Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

O PLAN DE ACCIÓN PARA O CLIMA DE CEDEIRA CONCRETA 38 MEDIDAS PARA REDUCIR AS EMISIÓNS NUN 40% ATA 2030

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, informou de que xa está redactado e listo para levar ao próximo pleno da corporación o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACEs), no que se debuxa unha pormenorizada folla de ruta con 38 medidas a adoptar para reducir as emisións de CO2 do municipio nun 40% ata o ano 2030. “O compromiso do goberno local co medio ambiente é firme, e con este programa o obxectivo é non só mellorar a eficiencia das instalacións municipais, senón tamén implicármonos todos e todas no concello para avanzar cara a unha economía verde, circular e sostible”.

O plan é consecuencia da adhesión do Concello de Cedeira ao “Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía”, unha iniciativa na que están unhas 7.000 entidades locais de 57 países. Na vila cedeiresa os grupos municipais apoiaron unanimemente a sinatura deste compromiso en xaneiro deste ano. Había, a partir de entón, un prazo de dous anos para entregar este Plan de Acción, cuxa execución verificarase con novos informes bianuais.

O plan toma como punto de partida a situación medioambiental de Cedeira no ano 2011, cando o municipio emitía á atmósfera 25.326 toneladas de CO2. O obxectivo é reducilas nun 40%, ata as 14.626 toneladas. Segundo o inventario de emisións realizado no PACEs, o transporte privado e comercial é responsable de preto do 52€ destas emisións, seguido dos edificios, equipamentos e instalacións residenciais, co 20%. O sistema de alumamento público e os edificios e instalacións municipais causan o 2,83% das emisións totais.

O Plan, cofinanciado pola Consellería de Medio Ambiente con fondos Feder, propón un total de 38 accións concretas, divididas en 22 medidas dentro da liña de mitigación e 16 da liña de adaptación, para acadar os obxectivos en eficiencia enerxética, enerxías renovables, mobilidade sostible, concienciación, resiliencia, etc.

No eido da mitigación hai propostas que xa están en marcha, como é a substitución das lámpadas de sodio da iluminación pública polas de tipo led, máis eficientes, e outras como a progresiva adaptación da frota de vehículos municipais por outros menos contaminantes, a instalacións de cargadores para coches eléctricos, a implantación da etiqueta “comercio sostible” ou a incentivación da mobilidade a pé ou en bicicleta.

Na categoría de adaptación, o PACEs inclúe entre as 16 medidas a adoptar a implantación de caudalímetros que melloren o control do consumo de auga, os sistemas de rego intelixentes, a ampliación das zonas verdes e a plantación de especies autóctonas ou, entre outras, a realización de campañas de sensibilización entre a poboación escolar.

O alcalde subliñou a importancia que ten o respecto ao medio ambiente para o goberno local e dixo que as iniciativas neste eido xa deron resultados positivos, en referencia á cualificación das augas das praias da Magdalena e de Area Longa, que veñen de obter un “excelente” por primeira vez en moitos anos. Moreda apuntou tamén que para a implementación de medidas que melloren a eficiencia medioambiental o Concello de Cedeira poderá contar con axudas europeas.

PLAN DE ACCIÓN PARA O CLIMA E A ENERXÍA SOSTIBLE (PACEs)

O Concello de Cedeira adheriuse ao Pacto das Alcaldías o 30 de xaneiro de 2020 obrigándose, segundo o compromiso asinado, a elaborar o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía (PACES) nun prazo máximo de dous anos, tras a sinatura de adhesión ao pacto.

O Plan de Acción Plan de Acción parao Clima e a Enerxía (PACES) de Cedeira é un instrumento da administración local en camiñado a:

  • Elaborar un inventario de emisións do concello de Cedeira, para os efectos de obter un diagnóstico de referencia das emisións de GEI (Gases de Efecto lnvernadoiro) resultantes do consumo de enerxía.
  • Definir accións de minimización con fin de aumentar a eficiencia enerxética e diminuír o consumo de enerxía no concello, e, por conseguinte, que procuren diminuír as emisións de GEI e melloren a calidade do alER do territorio.

Na seguinte ligazón pode accederse ao resume executivo:

DESCARGAR PDF Resumo executivo do Pacto de Alcaldes (Proxecto PACES)

AS AUGAS DA MAGDALENA E AREA LONGA ACADAN POR PRIMEIRA VEZ EN ANOS A CUALIFICACIÓN DE “EXCELENTES”

Os controis de calidade das augas realizados polo Sergas nas praias cedeiresas da Magdalena e Area Longa outórgalles a clasificación de “excelentes”, a máxima valoración no programa de Saúde Pública da Xunta. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que é a primeira vez en moitos anos que os areais da localidade acadan esta boa situación sanitaria, que considerou unha consecuencia directa da decidida aposta polo coidado e mellora do medio ambiente que emprendeu o equipo de goberno no mandato anterior e que continua hoxe. “Para nós esta é unha nova importantísima, da que nos sentimos moi orgullosos”, subliñou o rexedor.

A cualificación de “excelente” que acaba de publicar a Xunta é a que permanecerá vixente durante o ano 2021 para as dúas praias cedeiresas. Moreda recordou que as augas do areal da Magdalena tiveron nos anos 2011, 2012 e 2014 unha cualificación sanitaria de “insuficiente”, cun “suficiente” polo medio, no ano 2013, que foi a nota que tamén lle deu a Xunta do 2015 a 2017. A calidade elevouse a “boa” nos anos 2018 e 2019 e por fin chega no 2020 ao “excelente”.

Desde o goberno municipal ponse esta nova en relación coas moitas accións emprendidas nestes anos para a mellora da situación medioambiental en Cedeira. As intervencións para ampliar a rede de saneamento separativa no municipio, as limpezas realizadas no río, a recollida de aceites, a campaña para acabar cos verquidos contaminantes a través dos sumidoiros… así como as xestións realizadas ante outras administracións como Augas de Galicia e Portos, que tamén se traduciron en accións efectivas, deron como resultado esta mellora palpable nas augas dos areais cedeireses.

Cómpre sinalar tamén que Concello de Cedeira está a realizar actualmente un estudo ambiental do curso do río Condomiñas nun tramo de cinco quilómetros desde a Ponte da Acea ata o muíño de Chimparra, cara a abordar o seu acondicionamento.