Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A CELEBRADA OBRA DE TEATRO “CONTINENTE MARÍA” CHEGA ESTE SÁBADO AO AUDITORIO DE CEDEIRA

Unha conferencia sobre Martín Sarmiento, o Pai Sarmiento, e a obra de teatro “Continente María” sucederanse mañá venres e o sábado na axenda cultural de Cedeira. O Museo Mares acolle a primeira das actividades, promovida pola biblioteca do CEIP Nicolás do Río ao fío do proxecto interxeracional “Naturalmente, apendendo!”. Trátase de impulsar o coñecemento da flora e a fauna máis próxima, un traballo no que se encadra esta charla que mañá pronunciará o mestre xubilado do propio centro Rafael López Loureiro.

López Loureiro, autor do blog Ao noroeste do Noroeste, falará na súa conferencia sobre Martín Sarmiento (1695-1772), monxe benedictino e home ilustrado, moi interesado pola botánica e a menciña entre outros saberes. A charla, que leva por título “Martín Sarmiento… o primeiro naturalista?”, comezará ás 19.30 horas no museo.

Xa o sábado, o Auditorio Municipal acollerá unha das pezas teatrais máis celebradas do último ano na escena galega. “Continente María” é o título dunha obra na que se establece un diálogo coa extraordinaria figura de María Casares. A actriz Melania Cruz interpreta á dramaturga nesta montaxe que recolle a retranca, o humor e a musicalidade que ela desprendía nas súas entrevistas e escritos. Baixo a dirección de Tito Asorey, a peza evoca á actriz extraordinaria que foi María Casares e tamén a súa dimensión humana, como unha muller entregada á vida e á escena para vencer o medo e sobrepoñerse ao exilio.

A representación comezará ás 20.30h e as entradas teñen un prezo de 3,5€. Pódense reservar anticipadamente ata mañá venres ás 14.00h a través de whatsapp, no número 649 876 614, ou ben mercalas en taquilla desde unha hora antes do inicio da función.