Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

ARCE E CONCELLO DENUNCIAN A PRANTACIÓN DE EUCALIPTOS NA SERRA DA CAPELADA

A asociación ARCE e o Concello de Cedeira denuncian que en diferentes puntos da serra da Capelada, concretamente á beira e nas proximidades de ríos e regatos, se teñen realizado ultimamente talas indiscriminadas de árbores autóctonas e se están a plantar eucaliptos. “O caso que hoxe nos ocupa e preocupa ubícase á altura da ponte da Braxe, á beira do río do mesmo nome e sen respectar a zona de protección do curso fluvial, o máis caudaloso da serra, nun lugar polo que pasan frecuentemente axentes forestais e do Seprona”, explicou Camilo Casal, presidente da asociación.

“Demandamos da Xunta de Galicia que asuma a súa responsabilidades e deixe de mirar para outro lado como se non fose con ela”, dixo o presidente de ARCE, que recordou tamén que se trata dunha zona para a que se está a promover o proxecto do Xeoparque. “Acabar co bosque de ribeira para poñer eucaliptos é unha aberración”, considerou.

Desde o Concello, o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, recordou aos propietarios de montes que teñen a obriga de contar con todos os permisos sectoriais que son neceasrios e apuntou que desde o Concello se vai vixiar tamén esta cuestión. Agradeceu ademais o traballo que realiza ARCE no coidado do cauce dos ríos, na sensibilización e formación en materia medioambiental, unha labor que o Concello respalda a través dun convenio nominativo de colaboración que asinamos cada ano.

A SUBDELEGADA DO GOBERNO, MARÍA RIVAS, VISITOU A OBRA DE REXENERACIÓN DAS CETARIAS DO SARRIDAL

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, acompañou onte a subdegada do Goberno, María Rivas, e ao Xefe de Demarcación de Costas da Coruña, Rafael Eimil, nunha visita ás obras de rexeneración das antigas cetarias do Sarridal, que financia o Ministerio de Transición Ecolóxica con 340.600€. Moreda Gil agradeceu o apoio do Goberno na realización destas obras e tamén a súa aposta pola rexeneración da praia da Madalena, un proxecto cun orzamento de 2,3 millóns de euros e que está pendente duns últimos trámites para saír a licitación. “É un dos investimentos máis importantes dos que vai facer o Ministerio de Transición Ecolóxica en Galicia e estamos agradecidos da súa sensibilidade para solucionar un problema, o da dexeneración do noso principal areal, polo que levamos loitanto moitos anos”, comentou o alcalde.

Na visita participaron tamén o enxeñeiro de Demarcación de Costas, Carlos Gil, e un responsable de Tragsa, a empresa que está a executar o proxecto das cetarias, así como os concelleiros de Cultura e Turismo, Facenda e Obras, Carmela Prieto, Manuel Martínez López e Manuel Pérez Riola. Ademais de achegarse aos cantís da cetaria, o grupo tivo ocasión de visitar o xacemento castreño do Campo de Castro, asomarse á praia das Sonreiras e pasear xunto ao Castelo da Concepción. “Todos estes elementos fan de Punta Sarridal un enclave insólito pola concentración de elementos de tanto interese patrimonial, turístico e paisaxístico”, recordou o alcalde, satisfeito porque ese valor vaise incrementar coa recuperación das vellas piscinas de cría e engorde de pescado e marisco.

Recordou Moreda que o goberno local retomou o proxecto de recuperación das vellas cetarias no anterior mandato, sacándoo da parálise na que permanecera desde o ano 2011. Así, o Concello levou adiante o informe de impacto ambiental e Demarcación de Costas puido someter o proxecto a exposición pública e tramitar a addenda necesaria para subsanar as eivas que tiña a redacción inicial. As obras abranguen tanto a recuperación das estruturas destas piscinas de mar como a adecuación dos accesos e dun mirador na parte alta, no que haberá un panel con información. As cetarias foron construídas nos anos 50 e son testemuño do importante enclave que era xa Cedeira na comercialización de pescado e marisco a puntos de fóra de Galicia.

A subdelegada do Goberno, María Rivas, e os responsables de Demarcación de Costas tamén intercambiaron impresións sobre o proxecto de rexeneración da praia da Madalena e puideron coñecer sobre o terreo os problemas de desprazamento da area que se producen desde hai anos. “O Ministerio está pendente dunha autorización sectorial para rematar os trámites previos e publicar a licitación destes traballos, que van superar os parches e as solucións parciais anteriores”, comentou o alcalde, Moreda Gil, que expresou a María Rivas e a Rafael Eimil o agradecemento do Concello de Cedeira polo seu interese e compromiso.

 

OBRADOIROS DE SENSIBILIZACIÓN CON ESCOLARES

Alumnado do CEIP Nicolás del Río recibiron información de primeira man na praia de Vilarrube a través de Pilar e Madalena, mariscadoras con gran experiencia. Alí aprenderon como se extraen os bivalvos, como se miden e como se comercializan a través da Confraría de Pescadores de Cedeira.
Tamén sufriron algún percance, pois as botas ás veces fan baleiro no banco marisqueiro e resulta fácil perder o equilibro! Nada que non solucione a roupa seca, o agarimo do grupo e o bo facer das nosas anfitrionas.
Cedeira Mar pretende dignificar e valorizar os distintos oficios do mar. Nesta xornada tivemos visita na praia de Vilarrube de “La Sexta Noticias”, a quen agradecemos o seu especial interese nesta actividade e que emitirán a súa reportaxe.