Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

A AVALIACIÓN DO PROXECTO DE XEOPARQUE DEIXA «BOAS SENSACIÓNS» NA ASOCIACIÓN XESTORA

Este mércores 31 de agosto rematou a misión de avaliación do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, que aspira a obter o recoñecemento da Unesco facendo valer a exclusividade da súa xeoloxía e, sobre todo, a súa capacidade para poñela ao servizo dun desenvolvemento sostible que beneficie a todo o territorio. Os avaliadores enviados polo organismo das Nacións Unidas, o británico Chris Woodley-Stewart e o uruguaio César Alejandro Goso, percorreron algo máis de 500 quilómetros desde primeira hora do domingo até hoxe ao mediodía para visitaren 23 puntos repartidos polos sete concellos promotores e para manter case o mesmo número de encontros con representantes de todas as partes unidas na iniciativa. Foron reunións informais con máis dun cento de persoas entre veciñanza, entidades, institucións, empresas e persoal técnico, simultaneadas co coñecemento dos lugares xeolóxicos, patrimoniais e paisaxísticos de maior relevancia. Hoxe pola mañá houbo unha última xuntanza coa Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal centrada no repaso de todo o visto e dos ítems establecidos pola Unesco para valorar as candidaturas. Nas próximas semanas, Woodley-Stewart e Goso prepararán o seu informe para remitirllo ao Consello dos Xeoparques da Unesco, o ente internacional que decidirá se Cabo Ortegal está listo para entrar na rede mundial xa desde a primavera de 2023 ou se deberá agardar un pouco máis. No planeta só existen neste momento 177 lugares co distintivo, equiparable a un Patrimonio da Humanidade.

Os membros da misión internacional estiveron acompañados en todo momento polo presidente da asociación xestora, José Miguel Alonso Pumar, por María Mesías e Jacobo Suárez, do equipo de GoodLife -a consultora valdoviñesa que está axudando a poñer en marcha o proxecto-, polo xeólogo Fran Canosa e polos tamén xeólogos da Facultade de Ciencias Xeolóxicas da Universidade Complutense de Madrid, Ricardo Arenas e Sonia Sánchez, que forman parte do Comité Científico do proxecto.

En cada unha das paradas e encontros, Chris Woodley-Stewart e o uruguaio César Alejandro Goso preguntaron moito, escoitaron aínda máis e observaron con detemento os espazos visitados, anotando constantemente todas as cousas que ían vendo a cada paso, fose xeoloxía, fose patrimonio, fosen manifestacións culturais ou fosen iniciativas de desenvolvemento local. Mesmo insistiron en reproducir o contido didáctico das xeorrutas que se están desenvolvendo no territorio para valorar ata que punto o programa de itinerarios cumpre coa súa función divulgativa.

Nun tono sempre cordial e construtivo, ambos avaliadores intercambiaban impresións e ían formulando recomendacións e ideas froito da experiencia adquirida nos seus propios xeoparques, xa que Woodley-Stewart é director do xeoparque británico North Pennines AONB e Goso, ademais de profesor universitario de Xeoloxía, é tamén coordinador científico do Xeoparque Grutas del Palacio, o único que existe no Uruguai polo momento.

Os protocolos de avaliación da Unesco prohiben que os seus enviados se pronuncien de calquera maneira que poida desvelar o sentido do informe que deberán emitir. Porén, iso non quitou de que comentasen a percepción xeral que tiveron durante os seus catro días de estadía no territorio.

César Goso, mantendo a confidencialidade esixida pola Unesco, destacou as paisaxes «espectaculares» e a xeomorfoloxía «única e excepcional» coa que conta o proxecto e que, segundo asegurou «fortalece a proposta». «Non poido dar moitos detalles» dixo o xeólogo, engadindo deseguido que «realmente, un vaise impactado da xeografía, das paisaxes, da xeoloxía, do patrimonio natural e do compromiso que teñen as persoas co seu territorio, tanto maiores como mozas. Todo iso está no sentido dun xeoparque».

