Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O GOBERNO LOCAL DE CEDEIRA REXEITA A DECLARACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL DO PARQUE EÓLICO BADULAQUE

O goberno local de Cedeira quere manifestar o seu total desacordo coa resolución que onte publicou o Ministerio de Transición Ecolóxica no BOE formulando a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Badulaque. En palabras do alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, “estamos totalmente decepcionados coa tramitación que se fixo e decididos a tomar medidas e chegar ata o final para defender os intereses dos veciños e veciñas de Cedeira”.

Moreda Gil considera unha “tomadura de pelo” a tramitación da declaración de impacto ambiental, na que nin se contestaron nin se tiveron en conta as alegacións presentadas polo Concello de Cedeira. “Son uns aeroxeradores brutais e a súa instalación está fóra do plan sectorial galego, que é o marco no que deberían executar este tipo de proxectos”, dixo o alcalde, que anunciou a súa intención de convocar aos voceiros de todos os grupos políticos con representación municipal para abordar o tema e “tomar medidas conxuntas”. O alcalde adiantou que “iremos ata o contencioso, se é preciso, para defender os intereses da veciñanza”.

O parque eólico Badulaque, de 90MW de potencia e promovido por Enel Green Power, prevé a instalación de 20 aeroxeradores de 170 metros de diámetro e 115 de altura ata o centro do rotor. Durante o verán de 2021 o Concello de Cedeira promoveu unha charla informativa sobre este proxecto, precisamente no momento no que estaba aberto o prazo de alegacións, na que se informou á veciñanza da iniciativa e se expuxeron as afeccións da mesma sobre a paisaxe, a flora e a fauna e o desenvolvemento socioeconómico da zona. O goberno local facilitou tamén daquela a presentación de alegacións por parte da cidadanía, como tamén fixo, nas mesmas datas, cos parques de enerxía eólica mariña proxectados nas proximidades do litoral cedeirés.

O Concello tramitou daquela un amplo documento no que se detallaban vinte alegacións ao proxecto Badulaque. Entre outras, alegábase que a iniciativa está fóra das Áreas de Desarrollo Eólico de Galicia (ADE), que non se adecúa á zonificación ambiental para enerxías renovables do propio Ministerio de Transición Ecolóxica, que a poligonal do parque está sobredimensionada, que non se identifican as parcelas afectadas, que non se evalúa a afección á candidatura do proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal, nin o impacto socioeconómico pola proximidade aos núcleos de poboación, a proximidade a espazos naturais protexidos ou a grave afección á paisaxe.

O goberno local de Cedeira apoia o uso das enerxías renovables e é moi sensible e activo na loita contra o cambio climático, pero sempre no marco cunha implantación de estruturas de maneira coherente, regulada e ordenada, evitando os impactos negativos sobre o entorno e as actividades, para garantir unha transición enerxética xusta.

Podese consultar a resolución na seguinte ligazón:
https://www.boe.es/diario_boe/txt.php?id=BOE-A-2023-2598