Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A AVALIACIÓN DO PROXECTO DE XEOPARQUE DEIXA «BOAS SENSACIÓNS» NA ASOCIACIÓN XESTORA

Este mércores 31 de agosto rematou a misión de avaliación do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, que aspira a obter o recoñecemento da Unesco facendo valer a exclusividade da súa xeoloxía e, sobre todo, a súa capacidade para poñela ao servizo dun desenvolvemento sostible que beneficie a todo o territorio. Os avaliadores enviados polo organismo das Nacións Unidas, o británico Chris Woodley-Stewart e o uruguaio César Alejandro Goso, percorreron algo máis de 500 quilómetros desde primeira hora do domingo até hoxe ao mediodía para visitaren 23 puntos repartidos polos sete concellos promotores e para manter case o mesmo número de encontros con representantes de todas as partes unidas na iniciativa. Foron reunións informais con máis dun cento de persoas entre veciñanza, entidades, institucións, empresas e persoal técnico, simultaneadas co coñecemento dos lugares xeolóxicos, patrimoniais e paisaxísticos de maior relevancia. Hoxe pola mañá houbo unha última xuntanza coa Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal centrada no repaso de todo o visto e dos ítems establecidos pola Unesco para valorar as candidaturas. Nas próximas semanas, Woodley-Stewart e Goso prepararán o seu informe para remitirllo ao Consello dos Xeoparques da Unesco, o ente internacional que decidirá se Cabo Ortegal está listo para entrar na rede mundial xa desde a primavera de 2023 ou se deberá agardar un pouco máis. No planeta só existen neste momento 177 lugares co distintivo, equiparable a un Patrimonio da Humanidade.

Os membros da misión internacional estiveron acompañados en todo momento polo presidente da asociación xestora, José Miguel Alonso Pumar, por María Mesías e Jacobo Suárez, do equipo de GoodLife -a consultora valdoviñesa que está axudando a poñer en marcha o proxecto-, polo xeólogo Fran Canosa e polos tamén xeólogos da Facultade de Ciencias Xeolóxicas da Universidade Complutense de Madrid, Ricardo Arenas e Sonia Sánchez, que forman parte do Comité Científico do proxecto.

En cada unha das paradas e encontros, Chris Woodley-Stewart e o uruguaio César Alejandro Goso preguntaron moito, escoitaron aínda máis e observaron con detemento os espazos visitados, anotando constantemente todas as cousas que ían vendo a cada paso, fose xeoloxía, fose patrimonio, fosen manifestacións culturais ou fosen iniciativas de desenvolvemento local. Mesmo insistiron en reproducir o contido didáctico das xeorrutas que se están desenvolvendo no territorio para valorar ata que punto o programa de itinerarios cumpre coa súa función divulgativa.

Nun tono sempre cordial e construtivo, ambos avaliadores intercambiaban impresións e ían formulando recomendacións e ideas froito da experiencia adquirida nos seus propios xeoparques, xa que Woodley-Stewart é director do xeoparque británico North Pennines AONB e Goso, ademais de profesor universitario de Xeoloxía, é tamén coordinador científico do Xeoparque Grutas del Palacio, o único que existe no Uruguai polo momento.

Os protocolos de avaliación da Unesco prohiben que os seus enviados se pronuncien de calquera maneira que poida desvelar o sentido do informe que deberán emitir. Porén, iso non quitou de que comentasen a percepción xeral que tiveron durante os seus catro días de estadía no territorio.

César Goso, mantendo a confidencialidade esixida pola Unesco, destacou as paisaxes «espectaculares» e a xeomorfoloxía «única e excepcional» coa que conta o proxecto e que, segundo asegurou «fortalece a proposta». «Non poido dar moitos detalles» dixo o xeólogo, engadindo deseguido que «realmente, un vaise impactado da xeografía, das paisaxes, da xeoloxía, do patrimonio natural e do compromiso que teñen as persoas co seu territorio, tanto maiores como mozas. Todo iso está no sentido dun xeoparque».

Pola súa banda, o avaliador británico cualificou a zona como «absolutamente fermosa. Se estivesemos falando dun concurso de beleza levaría a medalla de ouro”, dixo. En canto á valoración, Woodley-Stewart tamén mantivo a discreción: «vimos unha cultura fantástica, é un lugar que sabe valorar o que ten».

Si se pronunciou, porén, sobre o movemento institucional, técnico e social que hai arredor do proxecto. «Vimos unha moi boa conexión coa xente e as asociacións, e unha grande colaboración entre os alcaldes. Un xeoparque é un reflexo da personalidade do equipo que o dirixe. Vimos xente traballando duro por este xeoparque e, aínda que de momento non sabemos o que imos decidir, a personalidade do equipo que está traballando aquí é moi forte e a colaboración interna é moi boa», asegurou.