Pola súa banda, o avaliador británico cualificou a zona como «absolutamente fermosa. Se estivesemos falando dun concurso de beleza levaría a medalla de ouro”, dixo. En canto á valoración, Woodley-Stewart tamén mantivo a discreción: «vimos unha cultura fantástica, é un lugar que sabe valorar o que ten».

Si se pronunciou, porén, sobre o movemento institucional, técnico e social que hai arredor do proxecto. «Vimos unha moi boa conexión coa xente e as asociacións, e unha grande colaboración entre os alcaldes. Un xeoparque é un reflexo da personalidade do equipo que o dirixe. Vimos xente traballando duro por este xeoparque e, aínda que de momento non sabemos o que imos decidir, a personalidade do equipo que está traballando aquí é moi forte e a colaboración interna é moi boa», asegurou.

Chris Woodley-Stewart explicou, ademais, como fan as avaliacións, indicando que nun curto prazo de tempo deben meterse «debaixo da pel do territorio e entendelo o mellor posible» para comprender, entre outras cuestións, «como se xestiona, como interpretan os visitantes a paisaxe, que programas educativos hai en marcha, como se apoian as actividades turísticas, como se implica a xente que vive aquí no proxecto, como se estimula a súa participación…» . «Despois -prosegue Woodley-Stewart- facemos un informe e enviámosllo ao Consello dos Xeoparques Mundiais da Unesco e eles son os que toman a decisión sobre cada solicitude».

Aínda que o protocolo da Unesco lles dá aos seus avaliadores entre dúas e tres semanas para preparar o informe, o máis seguro é que este poida demorarse até ben entrado o mes de outubro, dado que Goso e Woodley-Stewart tamén tiveron que valorar a semana pasada a candidatura cántabra de Costa Quebrada, a outra aspirante española a converterse en xeoparque mundial.

Tres posibilidades

A partir de agora ábrense tres posibles escenarios. O primeiro é que o informe sexa negativo e que, polo tanto, o consello rexeite a candidatura. Algo que parece «pouco probable pero nunca descartable», tal e como indicou o presidente da Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, José Miguel Alonso Pumar. Xa onte, na foto de familia que se fixo no faro co resto de institucións implicadas, o rexedor de Cariño expresou as «boas sensacións» que lle transmitiran os tres días de avaliación de campo, aínda que preferiu posicionarse «na prudencia» en espera do que finalmente decida a Comisión de Xeoparques Mundiais da Unesco. Se a candidatura fose denegada habería que volver empezar desde cero e agardar polo menos dous anos para poder volver postularse.

Outra posibilidade sería que o informe sexa positivo pero con matices sobre aspectos de calado que deban ser corrixidos. Nese caso a comisión podería conceder unha moratoria de dous anos para aplicar esas recomendacións no territorio, que despois tería que pasar unha nova avaliación para comprobar o seu cumprimento, accedendo deste modo directamente ao distintivo Global Geopark sen necesidade de volver reiniciar todo o proceso.

O terceiro escenario, e o máis agardado, é que o informe sexa favorable en canto ao cumprimento de todos os requisitos fundamentais, relativos -entre outros- ao modelo de xestión do proxecto que asegure a súa pervivencia, o plan de difusión e coñecemento; a integración e participación do tecido social, económico, científico e educativo; a preservación e posta en valor do patrimonio xeolóxico, así como do material e inmaterial; a sostenibilidade turística e ambiental, etc. Nese caso, o Consello dos Xeoparques Mundiais da Unesco podería darlle o visto bo ao proxecto na xuntanza prevista para primeiros de decembro, que logo debería ser ratificada pola ONU en abril de 2023.

«Temos boas expectativas pero queremos seguir sendo prudentes e non caer en triunfalismos», asegura o presidente da asociación xestora do proxecto. Na xuntanza final celebrada esta mañá, segundo comenta Alonso Pumar, os avaliadores continuaron mantendo «total discreción» sobre o sentido do informe que teñen que elaborar nas próximas semanas, pero si ofreceron información «moi valiosa» sobre as fortalezas que percibiron no territorio -principalmente a xeoloxía e o traballo conxunto entre institucións, colectivos e veciñanza-, e aquelas outras cousas que deben afinarse, como por exemplo «o relato diferenciador e divulgativo que debe ter todo xeoparque seguindo un fío condutor unificado en todo o territorio con paneis, códigos QR e calquera outro medio que lle permita ás persoas visitantes interpretar o que ven, aprender e vivir unha experiencia única».

