“CEDEIRA MARIÑEIRA” ARRANCA O TRABALLO DE CAMPO PARA O DESEÑO DE NOVAS RUTAS QUE RECOLLAN O SABER MARIÑEIRO E VALORICEN O PATRIMONIO LITORAL
O Concello de Cedeira foi beneficiario da convocatoria do GALP da Consellería do Mar, na que se financiou ao 100% o proxecto “DEFINICIÓN, DESEÑO E IMPLEMENTACIÓN DE RUTAS TEMATIZADAS PARA A PROMOCIÓN DO PATRIMONIO MARIÑEIRO DO CONCELLO DE CEDEIRA –CEDEIRA MARIÑEIRA”.
CEDEIRA MARIÑEIRA persegue promover a oferta de experiencias e actividades que poñan en valor o medio ambiente e o patrimonio ligado ao mar (patrimonio material, arquitectónico, natural e patrimonio inmaterial), recoñecendo ao mesmo tempo os oficios do mar e a calidade diferencial dos produtos pesqueiros e marisqueiros desta zona.
O proxecto identificará unha serie de rutas tematizadas co propósito de concienciar sobre a necesidade da preservación da contorna natural e patrimonial, así como o recoñecemento dos oficios do mar (armadores, redeiras, mariscadoras, percebeiros, comercializadoras etc.), ademais dos produtos da lonxa e a súas características de frescura, sabor e identidade. Para elo arranca esta fase de traballo de campo en forma de xuntanzas cos membros da corporación técnica do concello e os informadores turísticos da OIT de Cedeira.
Por outra banda o “Club Candieira”, unha entidade local moi proactiva na execución de rutas de valorización do patrimonio nesta zona, colaborará co seu saber sobre o estado actual do territorio en canto a rutas que xa existen e outras que poderían ser de grande interese e de momento non están postas en valor.
A veciñanza e os grupos sectoriais da pesca da vila serán parte fundamental para a recompilación de datos para procesar e dar sentido e contido ao obxectivo deste proxecto: concienciar sobre a necesidade da preservación da contorna natural e patrimonial, así como o recoñecemento dos oficios do mar (armadores, redeiras, mariscadoras, percebeiros, comercializadoras etc.) e a calidade diferencial dos produtos pesqueiros e marisqueiros do territorio.
Estes meses de verán, coa identificación das rutas tematizadas para sendeirismo e BTT, e a elaboración de contidos, gravacións en audio e videotestemuñas, deseñarase material divulgativo cun total de 3.000 folletos, co ánimo de que chegue a información do proxecto a diversos públicos non tan asiduos ás ferramentas tecnolóxicas.
O material divulgativo distribuirase entre equipamentos municipais clave e establecementos da hostalería e restauración –moi implicados na vila de Cedeira con outros proxectos GALP como Cedeixura (Pesca de Costa), PescaturAcción e Emprende Pesca-.