Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA TEN ABERTO ATA O 20 DE SETEMBRO O PRAZO DO II CERTAME DE TEATRO AMADOR “FUSA GUILLÉN”

O Concello de Cedeira convocou recentemente a segunda edición do Certame de Teatro Afeccionado “Fusa Guillén” e as compañías poden presentar as súas solicitudes ata o día 20 de setembro. Un xurado seleccionará as tres pezas de teatro amador que se representarán no Auditorio Municipal os días 14 e 21 de outubro e o 4 de novembro, nun ciclo que un ano máis serve para homenaxear a unha muller que deixou unha fonda pegada na vida cultural da localidade e, particularmente, no impulso ao teatro.

Segundo establecen as bases, o certame está aberto exclusivamente ás compañías de teatro amador e só se admitirá unha obra por grupo. As pezas deberán ter unha duración de 50 minutos como mínimo e ser en galego. Para a selección do xurado, as compañías deberán enviar coa súa solicitude diferente material, entre o que estará un vídeo da representación completa ou dunha parte suficientemente representativa. O Concello pagará 600 euros a cada un dos tres grupos elixidos en concepto de gastos pola actuación.

Todas as representacións serán ás 20.00h e serán de entrada gratuíta.

Pódese descargar as bases na seguinte ligazón:

Descarga PDF Bases do II certame de Teatro Afeccionado “Fusa Guillén”