Ata a primavera de 2023 quedan varios meses de espera «nos que seguiremos traballando, engraxando as ferramentas de xestión do proxecto e aplicando as melloras que os avaliadores nos suxeriron facer”. Porén, segundo recalca o presidente da asociación «independentemente da decisión que tome a Unesco, penso que a colaboración entre os sete concellos iniciada en 2015 e o sentimento de pertenza a un territorio común que se está xerando entre a xente, que trascende os límites entre concellos, é algo que xa non ten volta atrás e que permanecerá no tempo. Esperemos que poida ser baixo o paraugas dun Xeoparque Mundial da Unesco».

177 xeoparques no mundo

O Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal é unha iniciativa de desenvolvemento promovida polos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, integrados na Asociacion para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, que botou a andar hai sete anos -ao empezo como agrupación de municipios e logo con entidade propia- collendo o testemuño da Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal, o primeiro colectivo que se preocupou pola divulgación masiva do patrimonio xeolóxico da zona e por propoñer modelos de desenvolvemento sostible baseados no xeoturismo.

O seu ámbito abrangue case 800 quilómetros cadrados de superficie terrestre e marítima, nos que viven arredor de 28.000 persoas. A declaración como Xeoparque significaría a obtención dun recoñecemento que neste momento só posúen 177 territorios no mundo e que ten a mesma relevancia que unha declaración como Patrimonio da Humanidade.

A difusión desta información encádrase no convenio de cofinanciamento do proxecto asinado entre a Deputación da Coruña e a Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal.

CEDEIRA RECIBIU MÁIS DE 800.000€ PARA O IMPULSO DO SECTOR PESQUEIRO A TRAVÉS DO GALP A MARIÑA-ORTEGAL

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, participou esta semana nunha reunión que tivo lugar no Concello de Viveiro para traballar na definición da estratexia de desenvolvemento do novo programa do GALP A Mariña-Ortegal para o período 2021- 2027. Moreda Gil explicou que o anterior programa de actuación de 2014 a 2020, que actualmente ten todavía accións en execución, a vila de Cedeira foi quen de captar máis de 800.000€ en axudas, “un diñeiro que serviu para poñer en marcha diferentes proxectos, todos orientados a poñer en valor o noso sector pesqueiro e impulsalo en todas as súas facetas, aquelas que teñen que ver estritamente coa actividade económica e o emprego, e tamén as que están vencelladas á cultura e a tradición, ao impulso do turismo e, en definitiva, a subliñar a identidade mariñeira de Cedeira”.

O alcalde destacou que Cedeira foi unha das vilas máis activas no desenvolvemento do anterior programa do GALP A Mariña Ortegal e manifestou a intención do goberno local de seguir traballando nesa liña para aproveitar ao máximo as subvencións que ofrece o Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura. Moreda Gil estivo na devandita reunión co alcalde de Cariño, José Miguel Alfonso Pumar, e co concelleiro de Mar de Viveiro, Jesús Fernández Fernández, representantes doutros dos concellos chamados tamén a participar na nova estratexia.

“Os proxectos que se desenvolveron ao abeiro do GALP contribuiron a reforzar a cooperación entre institucións e entidades empresariais, educativas e sociais do territorio, creando sinerxias e tecendo redes de colaboración”, explicou o alcalde. De feito, Moreda Gil recordou que durante a anterior estratexia o Concello de Cedeira traballou no proxecto “Emprende Pesca”, dotado con 126.445€ de axudas, xunto cos concellos de Cariño e Valdoviño, e no programa “Entre arcos e acantilados”, que recibiu 149.808,57€, que se realizou cos de Ribadeo e Burela.

