Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

O Condomiñas, un señor río

O CONDOMIÑAS, UN SEÑOR RÍO

Continúa o desbroce da ribeira do río Condomiñas, así como a retirada do seu cauce tanto do arbolado morto que dificulta o seu decorrer e propicia os desbordes en certas épocas do ano como de grandes cantidades de plásticos e todo tipo de enseres que remataron alí polo incivismo dunha minoría con nula sensibilidade medioambiental e que pensa que o río é unha esterqueira.

Trátase do treito que comeza na ponte da Acea, augas arriba, e que permite o paseo ao longo de case dous kilómetros, aínda que con certas dificultades que se irán solucionando pouco a pouco. O polígono da Xunqueira segue a ser un obstáculo insalvable pola marxe esquerda (un par de naves impiden o paso), polo que se recomenda iniciar o percorrido pola marxe dereita e cruzalo por algunha das dúas pontelas existentes, que se irán mellorando co tempo e cuxo número se verá incrementado.

Convidamos a todo o mundo a que desfrute do paseo, dos paxaros, peixes e árbores de gran porte. O río parece outro, mesmo máis grande e espectacular agora no outono. Non podemos volver tolerar que a maleza nos prive deste noso pequeno paraíso.

O Castelo da Concepción recibiu a visita do Colexio Lestonnac

O CASTELO DA CONCEPCIÓN RECIBIU A VISITA DO COLEXIO LESTONNAC
O pasado martes 25 de setembro os alumnos de Secundaria do Colegio Lestonnac, en Ferrol, desfrutaron dunha xornada de convivencia en Cedeira, onde visitaron o Castelo da Concepción, a Punta Sarridal, co seu castro, e a Praia da Magdalena. Contamos cos catro cursos da ESO, 100 persoas en total, polo que foi necesario dividir o grupo en dous para un mellor disfrute do lugar. Podedes atopar máis imaxes da xornada completa na seguinte ligazón:
Na visita ao centro de interpretación do Castelo da Concepción, os nenos e nenas percorreron todo recinto coñecendo a súa historia e usos, para o cal fixeron varias paradas no antigo polvorín, nas salas expositivas e, sobre todo, na zona de combate onde fixemos uso dun canón do século XVIII cos proxectís orixinais e os instrumentos que facilitaban a carga do explosivo e a súa posterior limpeza.
Foi unha visita maravillosa, agardámosvos!
Recordamos que o Castelo da Concepción permanece aberto ao público de martes a domingo, con visita guiada ás 18:00 h todos os días.
A visita comentada para grupos pode ser concertada con antelación chamando á oficina de turismo de Cedeira no 607852338.
[lsvr_gallery_cpt gallery=”13983″ items_per_row=”3″]

O Concello de Cedeira instala leds en 26 luminarias das prazas Roxa e López Cortón e na zona do colexio

O CONCELLO DE CEDEIRA INSTALA LEDS EN 26 LUMINARIAS DAS PRAZAS ROXA E LÓPEZ CORTÓN E NA ZONA DO COLEXIO

O goberno de Cedeira vén de adxudicar á empresa Jesús Lozano Casal a substitución dun total de 26 luminarias de vapor de sodio por tecnoloxía led nos xardíns da praza Roxa, na praza de López Cortón e nas inmediacións do CEIP Nicolás del Río. O importe do contrato supera os 15.000 euros (IVE incluído). A instalación correrá a cargo do servizo de obras do Concello.

O executivo local volve así a apostar pola máis alta eficiencia enerxética ao menor custo posible para iluminar unha das zonas más frecuentadas da vila por persoas de todas as idades.

O equipo de goberno estima que a aposta polas novas tecnoloxías está a representar un aforro económico dun 70% na factura da luz, ademais doutras ventaxas do tipo medioambiental. Estas consideraciones foron as que levaron ao Concello a colocar luminarias con tecnoloxía led na maior parte do casco vello, así como entre as pontes vella e nova, na rúa Mariñeiro e nos denominados xardíns da Mariña.

Esta política ademais tamén se traslada ao medio rural. Cedeira conta cun total de sete parroquias das que seis son rurais. A necesidade de evitar agravios comparativos e de fixar poboación no medio rural levou ao goberno municipal a investir algo máis de 7.500 euros (IVE incluído) na compra e instalación de trinta novas luminarias de tecnoloxía led para darlle continuidade ao labor do executivo no sentido de trasladar a mellora dos servizos públicos tamén ao medio rural. DIEXFE é o nome da empresa contratada e que xa está a acometer os traballos.