Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

O GOBERNO LOCAL DE CEDEIRA REXEITA A DECLARACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL DO PARQUE EÓLICO BADULAQUE

O goberno local de Cedeira quere manifestar o seu total desacordo coa resolución que onte publicou o Ministerio de Transición Ecolóxica no BOE formulando a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Badulaque. En palabras do alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, “estamos totalmente decepcionados coa tramitación que se fixo e decididos a tomar medidas e chegar ata o final para defender os intereses dos veciños e veciñas de Cedeira”.

Moreda Gil considera unha “tomadura de pelo” a tramitación da declaración de impacto ambiental, na que nin se contestaron nin se tiveron en conta as alegacións presentadas polo Concello de Cedeira. “Son uns aeroxeradores brutais e a súa instalación está fóra do plan sectorial galego, que é o marco no que deberían executar este tipo de proxectos”, dixo o alcalde, que anunciou a súa intención de convocar aos voceiros de todos os grupos políticos con representación municipal para abordar o tema e “tomar medidas conxuntas”. O alcalde adiantou que “iremos ata o contencioso, se é preciso, para defender os intereses da veciñanza”.

O parque eólico Badulaque, de 90MW de potencia e promovido por Enel Green Power, prevé a instalación de 20 aeroxeradores de 170 metros de diámetro e 115 de altura ata o centro do rotor. Durante o verán de 2021 o Concello de Cedeira promoveu unha charla informativa sobre este proxecto, precisamente no momento no que estaba aberto o prazo de alegacións, na que se informou á veciñanza da iniciativa e se expuxeron as afeccións da mesma sobre a paisaxe, a flora e a fauna e o desenvolvemento socioeconómico da zona. O goberno local facilitou tamén daquela a presentación de alegacións por parte da cidadanía, como tamén fixo, nas mesmas datas, cos parques de enerxía eólica mariña proxectados nas proximidades do litoral cedeirés.

O Concello tramitou daquela un amplo documento no que se detallaban vinte alegacións ao proxecto Badulaque. Entre outras, alegábase que a iniciativa está fóra das Áreas de Desarrollo Eólico de Galicia (ADE), que non se adecúa á zonificación ambiental para enerxías renovables do propio Ministerio de Transición Ecolóxica, que a poligonal do parque está sobredimensionada, que non se identifican as parcelas afectadas, que non se evalúa a afección á candidatura do proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal, nin o impacto socioeconómico pola proximidade aos núcleos de poboación, a proximidade a espazos naturais protexidos ou a grave afección á paisaxe.

O goberno local de Cedeira apoia o uso das enerxías renovables e é moi sensible e activo na loita contra o cambio climático, pero sempre no marco cunha implantación de estruturas de maneira coherente, regulada e ordenada, evitando os impactos negativos sobre o entorno e as actividades, para garantir unha transición enerxética xusta.

Podese consultar a resolución na seguinte ligazón:
https://www.boe.es/diario_boe/txt.php?id=BOE-A-2023-2598

O PROXECTO DE CABO ORTEGAL CONVÉRTESE EN CANDIDATA DA UNESCO PARA AMPLIAR A REDE MUNDIAL DE XEOPARQUES

O goberno local de Cedeira quere expresar a súa satisfacción pola decisión da Unesco de incluír o proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal entre as candidaturas para ampliar a rede mundial a partir de maio de 2023. O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que a proposta pasou o corte e da o paso definitivo para se converter nunha realidade.

A Unesco publicou o resultado da deliveración do Consello de Xeoparques Mundiais que se desenvolveu durante os pasados días 7 ao 9 de decembro, e que foi seguida atentamente, na parte que concerniu ao proxecto de Cabo Ortegal, polo alcalde de Cedeira e otros representantes dos sete concellos implicados. Pasaron o corte once das quince propostas que se examinaban: unha da República de Corea, unha de Xapón, dúas de Indonesia, unha de Irán, unha de Noruega, dúas de Brasil, unha de Reino Unido e unha de Grecia, xunto coa do Xeoparque Cabo Ortegal.

“A nosa proposta obtivo o voto unánime e claro do Consello, algo que nos enche de satisfacción porque refrenda a importancia xeolóxica da zona e tamén corrobora o esforzo realizado pola entidade de xestión do proxecto”, explicou Moreda Gil. O alcalde destacou que o proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal cumpre todos os requisitos para facerse realidade o próximo ano, e subliñou que “obter o recoñecemento non remata coa tarefa, ao contrario, ser xeoparque significa adquirir un compromiso co territorio e co seu desenvolvemento sostible, é unha folla de ruta para crecer de forma equilibrada, para poñer en valor o noso, para valorarnos máis como unha zona cun patrimonio material e inmaterial extraordinario”, dixo Moreda.

“Entrar na rede mundial de xeoparques da Unesco vai marcar un antes e un despois para o sector turístico non só de Cedeira senón de todo o territorio”, resaltou o alcalde, apuntando que “xurdirán empresas e actividades que poderán ter a través do xeoparque un selo de calidade”.

Comunicado da Unesco: https://www.unesco.org/en/articles/unesco-global-geoparks-council-proposes-further-11-additions-network

Comunicado do proxecto de Xeoparque: https://proxecto.xeoparquecaboortegal.gal/o-proxecto-de-cabo-ortegal-proposto-oficialmente-para-ser-xeoparque-mundial-da-unesco-en-2023/

O CONCELLO DE CEDEIRA ENTREGOU Á VECIÑANZA 30 NOVOS COMPOSTEIROS PARA UNHA MELLOR XESTIÓN DOS RESIDUOS

Continuando co seu programa de promoción da compostaxe doméstica, o Concello de Cedeira vén de repartir 30 novos composteiros á veciñanza. As persoas que se suman nesta quenda á iniciativa, acudiron o pasado día 5 a unha xornada na que, ademais de recoller os seus colectores, recibiron información sobre como facer o mellor uso deles.

Dende a Concellería de Medio Ambiente móstrase satisfacción pola boa acollida que sempre ten entre a veciñanza esta iniciativa, que se desenvolve dende o ano 2016 e suma xa máis de 240 familias implicadas na xestión sostible dos residuos.

Do mesmo xeito, comunícaselles a todas aquelas persoas que realizaron a solicitude e non obtiveron composteiro desta volta, que permanecen na lista de agarda para outra nova convocatoria de entregas que se prevé teña lugar en breve.

O programa de compostaxe doméstica avanza grazas ao cofinanciamento polo fondo europeo relativo ao mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, mediante as axudas convocadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que cubren un 90% dos custes de material, campañas de sensibilización e seguemento dos resultados.

Con esta acción, o Concello de Cedeira busca reducir a proporción de materia orgánica presente na bolsa do lixo, que en Galicia se atopa darredor do 40%, e avanzar cara un sistema de recollida e xestión de residuos máis axeitada e eficiente.