Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

Cedeira realiza unha campaña de sensibilización contra a herba da pampa

CEDEIRA REALIZA UNHA CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN CONTRA A HERBA DA PAMPA

O Concello de Cedeira está a levar a cabo unha campaña “simbólica” de erradicación da Cortaderia Selloana, máis coñecida como plumacho ou herba da Pampa. Trátase dunha especie exótica invasora que chegou a Galicia a mediados dos anos setenta da man de Audasa que a plantou nas medianas da Autopista do Atlántico. Desde entón vén multiplicándose de maneira exponencial e vertixinosamente nas cunetas das estradas e terreos baldíos, nos que pode alcanzar unha altura de tres metros.

A iniciativa do Concello de Cedeira pasa por actuar naquelas zonas máis sensibles para contribuír a sensibilizar á cidadanía sobre a conveniencia de non favorecer a súa expansión. A campaña xa está en marcha. Os traballos, que corren a cargo de operarios municipais, estanse a levar a cabo na rúa Mariñeiro e no parque do Romeiro.

Desde a área de Medio Ambiente, recoñécese que se trata dunha planta non moi doada de combater. Só se consegue con herbicidas, como o glifosato, ou arrincando ata a última das súas raíces con maquinaria axeitada. Nunca se lle debe plantar lume.

En España está prohibida a súa venta, agás en Canarias. A herba da Pampa despraza ás especies autóctonas e onde medra non hai nin zarzas.

Proxecto subvencionado de equipamento térmico de biomasa: Estufa de biomasa no polideportivo municipal

PROXECTO SUBVENCIONADO DE EQUIPAMENTO TÉRMICO DE BIOMASA: ESTUFA DE BIOMASA NO POLIDEPORTIVO MUNICIPAL

O Concello de Cedeira ten previsto instalar unha estufa de biomasa no polideportivo municipal. O proxecto está subvencionado no marco das axudas do INEGA (Instituto Enerxético de Galicia) para Proxectos de Equipamentos térmicos de biomasa para o ano 2017, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo Feder-Galicia 2014-2020, financiado, xunto ao Concello de Cedeira, pola Xunta de Galicia e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional – FEDER.

O proxecto subvencionado é “INSTALACIÓN DE ESTUFA DE BIOMASA NO POLIDEPORTIVO MUNICIPAL” (IN421IG-17R179).

A estufa de biomasa, da tipoloxía de aire, terá unha potencia instalada de 9,05 kw e cun rendemento do 92,70%. O obxectivo final da súa instalación é acadar unha axeitada climatización para o uso do espazo e un tipo enerxía económico e medioambientalmente máis sustentable.

Organizan unha xornada dedicada á elaboración de xabón a partir de aceites usados

ORGANIZAN UNHA XORNADA DEDICADA Á ELABORACIÓN DE XABÓN A PARTIR DE ACEITES USADOS

O Concello de Cedeira convoca para mañá martes a celebración dunha xornada dedicada á elaboración de xabón a partir de aceites de fritura usados. A actividade dará comezo ás sete da tarde e terá lugar na sala de usos múltiples no pavillón polideportivo.

A participación é libre e gratuíta e a materia será impartida pola bióloga María José Leira. Desde a Concellería de Medio Ambiente invítase á veciñanza a tomar parte dunha iniciativa de contido ecolóxico pero tamén económico xa que axudará a aforrar cartos.