O PLAN DE ACCIÓN PARA O CLIMA DE CEDEIRA CONCRETA 38 MEDIDAS PARA REDUCIR AS EMISIÓNS NUN 40% ATA 2030
O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, informou de que xa está redactado e listo para levar ao próximo pleno da corporación o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACEs), no que se debuxa unha pormenorizada folla de ruta con 38 medidas a adoptar para reducir as emisións de CO2 do municipio nun 40% ata o ano 2030. “O compromiso do goberno local co medio ambiente é firme, e con este programa o obxectivo é non só mellorar a eficiencia das instalacións municipais, senón tamén implicármonos todos e todas no concello para avanzar cara a unha economía verde, circular e sostible”.
O plan é consecuencia da adhesión do Concello de Cedeira ao “Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía”, unha iniciativa na que están unhas 7.000 entidades locais de 57 países. Na vila cedeiresa os grupos municipais apoiaron unanimemente a sinatura deste compromiso en xaneiro deste ano. Había, a partir de entón, un prazo de dous anos para entregar este Plan de Acción, cuxa execución verificarase con novos informes bianuais.
O plan toma como punto de partida a situación medioambiental de Cedeira no ano 2011, cando o municipio emitía á atmósfera 25.326 toneladas de CO2. O obxectivo é reducilas nun 40%, ata as 14.626 toneladas. Segundo o inventario de emisións realizado no PACEs, o transporte privado e comercial é responsable de preto do 52€ destas emisións, seguido dos edificios, equipamentos e instalacións residenciais, co 20%. O sistema de alumamento público e os edificios e instalacións municipais causan o 2,83% das emisións totais.
O Plan, cofinanciado pola Consellería de Medio Ambiente con fondos Feder, propón un total de 38 accións concretas, divididas en 22 medidas dentro da liña de mitigación e 16 da liña de adaptación, para acadar os obxectivos en eficiencia enerxética, enerxías renovables, mobilidade sostible, concienciación, resiliencia, etc.
No eido da mitigación hai propostas que xa están en marcha, como é a substitución das lámpadas de sodio da iluminación pública polas de tipo led, máis eficientes, e outras como a progresiva adaptación da frota de vehículos municipais por outros menos contaminantes, a instalacións de cargadores para coches eléctricos, a implantación da etiqueta “comercio sostible” ou a incentivación da mobilidade a pé ou en bicicleta.
Na categoría de adaptación, o PACEs inclúe entre as 16 medidas a adoptar a implantación de caudalímetros que melloren o control do consumo de auga, os sistemas de rego intelixentes, a ampliación das zonas verdes e a plantación de especies autóctonas ou, entre outras, a realización de campañas de sensibilización entre a poboación escolar.
O alcalde subliñou a importancia que ten o respecto ao medio ambiente para o goberno local e dixo que as iniciativas neste eido xa deron resultados positivos, en referencia á cualificación das augas das praias da Magdalena e de Area Longa, que veñen de obter un “excelente” por primeira vez en moitos anos. Moreda apuntou tamén que para a implementación de medidas que melloren a eficiencia medioambiental o Concello de Cedeira poderá contar con axudas europeas.