Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

Cedeira aproba o convenio do Xeoparque e a reurbanizacion da rúa Convento por importe de case 70.000 euros

CEDEIRA APROBA O CONVENIO DO XEOPARQUE E A REURBANIZACION DA RÚA CONVENTO POR IMPORTE DE CASE 70.000 EUROS

O goberno de Cedeira volveu sacar adiante por unanimidade os dous asuntos que figuraban na orden do día do pleno celebrado onte pola vía de urxencia e de carácter extraordinario. Así, a corporación municipal aprobou o convenio intermunicipal que dará lugar a unha inxección de medio millón de euros, por parte da Deputación da Coruña, para o desenvolvemento do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, unha iniciativa participada por seis concellos máis que representará a promoción dos recursos e produtos locais e unha oferta xeoturística como a que nos últimos anos está a facer de Cedeira unha referencia no mundo da xeoloxía.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, e maila concelleira de Cultura e Turismo, María Xosé Rodríguez Pérez, representarán os intereses de Cedeira no consello de dirección do convenio interadministrativo, un instrumento de cooperación, sen personalidade xurídica, que permitirá aos concellos agrupados dispoñer do apoio xurídico, económico e técnico da Deputación para regular e poñer en marcha o proxecto do Xeoparque.

A segunda cuestión aprobada polo pleno dará lugar á reurbanización da rúa Convento co compromiso do equipo de goberno de incluír no orzamento municipal os fondos necesarios para facer fronte á achega municipal aos investimentos do Plan + Adicional 1/2017, aínda que o Concello xa ten os cartos para acometer a obra. A intervención supón unha inversión de 69.965,83 euros e consistirá na substitución do actual pavimento a base de adoquín e formigón impreso por lousas de granito, a renovación do mobiliario urbano e a instalación dunha nova rede de recollida de pluviais e outra eléctrica para a substitución do alumeado público.

A escultura dos músicos se mantén e incorpórase ao novo deseño da rúa, á que se seguirá sen se poder acceder desde María Mediadora mediante a instalación de catro bolardos extraíbles. En canto á renovación do mobiliario urbano, cabe sinalar que haberá catro novas luminarias led de 4,50 metros de altura; tres bancos -dous dobres e un triple- con respaldo de cor negra; tres xardineiras e dúas papeleiras. O prazo de execución das obras é de dous meses.

O goberno municipal xustifica este investimento en base ao resultado da consulta pública feita recentemente sobre mobilidade. Os veciños mostráronse especialmente partidarios dunha vila máis accesible e máis humanizada. O alcalde, Pablo Moreda Gil, entende que “é necesario corrixir a política que se estaba levando a cabo como resposta á demanda da cidadanía, que pide accesibilidade para todos e maior presenza de árbores e xardineiras nas rúas”.

 

Impulso ao Xeoparque do Cabo Ortegal

IMPULSO AO XEOPARQUE DO CABO ORTEGAL

Os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño someterán á aprobación do pleno, antes do 15 de novembro, o convenio de colaboración coa Deputación da Coruña para impulsar o Xeoparque do Cabo Ortegal. As sete administracións locais e a provincial constituirán unha comunidade intermunicipal para sacar adiante este proxecto, cunha achega inicial da Deputación de medio millón de euros, a través da área de Turismo e Patrimonio Histórico-Artístico, dirixida polo nacionalista Xosé Regueira.

¿Que é un xeoparque e que significa formar parte deste tipo de figura?

«Un xeoparque é un territorio que aposta por unha estratexia de desenvolvemento sostible, baseándose nos seus valores naturais e culturais», indican os sete concellos implicados no proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. «Ser xeoparque implica formar parte da rede europea e global de xeoparques, ter un compromiso claro co desenvolvemento local, así como unha oferta xeoturística e a promoción dos recursos e produtos locais. É unha figura de recoñecemento do interese xeolóxico dunha zona, que serve para potenciar as actividades e produtos locais […]. O beneficio só vai recaer na poboación local», abundan desde a Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal, organización creada no ano 2005 para divulgar este proxecto, impulsado polo doutor en Xeoloxía Francisco Canosa.

