Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

ARCE E CONCELLO DENUNCIAN A PRANTACIÓN DE EUCALIPTOS NA SERRA DA CAPELADA

A asociación ARCE e o Concello de Cedeira denuncian que en diferentes puntos da serra da Capelada, concretamente á beira e nas proximidades de ríos e regatos, se teñen realizado ultimamente talas indiscriminadas de árbores autóctonas e se están a plantar eucaliptos. “O caso que hoxe nos ocupa e preocupa ubícase á altura da ponte da Braxe, á beira do río do mesmo nome e sen respectar a zona de protección do curso fluvial, o máis caudaloso da serra, nun lugar polo que pasan frecuentemente axentes forestais e do Seprona”, explicou Camilo Casal, presidente da asociación.

“Demandamos da Xunta de Galicia que asuma a súa responsabilidades e deixe de mirar para outro lado como se non fose con ela”, dixo o presidente de ARCE, que recordou tamén que se trata dunha zona para a que se está a promover o proxecto do Xeoparque. “Acabar co bosque de ribeira para poñer eucaliptos é unha aberración”, considerou.

Desde o Concello, o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, recordou aos propietarios de montes que teñen a obriga de contar con todos os permisos sectoriais que son neceasrios e apuntou que desde o Concello se vai vixiar tamén esta cuestión. Agradeceu ademais o traballo que realiza ARCE no coidado do cauce dos ríos, na sensibilización e formación en materia medioambiental, unha labor que o Concello respalda a través dun convenio nominativo de colaboración que asinamos cada ano.