Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO PROMOVE INVESTIMENTOS POR VALOR DE CASI 295.000€ PARA A MELLORA DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS

O goberno local de Cedeira ten previsto realizar varios investimentos para a mellora das instalacións deportivas municipais por valor de case 295.000€. O máis importante é o cambio do pavimento e o marcador electrónico do Polideportivo, un proxecto valorado en máis de 189.000€ e no que o Concello vai solicitar a colaboración da Deputación Provincial da Coruña. Xunto con esta intervención, estes días saíron a concurso outras dúas para pechar as pistas de pádel e cambiar o sistema de deshumectación da piscina municipal, e acaba de adxudicarse un contrato menor para cambiar varios elementos da carpintería de aluminio do campo de fútbol.

A intervención máis importante das que proximamente van afectar ás instalacións deportivas de Cedeira é a do Polideportivo Municipal, para a que o Concello está a tramitar unha subvención da Deputación da Coruña tal e como se aprobou, por unanimidade, no último pleno da corporación. O investimento ascende a 189.793,23€, dos que a administración provincial cubriría o 80%, e os traballos consistirán na substitución do pavimento e o cambio do marcador electrónico. O proxecto contempla a retirada do parquet existente, que está colocado directamente sobre o formigón sen separación nin impermeabilización, por un pavimento en madeira maciza de fresno sobre rastrel, con membrana impermeabilizante contra o formigón e os muros exteriores. En canto ao marcador, faise convinte o cambio para que resposte ás normas dos diferentes deportes que alí se practican.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, comentou que o Polideportivo Municipal “ten una ocupación practicamente total de luns a domingo, algo que é unha alegría, porque fala do arraigo que ten o deporte na nosa vila”. Segundo explicou, “estas instalacións cumpriron xa trinta anos, e a intensidade de uso fai necesaria unha posta ao día máis aló dos traballos de mantemento e mellora que cada ano afronta o Concello, como foron os arranxos nos vestiarios, o cambio da iluminación, o elevador para persoas con mobilidade reducida, a baranda nas bancadas…”.

Xunto con este proxecto, o Concello acaba de sacar a concurso as obras de peche das pistas de pádel, por un presuposto de 59.887,49€ (IVE incluído), e o cambio do sistema de deshumectación da piscina municipal, por 39.061,42€ (IVE incluído). Ambas as dúas llicitacións están publicadas na Plataforma de Contratación do Sector Público e as empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro día 26 de outubro para presentar as súas ofertas.

Nas pistas de pádel, o proxecto consiste en completar o peche das dúas canchas exteriores, que contan actualmente cunha cuberta de chapa autoportante e paredes de vidro templado e malla electrosoldadada insuficientes en caso de climatoloxía adversa. A obra que se vai acometer permitirá dar uso ás instalacións ao longo de todo o ano, independientemente da choiva e o vento. Pola súa banda, na piscina municipal o investimento vai dirixido a cambiar a actual sistema de deshumectación por outro novo, dado que o seu estado faría máis costosa a reparación. O alto grao de humidade da instalación, explican desde o goberno local, fai preciso este equipamento para evitar danos estruturais ou a proliferación de mofo ou fungos.

Por último, o Concello de Cedeira acaba de contratar á Carpintería López y Villadóniga o cambio de tres portas, dúas ventás e catro barandas de aluminio no campo de fútbol municipal, por un importe de 5.313€ (IVE incluído).