¿Pertencer a un xeoparque implica algún tipo de restrición?

O recoñecemento dun territorio como geoparque «non supón ningunha prohibición sobre as actividades e usos do terreo. Non é un parque natural, nacional ou semellante, a xente non se vai ver afectada. Só haberá certos puntos, lugares de interese xeolóxico, que se tratarán de conservar, debido á súa importancia, pero farase desde as institucións municipais, chegando a un previo acordo coa poboación. Porque un xeoparque créase para mellorar a vida das persoas, non para xerarlles problemas», aclaran desde o colectivo Cabo Ortegal. A entidade defende este proxecto, «que pode cambiar ou rumbo» dunha zona «moi deprimida, en decadencia económica, pero cun enorme potencial como xeoparque», agregan.

¿Cal será a función da comunidade intermunicipal?

A primeira misión do novo organismo será redactar o plan director do Xeoparque do Cabo Ortegal. A xestión compartida correrá a cargo dun consello de dirección, composto por representantes das corporacións locais e a Deputación. A comunidade permitirá «afondar nos espazos de cooperación, sen que signifique maiores gastos nin compromisos económicos, coa necesidade de garantir a eficiencia, a calidade e a sustentabilidade das actividades e servizos públicos», remarcan os alcaldes.

¿Que superficie abarca e con cantos lugares de interese xeolóxico conta?

No documento elaborado por Francisco Canosa recóllense 52 lugares de interese xeolóxico e cinco sitios de relevancia internacional, repartidos polos 630 quilómetros cadrados de superficie dos sete municipios. O geólogo leva dous anos realizando diversas actividades, por iniciativa propia e de varios concellos, para divulgar este patrimonio, que inclúe formacións únicas como a praia de areas negras de Teixidelo (Cedeira), praias de area vermella, afloramentos de lava, granitos negros, restos glaciares ou rocas que adoitan atoparse a 70 quilómetros de profundidade e que aquí se poden observar a primeira ollada.

¿Que suporía para un concello quedar fose do proxecto?

A Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal teno claro: «Precísase o apoio de todos […], o xeoparque só entende de persoas e non de partidos políticos. Quedar fóra sería deixar escapar unha oportunidade única e un erro irreparable por parte dos políticos que voten en contra. Pensade nun futuro mellor e xuntos, sempre sumando».

Fonte: La Voz de Galicia
Pode consultar a nova na seguinte ligazón:
IR Á LIGAZÓN Impulso ao Xeoparque do Cabo Ortegal

Cedeira realiza unha campaña de sensibilización contra a herba da pampa

CEDEIRA REALIZA UNHA CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN CONTRA A HERBA DA PAMPA

O Concello de Cedeira está a levar a cabo unha campaña “simbólica” de erradicación da Cortaderia Selloana, máis coñecida como plumacho ou herba da Pampa. Trátase dunha especie exótica invasora que chegou a Galicia a mediados dos anos setenta da man de Audasa que a plantou nas medianas da Autopista do Atlántico. Desde entón vén multiplicándose de maneira exponencial e vertixinosamente nas cunetas das estradas e terreos baldíos, nos que pode alcanzar unha altura de tres metros.

A iniciativa do Concello de Cedeira pasa por actuar naquelas zonas máis sensibles para contribuír a sensibilizar á cidadanía sobre a conveniencia de non favorecer a súa expansión. A campaña xa está en marcha. Os traballos, que corren a cargo de operarios municipais, estanse a levar a cabo na rúa Mariñeiro e no parque do Romeiro.

Desde a área de Medio Ambiente, recoñécese que se trata dunha planta non moi doada de combater. Só se consegue con herbicidas, como o glifosato, ou arrincando ata a última das súas raíces con maquinaria axeitada. Nunca se lle debe plantar lume.

En España está prohibida a súa venta, agás en Canarias. A herba da Pampa despraza ás especies autóctonas e onde medra non hai nin zarzas.