Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello demanda de Medio Rural un plan de mantemento para os espazos consorciados que teñen na Serra da Capelada

O CONCELLO DEMANDA DE MEDIO RURAL UN PLAN DE MANTEMENTO PARA OS ESPAZOS CONSORCIADOS QUE TEÑEN NA SERRA DA CAPELADA

O Concello de Cedeira comparte coa Consellería de Medio Rural unhas 2.500 hectáreas de chan na serra da Capelada, uns espazos que hoxe mesmo deron lugar a unha reunión en Santiago para falar do seu presente e futuro. O alcalde, Pablo Moreda Gil, foi recibido pola titular da Consellería, Ángeles Vázquez Mejuto, e máis pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, Belén do Campo Piñeiro.

Moreda Gil valora moi satisfactoriamente a colaboración que a Xunta vén prestar cara á conservación da propiedade, asumindo unilateralmente tanto as podas que se realizan ao longo de todo o ano como os traballos de repoboación que se fan para garantir as características ambientais propias da zona. O rexedor local tamén pide a creación dun plan de mantemento -con dotación orzamentaria- para mellorar aínda máis os recursos e as posibilidades turísticas e ambientais que xa está a ofrecer o lugar. Esta demanda busca mellorar o estado de uso das pistas, dos peches perimetrais e mesmo dos pasos subterráneos para animais. O Concello, ademais, entende que a administración local debería participar na elaboración do devandito plan, dada a importancia que A Capelada representa para Cedeira e mesmo tamén para a comarca en xeral.

O alcalde tamén falou coas responsables da Consellería de Medio Rural da viabilidade de construír, na zona cedeirensa da Capelada, unha pista permanente para carreiras de cabalos. Trátase dunha iniciativa que baralla a Asociación Ecuestre A Crina e coa que o equipo de goberno móstrase de acordo por considerar que tamén axudaría a potenciar a raza autóctona de gando cabalar. A conselleira e a directora xeral comprometéronse a estudar a proposta.