Chris Woodley-Stewart explicou, ademais, como fan as avaliacións, indicando que nun curto prazo de tempo deben meterse «debaixo da pel do territorio e entendelo o mellor posible» para comprender, entre outras cuestións, «como se xestiona, como interpretan os visitantes a paisaxe, que programas educativos hai en marcha, como se apoian as actividades turísticas, como se implica a xente que vive aquí no proxecto, como se estimula a súa participación…» . «Despois -prosegue Woodley-Stewart- facemos un informe e enviámosllo ao Consello dos Xeoparques Mundiais da Unesco e eles son os que toman a decisión sobre cada solicitude».

Aínda que o protocolo da Unesco lles dá aos seus avaliadores entre dúas e tres semanas para preparar o informe, o máis seguro é que este poida demorarse até ben entrado o mes de outubro, dado que Goso e Woodley-Stewart tamén tiveron que valorar a semana pasada a candidatura cántabra de Costa Quebrada, a outra aspirante española a converterse en xeoparque mundial.

Tres posibilidades

A partir de agora ábrense tres posibles escenarios. O primeiro é que o informe sexa negativo e que, polo tanto, o consello rexeite a candidatura. Algo que parece «pouco probable pero nunca descartable», tal e como indicou o presidente da Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, José Miguel Alonso Pumar. Xa onte, na foto de familia que se fixo no faro co resto de institucións implicadas, o rexedor de Cariño expresou as «boas sensacións» que lle transmitiran os tres días de avaliación de campo, aínda que preferiu posicionarse «na prudencia» en espera do que finalmente decida a Comisión de Xeoparques Mundiais da Unesco. Se a candidatura fose denegada habería que volver empezar desde cero e agardar polo menos dous anos para poder volver postularse.

Outra posibilidade sería que o informe sexa positivo pero con matices sobre aspectos de calado que deban ser corrixidos. Nese caso a comisión podería conceder unha moratoria de dous anos para aplicar esas recomendacións no territorio, que despois tería que pasar unha nova avaliación para comprobar o seu cumprimento, accedendo deste modo directamente ao distintivo Global Geopark sen necesidade de volver reiniciar todo o proceso.

O terceiro escenario, e o máis agardado, é que o informe sexa favorable en canto ao cumprimento de todos os requisitos fundamentais, relativos -entre outros- ao modelo de xestión do proxecto que asegure a súa pervivencia, o plan de difusión e coñecemento; a integración e participación do tecido social, económico, científico e educativo; a preservación e posta en valor do patrimonio xeolóxico, así como do material e inmaterial; a sostenibilidade turística e ambiental, etc. Nese caso, o Consello dos Xeoparques Mundiais da Unesco podería darlle o visto bo ao proxecto na xuntanza prevista para primeiros de decembro, que logo debería ser ratificada pola ONU en abril de 2023.

«Temos boas expectativas pero queremos seguir sendo prudentes e non caer en triunfalismos», asegura o presidente da asociación xestora do proxecto. Na xuntanza final celebrada esta mañá, segundo comenta Alonso Pumar, os avaliadores continuaron mantendo «total discreción» sobre o sentido do informe que teñen que elaborar nas próximas semanas, pero si ofreceron información «moi valiosa» sobre as fortalezas que percibiron no territorio -principalmente a xeoloxía e o traballo conxunto entre institucións, colectivos e veciñanza-, e aquelas outras cousas que deben afinarse, como por exemplo «o relato diferenciador e divulgativo que debe ter todo xeoparque seguindo un fío condutor unificado en todo o territorio con paneis, códigos QR e calquera outro medio que lle permita ás persoas visitantes interpretar o que ven, aprender e vivir unha experiencia única».

Ata a primavera de 2023 quedan varios meses de espera «nos que seguiremos traballando, engraxando as ferramentas de xestión do proxecto e aplicando as melloras que os avaliadores nos suxeriron facer”. Porén, segundo recalca o presidente da asociación «independentemente da decisión que tome a Unesco, penso que a colaboración entre os sete concellos iniciada en 2015 e o sentimento de pertenza a un territorio común que se está xerando entre a xente, que trascende os límites entre concellos, é algo que xa non ten volta atrás e que permanecerá no tempo. Esperemos que poida ser baixo o paraugas dun Xeoparque Mundial da Unesco».

177 xeoparques no mundo

O Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal é unha iniciativa de desenvolvemento promovida polos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, integrados na Asociacion para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, que botou a andar hai sete anos -ao empezo como agrupación de municipios e logo con entidade propia- collendo o testemuño da Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal, o primeiro colectivo que se preocupou pola divulgación masiva do patrimonio xeolóxico da zona e por propoñer modelos de desenvolvemento sostible baseados no xeoturismo.

O seu ámbito abrangue case 800 quilómetros cadrados de superficie terrestre e marítima, nos que viven arredor de 28.000 persoas. A declaración como Xeoparque significaría a obtención dun recoñecemento que neste momento só posúen 177 territorios no mundo e que ten a mesma relevancia que unha declaración como Patrimonio da Humanidade.

A difusión desta información encádrase no convenio de cofinanciamento do proxecto asinado entre a Deputación da Coruña e a Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal.