AS AUGAS DA MAGDALENA E AREA LONGA ACADAN POR PRIMEIRA VEZ EN ANOS A CUALIFICACIÓN DE “EXCELENTES”
Os controis de calidade das augas realizados polo Sergas nas praias cedeiresas da Magdalena e Area Longa outórgalles a clasificación de “excelentes”, a máxima valoración no programa de Saúde Pública da Xunta. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que é a primeira vez en moitos anos que os areais da localidade acadan esta boa situación sanitaria, que considerou unha consecuencia directa da decidida aposta polo coidado e mellora do medio ambiente que emprendeu o equipo de goberno no mandato anterior e que continua hoxe. “Para nós esta é unha nova importantísima, da que nos sentimos moi orgullosos”, subliñou o rexedor.
A cualificación de “excelente” que acaba de publicar a Xunta é a que permanecerá vixente durante o ano 2021 para as dúas praias cedeiresas. Moreda recordou que as augas do areal da Magdalena tiveron nos anos 2011, 2012 e 2014 unha cualificación sanitaria de “insuficiente”, cun “suficiente” polo medio, no ano 2013, que foi a nota que tamén lle deu a Xunta do 2015 a 2017. A calidade elevouse a “boa” nos anos 2018 e 2019 e por fin chega no 2020 ao “excelente”.
Desde o goberno municipal ponse esta nova en relación coas moitas accións emprendidas nestes anos para a mellora da situación medioambiental en Cedeira. As intervencións para ampliar a rede de saneamento separativa no municipio, as limpezas realizadas no río, a recollida de aceites, a campaña para acabar cos verquidos contaminantes a través dos sumidoiros… así como as xestións realizadas ante outras administracións como Augas de Galicia e Portos, que tamén se traduciron en accións efectivas, deron como resultado esta mellora palpable nas augas dos areais cedeireses.
Cómpre sinalar tamén que Concello de Cedeira está a realizar actualmente un estudo ambiental do curso do río Condomiñas nun tramo de cinco quilómetros desde a Ponte da Acea ata o muíño de Chimparra, cara a abordar o seu acondicionamento.