O Concello de Cedeira promoveu durante a anterior estratexia tres proxectos de seu (Cedeira Mariñeira, que obtivo 44.528€; Pescaturacción, 83.490€; Cedeira Mar, 79.396€). Tamén impulsou en cooperación coa Confraría de Pescadores outros tres (Cedeixura, 108.304€), Sabores de Mar, 43.036,79€, e O Sentir Mariñeiro, 90.813,20€).

A Confraría de Pescadores, pola súa banda, promoveu outros catro proxectos: Mar Artesanal, 26173,21€; A Cultura do Mar, 86.956,31€; O antes e o despois, a subasta de Cedeira, 56.849€, e Marisco do Mar á mesa, 83.659,85€.

A estas iniciativas súmase outra que promoveu o Museo Mares de Cedeira e que obtivo 22.995,32€ de axuda.

PARTE DAS XEORRUTAS DESTA SEMANA CENTRARANSE NO PASADO MINEIRO DO TERRITORIO DO PROXECTO DE XEOPARQUE DO CABO ORTEGAL

A proposta de xeorrutas para esta semana prevé sete saídas de mércores a domingo que volven combinar litoral e interior para ofrecer unha visión o máis ampla posible da diversidade exclusividade xeolóxica do territorio candidato a Xeoparque UNESCO. Ademais cinco delas teñen unha importante compoñente histórica mostrándonos os vestixios da actividade mineira desenvolvida en distintos puntos desde finais do século XIX ata pasada a metade do século XX. É o caso, por exemplo, da extracción de materiais ricos en arsénico na zona da capela do Porto, en Valdoviño, das minas de cobre explotadas en Cerdido e Moeche (Mina Maruxa e Mina Piquito, principalmente) e incluso das prospeccións á procura de cromo e outros metais que se fixeron no borde dos cantís de Herbeira, en Cedeira. A elas únenselle a Xeorruta dos Aguillóns, en Cariño, e a clásica das Praias de area negra en Cedeira. Porén de todos os itinerarios organizados só quedan prazas dispoñibles en tres deles, polo que aconsellamos acudir á central de reservas nas horas previas por se se producisen cancelacións de última hora que deixasen libres algunhas vacantes.

Xoves 18 de agosto, 10:00 a 14:00h: Xeorruta dos Aguillóns (Concello de Cariño). Máximo 20 prazas. Coñecerase de primeira man a maior concentración de ecloxitas de todo o planeta. As ecloxitas son rochas formadas en condicións de altas presións e temperaturas na parte máis próxima a nós do Manto terrestre e que, por este motivo, son difíciles de ver en superficie.

O percorrido consta de 3 paradas e o desprazamento entre elas realizarase en coches particulares. Ten unha dificultade media, debido á presenza de tramos con certa pendente, polo que é preciso levar un calzado cómodo e axeitado para ese tipo de terreos, algo que é recomendable para todas as xeorrutas do programa de verán. Máis info e reservas aquí.

Xoves 18 de agosto de 16:30 a 20:30h e Sábado 20 de agosto de 10:00 a 14:00h: Xeorruta de Mina Piquito (Concello de Moeche). PRAZAS COMPLETAS. Neste itinerario accederemos ao antigo xacemento de cobre de Mina Piquito, en activo até finais dos anos 60. As galerías da mina constitúen hoxe un dos espeleotemas máis rechamantes do noroeste peninsular, no que destacan as estalagmitas e estalactitas de azuis e verdes de grande viveza que se foron formando desde que se clausurou a explotación.

A entrada cada un dos días farase en dous grupos que no momento de redactar esta información xa estaban completos para ambas datas. Quen teña interese en facer o percorrido debe prestarlle atención á central de reservas por se houbese cancelacións de última hora (a dispoñibilidade actualízase automaticamente na web). Máis info e reservas aquí.

Venres 19 de agosto, 10:00h a 16:00h: Xeorruta da Praia das Areas Negras (Concello de Cedeira). PRAZAS COMPLETAS. Esta ruta é das que máis atención atrae a pesar da súa dificultade. Non é para menos, xa que á espectacular paisaxe da zona úneselle o argumento de que os areais de Teixidelo están considerados os únicos de area negra non volcánica do mundo. O boca a boca e a difusión fixeron que nos meses centrais do verán sexa tarefa pouco menos que imposible reservar data para un itinerario que oferta un máximo de 15 prazas e que xa está completo tanto para este 19 de agosto como para o seguinte, o día 23. Igual que no caso anterior recomendamos visitar a central de reservas nos días previos por se houbese cancelacións e quedasen vacantes.

