Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

OS CONCELLOS DO PROXECTO DO XEOPARQUE PROGRAMAN AS ÚLTIMAS RUTAS XEOLÓXICAS DO VERÁN

Estamos xa na recta final do verán. Aos días xa se lles nota, semella que o tempo vai collendo maneiras de outono e, como se adoita dicir, todas e todos, rapazada e xente adulta, temos que volver á rutina despois das vacacións. Tamén chegamos ao momento de rematar o programa de rutas xeolóxicas estivais, ao que se lle porá o ramo o próximo mércores 14 coa Xeorruta do Granate. Antes daquela teremos oportunidade de facer o percorrido dos Cantís, o das Praias das areas negras, a Xeorruta Marítima ofrecida por Rutas Cedeira e tamén os itinerarios do Cromo e do Limo, que discorren pola marxe costeira da Capelada. Parte deles están xa completos, pero noutros aínda quedan prazas dispoñibles. As reservas -agás para a ruta marítima- deben facerse a través da nosa central en liña. Cómpre ter en conta que as saídas poden sufrir variacións ou cancelarse dependendo dos avances meteorolóxicos.

Venres 9 de setembro, 16:30 a 19:30h: Xeorruta dos Cantís (Concello de Cedeira). Máximo 20 prazas. Para a tarde deste venres resérvase un percorrido doado desde o miradoiro do Chao do Monte -preto de Santo André- para descubrirmos a Serra da Capelada, unha salientable estrutura xeolóxica de máis de 400 m de altitude.

Observaranse distintos tipos de rochas que hai millóns de anos se atopaban a 70 km de profundidade, algo que podemos ver en varios lugares do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal, exemplo único do denominado contexto xeolóxico do Oróxeno Varisco Ibérico. Máis info e reservas aquí.

Sábado 10 de setembro, 10:00h a 14:00h: Xeorruta da Praia das Areas Negras (Concello de Cedeira). PRAZAS COMPLETAS. Esta ruta xeolóxica é unha das estrelas do proxecto pola súa exclusividade -os areais de Teixidelo están considerados os únicos de area negra non volcánica do mundo- e pola posibilidade de admirar os cantís máis elevados da Europa continental desde a súa parte máis baixa, o que nos ofrece unha perspectiva espectacular da paisaxe.

Recomendamos visitar a central de reservas por se quedasen prazas por mor de cancelacións de última hora. Insistimos en que tanto esta xeorruta como a do Granate son itinerarios de certa dificultade e con tramos perigosos que cómpre facer na compaña de persoas que coñezan ben o terreo e sempre con boas condicións atmosféricas.

Sábado 10 de setembro, 17:00h: Xeorruta marítima con Rutas Cedeira. Mínimo 8 e máximo 12 prazas. (50€/p) A ruta marítima organizada pola empresa de turismo activo Rutas Cedeira ten completo o cupo do martes 23 e está a puntiño de completarse tamén o do venres 26 pola tarde. Partindo do peirao vello de Cedeira percórrese a costa do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal até Os Aguillóns descubrindo como se formaron os cantís máis altos da Europa continental e tamén outras peculiariedades da paisaxe que, vistas desde o mar, cobran unha nova dimensión.

As reservas deben efectuarse no teléfono 722 615 382. O prezo son 50€, incluído seguro. As saídas están condicionadas ao estado do mar.

Domingo 11 de setembro, 10:00 a 14:00h: Xeorruta do Cromo (Concello de Cedeira). Máximo 20 prazas. Partindo do Cruceiro de Teixidelo iremos bordeando a costa até Herbeira. Unha zona espectacular polas vistas, pero tamén por ser paraíso das rochas ultramáficas e de materiais como a cromita, a magnetita, a morenosita, a zaratita ou a andradita. No percorrido pararemos en puntos onde, ademais de minerais ricos en cromo, tamén se atoparon acumulacións de platino. A visita tamén permite apreciar unha falla que fende toda a Serra da Capelada. Máis info e reservas aquí.

Domingo 11 de setembro, 16:30 a 20:30h: Xeorruta do Limo (Concello de Cariño). Máximo 20 prazas. Esta ruta polo macizo do Limo permitirá descubrir formacións rochosas moi singulares que co paso do tempo foron adquirindo formas sumamente curiosas e rechamantes.

Isto, unido a que o percorrido discorre polos cantís máis verticais da Serra da Capelada, farán desta visita xeolóxica unha oportunidade única para coñecer a zona lindeira co corte costeiro de Herbeira, máis elevado pero menos pendente. Máis info e reservas aquí.

Mércores 14 de setembro, 10:00 a 16:00h: Xeorruta do Granate (Concello de Cedeira), última do verán. Máximo 15 prazas. Esta ruta discorre por un pequeno sendeiro de pesca desde o Santuario de Santo André ata a enseada das Cortes, onde se observa unha ampla variedade de rochas moi rechamantes -entre elas algunhas con presenza de granates- tanto pola súa cor como pola súa textura, así como un salientable número de estruturas xeolóxicas que poñen de manifesto a intensa deformación que afectou a esta rexión hai 350 millóns de anos.

