Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

DEPORTES

O CONCELLO ADXUDICOU O CERRAMENTO DAS PISTAS DE PÁDEL EXTERIORES PARA POSIBILITAR O SEU USO TODO O ANO

O Concello de Cedeira adxudicou por 59.773,62€ (IVE incluído) as obras de cerramento das pistas de pádel. A unión temporal de empresas formada por Meraki CR e Carpintería Metálica Ferreiro será a encargada de realizar esta actuacion, que segundo destacou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, vai redundar nun maior aproveitamento das instalacións. “Temos catro pistas municipais, despois de facer dúas máis no anterior mandato, pero a realidade é que o insuficiente peche de dúas delas desbota a posibilidade de xogar cando vai vento ou choiva”, explicou o alcalde, quen destacou que as obras van ampliar a dispoñibilidade de instalacións e con elo o número de personas usuarias.

As pistas de pádel municipais funcionan actualmente de xeito ininterrompido de luns a domingo, entre as nove da mañá e as dez e media da noite. Hai 83 persoas apuntadas a esta práctica a través das escolas deportivas do Concello, ás que se suman outras 60, de media, que van de xeito individual a xogar cada semana e os máis de 92 socios e socias do Club de Pádel local, a través do cal tamén son moitas as persoas que se afeccionan a esta práctica.

A actuación nas pistas de pádel é unha das obras que o Concello vai executar con cargo ao máis de medio millón de euros que se incorporou ao presuposto municipal deste ano procedente do remanente do exercicio pasado. Deses fondos, preto de 157.000 euros van destinados á realización de diferentes melloras nas instalacións deportivas municipais.

O Concello de Cedeira conta con catro pistas de pádel, despois de que no anterior mandato se adecuaran dúas novas. A actuación que se vai acometer agora mellorará o abrigo destas últimas, que contan actualmente cunha cuberta de chapa e paredes de vidro templado e malla insuficientes para permitir o xogo en condicións de choiva e vento. Así, as obras van consistir en retirar as paredes e o enreixado actual e na construción de paramentos que cheguen á cuberta e pechen as pistas totalmente.

O CONCELLO PROMOVE INVESTIMENTOS POR VALOR DE CASI 295.000€ PARA A MELLORA DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS

O goberno local de Cedeira ten previsto realizar varios investimentos para a mellora das instalacións deportivas municipais por valor de case 295.000€. O máis importante é o cambio do pavimento e o marcador electrónico do Polideportivo, un proxecto valorado en máis de 189.000€ e no que o Concello vai solicitar a colaboración da Deputación Provincial da Coruña. Xunto con esta intervención, estes días saíron a concurso outras dúas para pechar as pistas de pádel e cambiar o sistema de deshumectación da piscina municipal, e acaba de adxudicarse un contrato menor para cambiar varios elementos da carpintería de aluminio do campo de fútbol.

A intervención máis importante das que proximamente van afectar ás instalacións deportivas de Cedeira é a do Polideportivo Municipal, para a que o Concello está a tramitar unha subvención da Deputación da Coruña tal e como se aprobou, por unanimidade, no último pleno da corporación. O investimento ascende a 189.793,23€, dos que a administración provincial cubriría o 80%, e os traballos consistirán na substitución do pavimento e o cambio do marcador electrónico. O proxecto contempla a retirada do parquet existente, que está colocado directamente sobre o formigón sen separación nin impermeabilización, por un pavimento en madeira maciza de fresno sobre rastrel, con membrana impermeabilizante contra o formigón e os muros exteriores. En canto ao marcador, faise convinte o cambio para que resposte ás normas dos diferentes deportes que alí se practican.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, comentou que o Polideportivo Municipal “ten una ocupación practicamente total de luns a domingo, algo que é unha alegría, porque fala do arraigo que ten o deporte na nosa vila”. Segundo explicou, “estas instalacións cumpriron xa trinta anos, e a intensidade de uso fai necesaria unha posta ao día máis aló dos traballos de mantemento e mellora que cada ano afronta o Concello, como foron os arranxos nos vestiarios, o cambio da iluminación, o elevador para persoas con mobilidade reducida, a baranda nas bancadas…”.

Xunto con este proxecto, o Concello acaba de sacar a concurso as obras de peche das pistas de pádel, por un presuposto de 59.887,49€ (IVE incluído), e o cambio do sistema de deshumectación da piscina municipal, por 39.061,42€ (IVE incluído). Ambas as dúas llicitacións están publicadas na Plataforma de Contratación do Sector Público e as empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro día 26 de outubro para presentar as súas ofertas.

Nas pistas de pádel, o proxecto consiste en completar o peche das dúas canchas exteriores, que contan actualmente cunha cuberta de chapa autoportante e paredes de vidro templado e malla electrosoldadada insuficientes en caso de climatoloxía adversa. A obra que se vai acometer permitirá dar uso ás instalacións ao longo de todo o ano, independientemente da choiva e o vento. Pola súa banda, na piscina municipal o investimento vai dirixido a cambiar a actual sistema de deshumectación por outro novo, dado que o seu estado faría máis costosa a reparación. O alto grao de humidade da instalación, explican desde o goberno local, fai preciso este equipamento para evitar danos estruturais ou a proliferación de mofo ou fungos.

Por último, o Concello de Cedeira acaba de contratar á Carpintería López y Villadóniga o cambio de tres portas, dúas ventás e catro barandas de aluminio no campo de fútbol municipal, por un importe de 5.313€ (IVE incluído).

ANUNCIO DA CONCELLERÍA DE CULTURA

Todas as persoas inscritas nos cursos trimestrais de Inmersión en inglés, Pintura, Tapices e Xadrez, así como nos obradoiros de Iniciación á Fotografía e Creatividade para o Futuro están admitidas.
As clases dos cursos de Pintura, Tapices e Xadrez comezarán o 11 de outubro. As clases de Inmesión en Inglés serán iniciadas a principios de novembro.
As persoas preinscritas nos obradoiros de Iniciación á fotografía e Creatividade para o futuro serán contactadas en breve para acordar datas.
A matrícula está aberta. Debe realizarse na Oficina de Turismo, no Palacete. As taxas poderán pagarse de dous xeitos:
con tarxeta, no propio Palacete
en metálico, no banco.
Para saber os prezos e se existe a opción de obter algún tipo de bonificación convén consultar o texto regulador do prezo público, dispoñible na seguinte ligazón: https://cedeira.gal/wp-content/uploads/2021/10/PREZO-PUB-ACT-SOCIOCULT-MODIF-COMPLETO.doc . Ademais, para poder acollerse ás bonificacións será necesario achegar a documentación requirida no texto referido.
Horarios e localizacións dos cursos
Inmersión en inglés: pendente da organización dos grupos, dará comezo en novembro e será impartido no 1º andar do Edificio da Sindical.
Pintura: no 3º andar do Edificio da Sindical en Cedeira e nos locais das asociacións nas parroquias.
Os luns de 10:00 a 13:00 en San Román
Os martes de 10:00 a 13:00 en Cedeira
Os mércores de 16:00 a 18:00 en Cervo e de 18:30 a 21:00 en Cedeira
Os xoves de 10:30 a 12:30 en Cedeira e de 18:30 a 21:00 en Cedeira
Os venres de 10:30 a 12:30 en Esteiro, de 16:00-18:00 en Cedeira (infantil) e de 18:30 a 20:30 en Montoxo

Tapices: os luns de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 19:00 no Palacete.
Xadrez: os mércores de 19:00 a 20:00 no Edificio da Sindical.
As datas dos obradoiros serán acordadas coas persoas participantes.