Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

DEPORTES

O Concello colabora co Club Montaña de Ferrol cara á celebración da X Andaina Terras de Cedeira

O CONCELLO COLABORA CO CLUB MONTAÑA DE FERROL CARA Á CELEBRACIÓN DA X ANDAINA TERRAS DE CEDEIRA

O Concello de Cedeira vén de acondicionar as pistas e sendeiros que o vindeiro sábado acollerán a décima edición da Andaina Terras de Cedeira, unha iniciativa do Club Montaña de Ferrol para descubrir a pé o municipio nun percorrido de 40 ou 30 quilómetros en función da condición física de cada persoa.

A participación podería chegar aos cen deportistas, moi similar á de anteriores edicións. Os interesados aínda teñen a posibilidade de se apuntar no club organizador -con sede na rúa Coruña nº 102 de Ferrol-, na páxina web clubmontana.gal, na oficina de Turismo de Cedeira, na tenda Cedeira Sport, ou de enviar un correo electrónico á dirección marchascmf@gmail.com para formalizar a reserva. A iniciativa está aberta unicamente á participación de persoas maiores de 16 anos.

A saída, que será ás 9.30 horas, terá como punto de partida a praza Roxa. O itinerario, que estará debidamente sinalizado, discorrerá polo paseo da Madalena, punta Robaleira, Serra da Capelada, inmediacións do santuario de San Andrés de Teixido e costa de Tarroiba.

Desde a organización non se fala de dificultade pero si da necesidade dun grao alto de preparación física para participar unha andaina á que tamén definen como “rompepernas”.

O goberno municipal, que traballa arreo para fomentar o deporte da man das entidades deportivas da localidade, anima aos afeccionados a tomar parte na proba e ao público en xeral a facer un seguemento da mesma nos distintos lugares polos que vai pasar.

Cedeira acollerá os días 7 e 8 o torneo de fútbol-8, que este ano chega á súa edición número 13

CEDEIRA ACOLLERÁ OS DÍAS 7 E 8 O TORNEO DE FÚTBOL-8, QUE ESTE ANO CHEGA Á SÚA EDICIÓN NÚMERO 13

O Cedeira SD organiza para a próxima fin de semana a edición número trece do trofeo de fútbol 8, que reunirá a 550 deportistas e para a que organización conta coa colaboración do Concello local.

Un total de corenta equipos, a súa maioría procedentes da comarca, tomarán parte nunha competición que terá como escenario o campo municipal do Beco e que se desenvolverá en horario de mañá e tarde, de 10.00 a 19.30 horas.

A primeira das xornadas, día 7, está reservada á participación dos equipos de prebenxamíns e benxamíns, mentres que na do domingo xogarán os alevíns e infantís. As finais disputaranse ás 18.30 horas, tanto o sábado como o domingo. Un ano máis a organización garante o avituallamento dos deportistas e das súas familias coa venda de racións de churrasco e bocadillos nunha carpa que se habilitará a tal efecto e que estará situada a carón do recinto deportivo.

O presidente do Cedeira SD, David Abella Bouza, invita aos afeccionados ao fútbol de toda a comarca a acercarse á vila de Cedeira para seguir de cerca o campionato, do que destaca o bo ambiente que existe durante a súa celebración e a posibilidade de desfrutar do fútbol da man das novas promesas.

A 23ª travesía a nado “Ría de Cedeira” será o sábado día 10 de agosto

A 23ª TRAVESÍA A NADO “RÍA DE CEDEIRA” SERÁ O SÁBADO DÍA 10 DE AGOSTO

O Concello de Cedeira e a Federación Galega de Natación organizan para o día 10 de agosto a 23ª edición da Travesía a Nado Ría de Cedeira, proba puntuable para o circuíto galego de augas abertas. A inscrición, cuxo prazo remata o martes 7, xa se pode tramitar a través das páxinas www.fegan.org e www.galitiming.com.

Haberá un total de nove categorías:

A) Anos de nacemento 2010 e posteriores, distancia 50 metros e inicio da proba ás 12:00 horas

B) Anos de nacemento 2008 e 2009, distancia 400 metros e inicio ás 12:10 horas

C) Anos de nacemento 2005, 2006 e 2007, distancia 800 metros e inicio ás 12:20 horas

D) Non federados -2004 e anteriores- distancia 800 metros e inicio ás 12.20 horas

E) Máster 1(1998 a 1984), distancia 2.800 metros e inicio ás 12:40 horas

F) Máster 2 (1983 a 1969), distancia 2.800 metros e inicio 12:40 horas

G) Máster 3( 1968 a 1954), distancia 2.800 metros e inicio 12:40 horas

H) Máster 4 (1953 e anteriores), distancia 2.800 metros e inicio 12:40 horas

I) Absoluta, 2005 e anteriores con licencia federativa, distancia 2.800 metros e inicio12:40 horas. Todas as competicións rexeranse pola normativa FINA de Augas Abertas, pola Normativa de Competición de Augas Abertas da Federación Española de Natación e por un regulamento particular. As probas estarán controladas polo comité de árbitros da Federación Galega de Natación, sendo da súa competencia a resolución de calquera cuestión ou recurso que apareza no desenrolo das mesmas.

Haberá medalla para todos os participantes da categoría A que rematen a proba, así como medalla ou trofeos para os tres primeiros clasificados e tamén trofeos para os tres primeiros clasificados do resto de categorías.

A entrega de galardóns terá lugar no transcurso dun acto que dará comezo ás 14.30 horas.

A organización conta coa colaboración do Club Natación Cedeira Muebles García, Cedeira Sport, Arena, Cruz Roja e Protección Civil de Cedeira e panadería Durán para a celebración dunha convocatoria que suscita moita expectación, tanto a nivel local como comarcal e rexional, e á que o Concello invita a veciños e visitantes a seguir de cerca desde calquera dos puntos urbanos desde os que se poderá ollar.