Sábado 20 de agosto, 16:30 a 20:30h: Xeorruta do Cromo (Concello de Cedeira). Máximo 20 prazas. Partindo do Cruceiro de Teixidelo -preto de onde se encontra o monumento a Leslie Howard- iremos bordeando a costa até Herbeira. Unha zona espectacular polas vistas, pero tamén por ser paraíso das rochas ultramáficas e de materiais como a cromita, a magnetita, a morenosita, a zaratita ou a andradita.

No percorrido pararemos en puntos onde, ademais de minerais ricos en cromo, tamén se atoparon acumulacións de platino. A visita tamén permite apreciar unha falla que fende toda a Serra da Capelada. Máis info e reservas aquí.

Domingo 21 de agosto, 10:00 a 14:00h: Xeorruta do Arsénico (Concello de Valdoviño). PRAZAS COMPLETAS. O percorrido do Arsénico pola costa de Meirás, en Valdoviño, atende a cuestións como as fallas, o vulcanismo, a formación da lagoa ou o sistema dunar da Frouxeira. Porén, un dos aspectos que se verán con máis detemento son as acumulacións de arsenopirita na contorna da capela do Porto e outros puntos do litoral, que foron explotadas na primeira metade do século XX. Da actividade mineira quedan vestixios en forma de galerías e socavóns que nos falan da penosa extracción dun material que tamén contiña en menor proporción metais coma o ouro ou a prata.

Esta ruta logo completou as 20 prazas ofertadas e, por este motivo, quen queira facela deberá probar a ver se ao longo desta semana queda libre algunha vacante.

Domingo 21 de agosto, 16:30 a 19:30h.: Xeorruta do Cobre (Concellos de Cerdido e Moeche). Máximo 20 prazas. A última xeorruta da semana que ten que ver co pasado mineiro do territorio levaranos aos concellos de Cerdido e Moeche. No primeiro visitaremos a cheminea de calcinación das Cabanas, construída a finais do século XIX como parte dun complexo extractivo de pirita e calcopirita con distintos contidos en cobre, resultado de longos procesos de sedimentación, transformación química e presión que tiveron a súa orixe hai millóns de anos en fumarolas e volcáns submarinos. De feito, a segunda parada do percorrido levaranos até a contorna de Mina Maruxa para vermos as bocaminas e os amoreamentos de entullos onde aínda se pode apreciar a simple vista a presenza de cobre.

Na segunda parte do itinerario -que se fai desprazándose en coche entre cada punto- verase unha curiosa formación de xistos -un tipo de rocha metamórfica xurdida de sedimentos sometidos a altas presións e temperaturas-, así como un cordal de cuarcitas que fende a paisaxe e que creou o pronunciado desnivel polo que discorre hoxe o rego do Loureiro.

Nese punto limítrofe entre Moeche e Cerdido hai un conxunto de sete muíños de alto valor etnográfico que tamén se visitarán e que destacan tanto polo seu aceptable estado de conservación como pola súa disposición, uns moi preto dos outros nun tramo de regato relativamente curto. Os muíños encóntranse, ademais, rodeados de castiñeiros, carballos, abeleiras, loureiros, fieitos e outros exemplos de bosque atlántico e de ribeira.

Os muíños fálannos dun pasado en que os labores do agro tiñan moito de traballo comunitario, sobre todo a sega do trigo e a malla para sacar o gran. Neste sentido, e ese mesmo día, no lugar dos Casás celebrarase durante a xornada a tradicional malla que reproduce o xeito en que se facía o labor a mediados do século XX, con máquina de polea, limpadora e ducias de persoas implicadas en cada parte do proceso.

Para participar na Xeorruta do Cobre, que aínda ten prazas dispoñibles, hai que reservar nesta ligazón.