Esta ruta xeolóxica é para moitas das persoas que xa a fixeron unha das máis espectaculares de todas cantas se ofrecen pola zona. Hai que ter en conta que é un percorrido de dificultade alta, debido ao desnivel que acumula e á presenza de tramos con pedra solta, polo que é preciso levar un calzado con bastante debuxo na suela e a poder ser que protexa os nocellos. Debido á duración da actividade tamén se recomenda levar comida lixeira -barras enerxéticas, froita ou outros sólidos- ademais de auga. Máis info e reservas aquí.

Volvemos na primavera!

O CICLO CANTOS E CONTOS AO SOLPOR VIAXA ESTE SÁBADO Á PARROQUIA DE SANTALLA

O ciclo de Cantos e Contos ao Solpor que o Concello de Cedeira organiza cada ano no mes de setembro trasládase este sábado á parroquia de Santalla. Alí, as poetas Lucía Aldao e María Lado ofrecerán o espectáculo “O Ben Querer(se)”, unha mistura de música e historias na que estas dúas poetas falan con moito humor das desigualdades entre xéneros e como estas afectan ás mulleres. A función será ás 20.00 horas no local social de Tarroiba.

Por outra banda, segue adiante no mes de setembro o programa de roteiros turístico Descobre Cedeira organizado polo Concello. Este xoves, día 8, desenvolverase a ruta por San André de Teixido. É un percorrido de dificultade media, con saída ás 10.00 horas desde a igrexa de Regoa e que se prolonga ata as 17.00 horas, polo que se recomenda levar a comida. As persoas interesadas poden informarse ou inscribirse de balde na Oficina de Turismo ou ben a través de mail –mar.lopez@cedeira.gal- ou teléfono -981 482 187-.

CARIÑO, CEDEIRA E VALDOVIÑO DISPOÑEN UN SERVIZO DE ASESORAMENTO DURANTE OS MESES DE SETEMBRO E OUTUBRO PARA TITORIZAR A PERSOAS EMPRENDEDORAS DO SECTOR PESQUEIRO E MARISQUEIRO

O “PROGRAMA DE VALORIZACIÓN DA PESCA SUSTENTABLE, E PARA IMPULSO DO EMPRENDEMENTO, PRIORITARIAMENTE NA TRANSFORMACIÓN, NO SECTOR PESQUEIRO NOS CONCELLOS DE CARIÑO, CEDEIRA E VALDOVIÑO. EMPRENDEPESCA” (2021-2022) é unha iniciativa conxunta entre os Concellos de Cariño, Cedeira e Valdoviño, financiada co Fondo Europeo e Marítimo da Pesca (FEMP), aprobado na primeira fase de axudas dos Grupos de Acción Local Participativo, de 2021.

O obxectivo principal de EMPRENDEPESCA é impulsar ideas emprendedoras dentro do sector pesqueiro e marisqueiro especialmente a aquelas que promovan a transformación dos produtos do mar dentro dun territorio que se atopa moi centrado na comercialización do produto fresco.

Este proxecto que ven liderado polos Concellos de Cedeira, Cariño e Valdoviño, aposta pola transformación e diversificación do sector a través do xurdimento de novas empresas ou novas liñas de negocio que fagan máis competitivo e innovador o sector do mar.

Durante o mes de setembro e outubro ábrese un servizo de asesoramento ao emprendemento para aquelas persoas ou empresas que teñan interese na posta en marcha dunha idea emprendedora dentro do sector do mar, e vaian na liña da transformación ou diversificación. Este servizo pretende ofrecer a axuda necesaria tanto para ideas emprendedoras que necesitan dun asesoramento integral como aquelas que precisan de consultas puntuais ou específicas.

Este asesoramento individualizado abarca entre outras temáticas: información sobre cales son os trámites legais e administrativos para poñer en marcha unha actividade, como facer un plan de viabilidade e un plan financeiro, cal é a forma xurídica mais acertada para a constitución da empresa, que ferramentas tecnolóxicas facilitan o traballo, que competencia ten a actividade, que fontes de financiación existen, etc.

Este servizo desenvólvese en cada un dos concellos integrantes do proxecto Emprendepesca, Cedeira, Cariño e Valdoviño, no que a persoa interesada so ten que solicitar o servizo a través do correo electrónico emprendepesca21@gmail ou no teléfono 664 538 215.

O proxecto conta cunha páxina web emprendepesca.gal/, na que se pode consultar máis información sobre esta iniciativa, facer consultas ou requirir axuda dos técnicos- asesores que están a disposición das persoas interesadas nesta actuación. Ademais nesta páxina web pódense consultar e descargar recursos de axuda para a posta en marcha dunha empresa.

Seguindo as redes sociais do proxecto de Emprendepesca Facebook @emprendepesca20212022 e Instagram @emprendepesca, pódese estar ao día dos acontecementos deste proxecto que remata a finais do mes de outubro.

Emprendepesca conta coa colaboración de cinco entidades clave neste territorio, e que son as Confrarías de Pescadores de Cedeira e de Cariño, a Asociación de Mariscadoras e Mariscadores de Cariño, as Asociacións de Percebeiros de Cariño e de Meirás.