Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

AS ASOCIACIÓNS E COLECTIVOS DO TERRITORIO XA PODEN UNIRSE AO PROXECTO DE XEOPARQUE COMO “ENTIDADES AMIGAS”

Os xeoparques mundiais da UNESCO son iniciativas de desenvolvemento construídas desde abaixo, que precisan a máxima base social para empezar a andar e consolidarse. Son proxectos para as persoas e feitos día a día polas persoas dun territorio que busca ampliar o seu potencial socioeconómico, cultural, turístico e de coñecemento, aproveitando para iso o patrimonio xeolóxico. Neste sentido, a asociación de concellos reuniuse hai unhas semanas con colectivos do territorio para coordinar a súa participación no proxecto, que se fará a través da figura da “Entidade Amiga”. Trala recollida de suxestións e o seu traslado ao correspondente protocolo, desde xa mesmo os colectivos, clubs ou asociacións radicadas en calquera dos sete municipios poden solicitar a súa entrada no proxecto, sempre que as súas fins sexan coincidentes coa filosofía dun xeoparque e sempre e cando estean legalmente constituídas.

O primeiro que deberán facer é acordar e aprobar a solicitude nos seus respectivos órganos de decisión, e logo enviar a documentación para que a Asociación xestora poida aprobar formalmente a petición, coa que accederán ao Foro de Participación Local. O Foro é un órgano consultivo que busca estreitar a colaboración do tecido social co proxecto e favorecer as relacións entre as propias entidades que participan nel.

Ser “Entidade Amiga” non implica o pagamento de cotas, pero si requirirá certos compromisos, como por exemplo a exhibición do distintivo do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal nas comunicacións de actividades, participar en xornadas e cursos formativos relacionados co proxecto, asesorar á asociación xestora en materias nas que as entidades sexan especialistas e, tamén importante, facer activismo como embaixadoras do xeoparque dentro e fóra do territorio.

Alén de reforzar o proxecto pola base -algo que a UNESCO mira con lupa á hora de conceder o distintivo Global Geopark-, ser Entidade Amiga tamén ten beneficios, entre eles o de crear sinerxias para levar adiante iniciativas conxuntas de todo tipo -culturais, ambientais, de posta en valor do patrimonio material e inmaterial, etc- e o de estar contribuíndo á implantación no territorio dun modelo de desenvolvemento social e ambientalmente sostible.

Documentación descargable:

Protocolo “Entidade Amiga” (.pdf)
Solicitude de adhesión como “Entidade Amiga” (.pdf) (. docx)
Acordo de colaboración “Entidade Amiga” (.pdf) (. docx)

Solicitude de baixa como “Entidade Amiga” (.pdf) (. docx)