Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

PRAZOS E SOLICITUDES PARA A AUTORIZACIÓN DAS FOGUEIRAS DE SAN XOÁN E SAN PEDRO 2022

O prazo para presentar as solicitudes de autorización das fogueiras de San Xoán / San Pedro do ano 2022 será desde o día 14 de xuño até o 21 de xuño ás 14.00 h. O modelo de solicitude cuberto deberá presentarse no Rexistro do Concello de Cedeira. A persoa solicitante deberá recoller a pertinente autorización no concello na data 22 de xuño de 2022

Poderanse solicitar no concello en horario de maña de 09:00 a 14:00 h.

Pode consultar toda a información ao respecto na seguinte ligazón:

Descarga PDF Solicitude de permiso para realizar fogueiras de San Xoán / San Pedro 2022

“CEDEIRA MARIÑEIRA” ARRANCA O TRABALLO DE CAMPO PARA O DESEÑO DE NOVAS RUTAS QUE RECOLLAN O SABER MARIÑEIRO E VALORICEN O PATRIMONIO LITORAL

O Concello de Cedeira foi beneficiario da convocatoria do GALP da Consellería do Mar, na que se financiou ao 100% o proxecto “DEFINICIÓN, DESEÑO E IMPLEMENTACIÓN DE RUTAS TEMATIZADAS PARA A PROMOCIÓN DO PATRIMONIO MARIÑEIRO DO CONCELLO DE CEDEIRA –CEDEIRA MARIÑEIRA”.

CEDEIRA MARIÑEIRA persegue promover a oferta de experiencias e actividades que poñan en valor o medio ambiente e o patrimonio ligado ao mar (patrimonio material, arquitectónico, natural e patrimonio inmaterial), recoñecendo ao mesmo tempo os oficios do mar e a calidade diferencial dos produtos pesqueiros e marisqueiros desta zona.

O proxecto identificará unha serie de rutas tematizadas co propósito de concienciar sobre a necesidade da preservación da contorna natural e patrimonial, así como o recoñecemento dos oficios do mar (armadores, redeiras, mariscadoras, percebeiros, comercializadoras etc.), ademais dos produtos da lonxa e a súas características de frescura, sabor e identidade. Para elo arranca esta fase de traballo de campo en forma de xuntanzas cos membros da corporación técnica do concello e os informadores turísticos da OIT de Cedeira.

Por outra banda o “Club Candieira”, unha entidade local moi proactiva na execución de rutas de valorización do patrimonio nesta zona, colaborará co seu saber sobre o estado actual do territorio en canto a rutas que xa existen e outras que poderían ser de grande interese e de momento non están postas en valor.

A veciñanza e os grupos sectoriais da pesca da vila serán parte fundamental para a recompilación de datos para procesar e dar sentido e contido ao obxectivo deste proxecto: concienciar sobre a necesidade da preservación da contorna natural e patrimonial, así como o recoñecemento dos oficios do mar (armadores, redeiras, mariscadoras, percebeiros, comercializadoras etc.) e a calidade diferencial dos produtos pesqueiros e marisqueiros do territorio.

Estes meses de verán, coa identificación das rutas tematizadas para sendeirismo e BTT, e a elaboración de contidos, gravacións en audio e videotestemuñas, deseñarase material divulgativo cun total de 3.000 folletos, co ánimo de que chegue a información do proxecto a diversos públicos non tan asiduos ás ferramentas tecnolóxicas.

O material divulgativo distribuirase entre equipamentos municipais clave e establecementos da hostalería e restauración –moi implicados na vila de Cedeira con outros proxectos GALP como Cedeixura (Pesca de Costa), PescaturAcción e Emprende Pesca-.

O ALUMNADO DE INFANTIL DO CEIP NICOLÁS DO RÍO PRANTOU UNHA LARANXEIRA NO XARDÍN DO PAZO DE MOSCOSO

Nenos e nenas de Infantil do CEIP Nicolás do Río participaron esta semana na prantación dunha laranxeira no novo espazo verde de acceso público situado na traseira do Pazo de Moscoso, cuxas obras de rehabilitación están na súa recta final. Desde o Concello de Cedeira, o alcalde Pablo Diego Moreda Gil recordou que na zona había antigamente máis destas árbores e que, de feito, diante do Concello pervive unha con máis de cen anos que dá nome á Praza da Laranxeira. “Quixemos manter a tradición das laranxeiras e que os máis pequenos teñan a experiencia da prantación e poidan gardar o recordo, xa que verán medrar a árbore e crecerán con ela”.

A rehabilitación do Pazo de Moscoso é o investimento máis ambicioso do actual mandato. Foi adxudicada a finais de 2020 por un importe de máis de 450.000€ para albergar diferentes servizos municipais, entre os que están os Servizos Sociais e Intervención, así como as oficinas da Policía Local. As obras están practicamente listas e o Concello está xa comprando o mobiliario e equipamento necesario, para poder abrir as novas dependencias en canto sexa posible.

O proxecto incluía tamén facer do terreo anexo ao inmoble un parque de uso público e a laranxeira prantada polo alumnado do colexio ocupa xa un lugar central no mesmo. Segundo informou o alcalde, o goberno local está a tratar cos propietarios dos edificios colindantes ao xardín para ver de poder facer un gran mural na parede medianera que pecha este espazo. A intención do Concello tamén é recuperar unha parte da antiga muralla cuxos restos están noutro lateral deste novo espazo público.

A intervención, ademais de ampliar os espazos de atención á cidadanía de Cedeira, significa a recuperación dun edificio noble da localidade. É un edificio do século XV que estaba no abandono e que agora volve ser unha mostra da importancia e a grandeza que ten o conxunto das rúas do casco vello.