Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

AS FESTAS DA PATROA EN CEDEIRA CONTINÚAN ADIANTE CON ESPECTÁCULOS PARA O PÚBLICO FAMILIAR E MOITA MÚSICA

O Concello de Cedeira segue coas súas festas da patroa despois dunha primeira fin de semana cunha elevada participación en todas as actividades, entre elas a Carreira Popular do sábado, que contou con cincocentas persoas inscritas. Na xornada de hoxe está programado un espectáculo de rúa para o público familiar, “A Danza dos Paxaros”, e unha nova verbena nocturna na que tocarán os grupos Atenas e Galia.

“A Danza dos Paxaros” é unha proposta da compañía teatral Can Cun Quinqué. Nela, un grupo de bailaríns interpretan a grandes e vistosos paxaros cabezudos, dirixidos por un ornitólogo. O espectáculo percorrerá as rúas da vila de Cedeira a partir das oito da tarde. Ás 22.30h, na praza Roxa, comezará a verbena nocturna, desta volta coa actuación de dúas orquestras. O Grupo Atenas e o Grupo Galia porán o ritmo á noite cedeiresa.
O festivo de mañá, día 15, será un día grande nas celebracións da Virxe do Mar de Cedeira. O programa principia coa misa das doce do mediodía, que será cantada pola coral Virxe do Mar. Ás 13.00h comezará a sesión vermú na praza Roxa, que estará amenizada pola Banda de Música Vila de Cedeira. Haberá tamén unha función para o público familiar na praza de Floreal, a partir das 20.00h. Sue Moreno, María Move e Mark Torrecillas protagonizan “Giamping”, un espectáculo de danza e circo no que tres amigos van compartir unas vacacións facendo campismo.

A partir das 21.00h a Fanfarria Taquicardia fará un pasarrúas que comezará na praza de Floreal e que levará a xente ata a praza Roxa, onde de novo pola noite celebrarase unha verbena. Será a partir das 22.30h, coa orquestra Fania Blanco Show e co Grupo Claxxon. O baile fará unha parada ás 00.00 horas para que o público poida gozar dos fogos de artificio que se van lanzar a esa hora. Despois retomarase a actuación.

O mércores terá lugar a procesión marítima, outra cita moi tradicional e de grande afluencia nas festas de Cedeira. Será despois da misa que está programada para as 11.00h. A praza de Floreal acollerá outro espectáculo para o público familiar, “Kaldi”, a partir das 20.00h, e pola noite, ás 23.00h, comezarán os concertos no escenario da praza Roxa. Tocarán Mercedes Peón, no marco da súa xira Ingrávidas, na que fai repaso do máis destacado da súa carreira, e Mondra, a nova estrela da “música trad”.

O xoves, día 17, Cedeira ten a súa ineludible cita coa Xira de San Antón de Corveiro. Será o gran fin de festas, co remate da verbena nocturna que amenizará, a partir das 22.30h, a orquestra Foliada D’Ases.