Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

O CONCELLO DE CEDEIRA TEN ABERTO ATA O 20 DE SETEMBRO O PRAZO DO II CERTAME DE TEATRO AMADOR “FUSA GUILLÉN”

O Concello de Cedeira convocou recentemente a segunda edición do Certame de Teatro Afeccionado “Fusa Guillén” e as compañías poden presentar as súas solicitudes ata o día 20 de setembro. Un xurado seleccionará as tres pezas de teatro amador que se representarán no Auditorio Municipal os días 14 e 21 de outubro e o 4 de novembro, nun ciclo que un ano máis serve para homenaxear a unha muller que deixou unha fonda pegada na vida cultural da localidade e, particularmente, no impulso ao teatro.

Segundo establecen as bases, o certame está aberto exclusivamente ás compañías de teatro amador e só se admitirá unha obra por grupo. As pezas deberán ter unha duración de 50 minutos como mínimo e ser en galego. Para a selección do xurado, as compañías deberán enviar coa súa solicitude diferente material, entre o que estará un vídeo da representación completa ou dunha parte suficientemente representativa. O Concello pagará 600 euros a cada un dos tres grupos elixidos en concepto de gastos pola actuación.

Todas as representacións serán ás 20.00h e serán de entrada gratuíta.

Pódese descargar as bases na seguinte ligazón:

Descarga PDF Bases do II certame de Teatro Afeccionado “Fusa Guillén”

AS FESTAS DA PATROA EN CEDEIRA CONTINÚAN ADIANTE CON ESPECTÁCULOS PARA O PÚBLICO FAMILIAR E MOITA MÚSICA

O Concello de Cedeira segue coas súas festas da patroa despois dunha primeira fin de semana cunha elevada participación en todas as actividades, entre elas a Carreira Popular do sábado, que contou con cincocentas persoas inscritas. Na xornada de hoxe está programado un espectáculo de rúa para o público familiar, “A Danza dos Paxaros”, e unha nova verbena nocturna na que tocarán os grupos Atenas e Galia.

“A Danza dos Paxaros” é unha proposta da compañía teatral Can Cun Quinqué. Nela, un grupo de bailaríns interpretan a grandes e vistosos paxaros cabezudos, dirixidos por un ornitólogo. O espectáculo percorrerá as rúas da vila de Cedeira a partir das oito da tarde. Ás 22.30h, na praza Roxa, comezará a verbena nocturna, desta volta coa actuación de dúas orquestras. O Grupo Atenas e o Grupo Galia porán o ritmo á noite cedeiresa.
O festivo de mañá, día 15, será un día grande nas celebracións da Virxe do Mar de Cedeira. O programa principia coa misa das doce do mediodía, que será cantada pola coral Virxe do Mar. Ás 13.00h comezará a sesión vermú na praza Roxa, que estará amenizada pola Banda de Música Vila de Cedeira. Haberá tamén unha función para o público familiar na praza de Floreal, a partir das 20.00h. Sue Moreno, María Move e Mark Torrecillas protagonizan “Giamping”, un espectáculo de danza e circo no que tres amigos van compartir unas vacacións facendo campismo.

A partir das 21.00h a Fanfarria Taquicardia fará un pasarrúas que comezará na praza de Floreal e que levará a xente ata a praza Roxa, onde de novo pola noite celebrarase unha verbena. Será a partir das 22.30h, coa orquestra Fania Blanco Show e co Grupo Claxxon. O baile fará unha parada ás 00.00 horas para que o público poida gozar dos fogos de artificio que se van lanzar a esa hora. Despois retomarase a actuación.

O mércores terá lugar a procesión marítima, outra cita moi tradicional e de grande afluencia nas festas de Cedeira. Será despois da misa que está programada para as 11.00h. A praza de Floreal acollerá outro espectáculo para o público familiar, “Kaldi”, a partir das 20.00h, e pola noite, ás 23.00h, comezarán os concertos no escenario da praza Roxa. Tocarán Mercedes Peón, no marco da súa xira Ingrávidas, na que fai repaso do máis destacado da súa carreira, e Mondra, a nova estrela da “música trad”.

O xoves, día 17, Cedeira ten a súa ineludible cita coa Xira de San Antón de Corveiro. Será o gran fin de festas, co remate da verbena nocturna que amenizará, a partir das 22.30h, a orquestra Foliada D’Ases.

PUBLICADAS AS BASES DO II CERTAME DE TEATRO AFECCIONADO “FUSA GUILLÉN”

O Certame de Teatro Afeccionado “Fusa Guillén” nace coa vocación de promover actuacións de compañías de teatro afeccionado galegas e organizar actividades relacionadas co teatro que melloren a vida cultural da Vila de Cedeira.

O prazo de inscrición será do día 20 de agosto ao día 20 de setembro de 2023

O Certame de Teatro Afeccionado “Fusa Guillén” terá lugar os días 14 e 21 de outubro e 4 de novembro de 2023 no Auditorio Municipal de Cedeira. O horario das representacións será ás 20:00 horas.

Pódese descargar as bases na seguinte ligazón:

Descarga PDF Bases do II certame de Teatro Afeccionado “Fusa Guillén”