificar as que están por vir é un dos obxectivos da reunión convocada pola Asociación de Amigos dos Ríos de Cedeira (ARCE) para o próximo mércores, día 18 de outubro. A nova sala de usos múltiples do pavillón polideportivo acollerá unha cita que dará comezo ás oito da tarde.

Entre as iniciativas pensadas cara ao futuro está a celebración de charlas, a organización de andainas a caron do río Condomiñas e a toma de contactos con outras entidades coas mesmas inquedanzas, co fin de levar a cabo iniciativas conxuntas, son algunhas ideas que se están a barallar, xunto á necesidade de promover unha campaña de captación de socios.

A reunión tamén dará lugar á renovación de cargos directivos e ao preceptivo turno de preguntas

O Concello pon en marcha unha campaña de sensibilización por un consumo de auga eficiente

O CONCELLO PON EN MARCHA UNHA CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN POR UN CONSUMO DE AUGA EFICIENTE

A seca que está a afectar a Galicia leva ao goberno de Cedeira a iniciar unha campaña de sensibilización entre a veciñanza para advertir aos veciños de que tamén eles poden contribuír a evitar situacións como a que agora se está a dar. Nun pequeno folleto -que se distribuirá entre a poboación local nos próximos días- recóllense, de maneira gráfica, dez claros exemplos do que se pode facer para reducir o consumo de auga. Con accións tan comúns como poden ser pechar as billas, optar pola ducha, encher a carga da lavadora, non deixar aberta a porta da neveira ou instalar dispositivos de aforro en billas e duchas se consume auga de forma eficiente. O Concello tamén pide a colaboración dos veciños no sentido de que informen á empresa Viaqua -concesionaria do servizo de abastecemento de auga- cando vexan unha fonte que non para, unha rega de xardín estragada ou unha avaría na rede.

O Concello demanda de Medio Rural un plan de mantemento para os espazos consorciados que teñen na Serra da Capelada

O CONCELLO DEMANDA DE MEDIO RURAL UN PLAN DE MANTEMENTO PARA OS ESPAZOS CONSORCIADOS QUE TEÑEN NA SERRA DA CAPELADA

O Concello de Cedeira comparte coa Consellería de Medio Rural unhas 2.500 hectáreas de chan na serra da Capelada, uns espazos que hoxe mesmo deron lugar a unha reunión en Santiago para falar do seu presente e futuro. O alcalde, Pablo Moreda Gil, foi recibido pola titular da Consellería, Ángeles Vázquez Mejuto, e máis pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, Belén do Campo Piñeiro.

Moreda Gil valora moi satisfactoriamente a colaboración que a Xunta vén prestar cara á conservación da propiedade, asumindo unilateralmente tanto as podas que se realizan ao longo de todo o ano como os traballos de repoboación que se fan para garantir as características ambientais propias da zona. O rexedor local tamén pide a creación dun plan de mantemento -con dotación orzamentaria- para mellorar aínda máis os recursos e as posibilidades turísticas e ambientais que xa está a ofrecer o lugar. Esta demanda busca mellorar o estado de uso das pistas, dos peches perimetrais e mesmo dos pasos subterráneos para animais. O Concello, ademais, entende que a administración local debería participar na elaboración do devandito plan, dada a importancia que A Capelada representa para Cedeira e mesmo tamén para a comarca en xeral.

O alcalde tamén falou coas responsables da Consellería de Medio Rural da viabilidade de construír, na zona cedeirensa da Capelada, unha pista permanente para carreiras de cabalos. Trátase dunha iniciativa que baralla a Asociación Ecuestre A Crina e coa que o equipo de goberno móstrase de acordo por considerar que tamén axudaría a potenciar a raza autóctona de gando cabalar. A conselleira e a directora xeral comprometéronse a estudar a proposta.