Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

O AUDITORIO ACOLLE ESTE SÁBADO A REPRESENTACIÓN DA OBRA DE MANUEL MARÍA A LÚA VAI ENCUBERTA

O Auditorio de Cedeira acolle este sábado a representación da obra A lúa vai encuberta, un texto de Manuel María que por primeira vez é posto en escea polas compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante. A peza xira arredor da historia de Galicia e a súa loita por conformar unha identidade propia, partindo do Estatuto de Autonomía do 36, truncado polo golpe de estado, e chegando ata a transición democrática. A función, que estivo programada en marzo pero foi adiada por enfermidade, comezará ás 20.00 horas.

“A lúa vai encuberta” é un texto que o autor chairego escribiu nos anos setenta e que non chegou a representarse. Incendiaria, unha compañía que se define como plataforma artística para a investigación arredor da creación escénica contemporánea, e A Quinta do Cuadrante, un grupo que sitúa como prioridade a procura de espectáculos nos que dialoguen diferentes disciplinas, uniron sus forzas para representala. A obra estreouse en Ourense en setembro de 2021, despois de gañar o II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais.

A montaxe ten a Tito Asorey na dirección e a Vanesa Sotelo encargada da dramaturxia. Ambos os dous actúan xunto con Davide González e Melania Cruz.

Festa da Pescada

Por outra banda, desde o Concello recordan que este domingo, día 19, se celebrará na zona portuaria, nas inmediacións da Confraría de Pescadores, a IV Festa da Pescada. A celebración, organizada no marco do proxecto Cedeixura, exaltará este peixe preparado de dúas maneiras. O público poderá tamen degustar berberechos e empanada de polbo ou de atún. A festa comezará ás 12.00h e as 150 primeiras persoas que acudan recibirán un prato conmemorativo de madeira como agasallo.

AS ASOCIACIÓNS E COLECTIVOS DO TERRITORIO XA PODEN UNIRSE AO PROXECTO DE XEOPARQUE COMO “ENTIDADES AMIGAS”

Os xeoparques mundiais da UNESCO son iniciativas de desenvolvemento construídas desde abaixo, que precisan a máxima base social para empezar a andar e consolidarse. Son proxectos para as persoas e feitos día a día polas persoas dun territorio que busca ampliar o seu potencial socioeconómico, cultural, turístico e de coñecemento, aproveitando para iso o patrimonio xeolóxico. Neste sentido, a asociación de concellos reuniuse hai unhas semanas con colectivos do territorio para coordinar a súa participación no proxecto, que se fará a través da figura da “Entidade Amiga”. Trala recollida de suxestións e o seu traslado ao correspondente protocolo, desde xa mesmo os colectivos, clubs ou asociacións radicadas en calquera dos sete municipios poden solicitar a súa entrada no proxecto, sempre que as súas fins sexan coincidentes coa filosofía dun xeoparque e sempre e cando estean legalmente constituídas.

O primeiro que deberán facer é acordar e aprobar a solicitude nos seus respectivos órganos de decisión, e logo enviar a documentación para que a Asociación xestora poida aprobar formalmente a petición, coa que accederán ao Foro de Participación Local. O Foro é un órgano consultivo que busca estreitar a colaboración do tecido social co proxecto e favorecer as relacións entre as propias entidades que participan nel.

Ser “Entidade Amiga” non implica o pagamento de cotas, pero si requirirá certos compromisos, como por exemplo a exhibición do distintivo do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal nas comunicacións de actividades, participar en xornadas e cursos formativos relacionados co proxecto, asesorar á asociación xestora en materias nas que as entidades sexan especialistas e, tamén importante, facer activismo como embaixadoras do xeoparque dentro e fóra do territorio.

Alén de reforzar o proxecto pola base -algo que a UNESCO mira con lupa á hora de conceder o distintivo Global Geopark-, ser Entidade Amiga tamén ten beneficios, entre eles o de crear sinerxias para levar adiante iniciativas conxuntas de todo tipo -culturais, ambientais, de posta en valor do patrimonio material e inmaterial, etc- e o de estar contribuíndo á implantación no territorio dun modelo de desenvolvemento social e ambientalmente sostible.

Documentación descargable:

Protocolo “Entidade Amiga” (.pdf)
Solicitude de adhesión como “Entidade Amiga” (.pdf) (. docx)
Acordo de colaboración “Entidade Amiga” (.pdf) (. docx)

Solicitude de baixa como “Entidade Amiga” (.pdf) (. docx)

PRAZOS E SOLICITUDES PARA A AUTORIZACIÓN DAS FOGUEIRAS DE SAN XOÁN E SAN PEDRO 2022

O prazo para presentar as solicitudes de autorización das fogueiras de San Xoán / San Pedro do ano 2022 será desde o día 14 de xuño até o 21 de xuño ás 14.00 h. O modelo de solicitude cuberto deberá presentarse no Rexistro do Concello de Cedeira. A persoa solicitante deberá recoller a pertinente autorización no concello na data 22 de xuño de 2022

Poderanse solicitar no concello en horario de maña de 09:00 a 14:00 h.

Pode consultar toda a información ao respecto na seguinte ligazón:

Descarga PDF Solicitude de permiso para realizar fogueiras de San Xoán / San Pedro 2022