Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

Convenio de recollida selectiva de envases na hostelaría

CONVENIO DE RECOLLIDA SELECTIVA DE ENVASES NA HOSTELARÍA

O concello de Cedeira vén de asinar con Ecoembes un convenio de recollida selectiva de envases lixeiros (plásticos, briks e latas de aluminio e aceiro) no sector dos hoteis, restaurantes e cafeterías (HORECA) que contribuirá , sen dúbida, á mellora e conservación do medioambiente.

Como non podía ser doutra maneira, o acordo cos empresarios é voluntario e, previa información por parte da empresa, reciben uns cubos que posteriormente baleirarán nos contedores repartidos polas rúas.

Os establecementos locais que aceptaron sumarse a este proxecto son :

A Marieta, Vilavella, Lanús, El Marino (O Ramón), O Litoral, Pulpería A Ría, La Pasión Turca, O Areal, A Revolta, Stop, O Lar, A Casa do Bacalao, O Amanexo, A Balandra, Alex, O Galo, La Bocatería, O Sheriff, La Parra, O Hórreo, Café Plaza. O Marisco, Galifornia, Dakar, Playa Mar, A Bodega( Alitas), A Ponte, O Pinzón, A Marina, Uruguay, Ipanema, Areal 2.

Entre tod@s, aportando cada un de nós o que parece unha gota de auga na inmensidade do océano, conseguiremos mellorar paulatinamente a saúde do Planeta.

O programa das xeorutas incrementou un 17% o número de participantes

O PROGRAMA DAS XEORUTAS INCREMENTOU UN 17% O NÚMERO DE PARTICIPANTES

O programa de Xeorutas volve deixar un bo sabor de boca cun incremento dun 17% de participación con respecto á campaña de 2017 e cunha moi alta valoración por parte das persoas que tomaron parte nesta iniciativa de turismo alternativo. O número de participantes ascendeu a 541, fronte aos 464 do ano anterior. Por procedencia, a máis numerosa foi o galega, cun 38%, seguida dos residentes na comarca, que representaron un 36% do total. Desta estatística tamén se desprende que os visitantes doutras comunidades autonómicas foron un 24% e que os turistas extranxeiros representaron un 2%. Países como Francia, Suiza e Estados Unidos foron a orixe do maior número de viaxeiros.

Nunha comparativa con respecto á tempada 2017 cabe destacar un incremento dun 36% do turismo de dentro da comunidade autónoma, así como un descenso dun 7% do que se refire á comarca e un 20% do resto do Estado. Estas baixadas xustifícanse en base aos malos datos turísticos que, a nivel xeral, deixou o pasado mes de xullo.

Os responsables do proxecto destacan a súa consolidación, así como a importancia do mesmo cara á posta en marcha do Xeoparque do Cabo Ortegal. Neste sentido, se ademais de contabilizar as 541 persoas que tomaron parte nas xeorutas promovidas desde Cedeira se teñen en conta as levadas a cabo polos concellos de Cariño, Valdoviño, Moeche e Ortigueira – tamén implicados en dito obxectivo- as saídas xeolóxicas guiadas ascende no seu conxunto a 783 visitantes.

No caso de Cedeira, a tempada de verán das Xeorutas estivo operativa entre os días 1 de xullo e 12 de setembro. Ás rutas xa consolidadas do Cromo, Os Cantís, Praias Negras e Granate este ano foi engadida a denominada Litoral, unha das que despertou un maior interés por parte do turismo nacional, mentres que o turismo galego decantouse polas do Cromo e Praias Negras e o da comarca por esta última e máis a do Granate.

Cedeira esixe transparencia para saber se as verteduras da depuradora contaminan

CEDEIRA ESIXE TRANSPARENCIA PARA SABER SE AS VERTEDURAS DA DEPURADORA CONTAMINAN

As verteduras de líquido pestilente de cor parduzco desde a depuradora de augas residuais de Cedeira repetíronse durante o verán, sen que se coñeza, ata o momento, o tipo de material. O Concello esixe transparencia para saber se se trata dun produto contaminante. «Desde a empresa [concesionaria] din que son lodos procedentes da limpeza da instalación, pero por sentido común e por responsabilidade, débese facer unha analítica para ter toda a información», recalca o alcalde, Pablo Moreda.

«Se se analizan todas as augas da vila, por que non se fai tamén cos vertidos da depuradora», pregúntase o rexedor, que non dubida nin desconfía de Augas de Galicia, pero insiste « na necesidade de ter información real e sobre iso poder aclarar ou sucedido e corrixilo». O concelleiro de Medio Ambiente, Camilo Casal, denunciou varias verteduras no río Condomiñas no que vai de tempada estival.

O 6 de agosto, el e varios membros da Asociación para a Defensa dos Ríos de Cedeira paseaban pola marxe da canle, desde a ponte da Acea, cando detectaron que a auga deixaba de ser transparente e tornábase dunha cor marrón, «con abundante escuma e un cheiro nauseabundo». Ao día seguinte detectouse o mesmo problema. E o 22 de agosto volveu producirse unha descarga ao río procedente da estación (era polo menos a cuarta nun mes). «O máis grave é que en canto o persoal da planta detectou a nosa presenza, o caudal comezou a diminuír e o líquido a facerse máis transparente, o que significa que nin é puntual nin accidental», concluía o edil. As verteduras acaban na praia e a situación repítese, con maior ou menor gravidade, desde hai varios anos.

Fonte: La Voz de Galicia
Pode consultar a nova na seguinte ligazón:
IR Á LIGAZÓN Cedeira esixe transparencia para saber se as verteduras da depuradora contaminan