Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

O AUDITORIO MUNICIPAL ACOLLE O CONCERTO DE SANTA ICÍA DA BANDA DE MÚSICA VILA DE CEDEIRA

A Banda Municipal Vila de Cedeira ofrecerá mañá no Auditorio da localidades o seu clásico concerto de Santa Icía. Segundo informa o Concello, a actuación comezará ás 19.30 horas e a entrada será gratuíta, ata completar aforo.

A formación, que vai estar dirixida polo seu novo director, Eduardo Mallén Candel, ten unha traxectoria de 40 anos na que foi consolidando un carácter bulideiro e innovador, como amosa o feito de que no seu repertorio caiban non so temas tradicionais senón temas de bandas sonoras cinematográficas ou grandes éxitos do rock e o pop internacional.

Así, a Banda de Música de Cedeira, premiada en diferentes certames, adoita sorprender ao seu público con pezas inesperadas, como cando o pasado ano, no último concerto de Santa Icía, interpretou Another brick in the wall de Pink Floyd acompañado polo Coro Vila de Cedeira.

O PROXECTO DE XEOPARQUE CABO ORTEGAL CONVÉRTESE EN CANDIDATO A GLOBAL GEOPARK DA UNESCO

O proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal pasou o corte do Comité Español de Cooperación coa Unesco e será presentado ao organismo internacional como unha das dúas candidaturas españolas que optarán ao distintivo Global Geopark. O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, que se reuniu onte cos responsables dos outros seis concellos implicados na iniciativa, celebrou a decisión e subliñou que despois de seis anos de traballo comeza unha apaixonante etapa “na que procuraremos a máxima identificación da cidadanía co proxecto”.

Na decisión do comité español, que xunto ao de Cabo Ortegal aprobou o proxecto cántabro de Costa Quebrada, tivo especial peso a excepcionalidade xeolóxica do Cabo Ortegal- con seis geosites ou lugares de interese xeolóxico internacional-. De feito, a proposta obtivo a máxima cualificación neste apartado.

O proceso de avaliación da candidatura que a partir de agora vai poñer en marcha a Unesco rematará cun exame sobre o terreo. Nesa visita, os representantes do organismo internacional terán en conta a adhesión da veciñanza ao seu proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal, polo que este é un aspecto no que se vai a traballar intensamente. Segundo as previsión actuais, a fase de avaliación por parte da Unesco rematará en setembro do ano próximo e a decisión adoptaríase na primavera de 2023.

O alcalde recordou que esta boa nova súmase á recente confirmación de que o plan estratéxico para o desenvolvemento do proxecto vai contar con financiamento dos fondos Next Generation, segundo o acordo adoptado pola Xunta e o Goberno central. “É importante que todos e todas fagamos deste o noso proxecto conxunto, para conquerir unha distinción mundial que vai dinamizar a economía e o turismo dunha maneira equilibrada e sostible”, destacou Moreda.

O CONCELLO REPARTE ESTA SEMANA OS 49 ORDENADORES DO PROGRAMA DE AXUDAS PARA MATERIAL INFORMÁTICO

O goberno local de Cedeira informa de que as persoas beneficiarias das axudas de material informático, que por primeira vez convocou o Concello este ano cun orzamento de 18.000€, poden pasar durante esta semana polo consistorio, en horario de 09.00 a 14.00 horas, a recoller os seus equipos. O programa, tal como se informou no seu momento, vai dirixido a paliar as desiguais condicións de acceso á educación en liña e aos recursos da rede que puxo de manifesto a pandemia.

O Concello concedeu as subvencións en función da renda fiscal de 2020, aínda que segundo a resolución aprobada pola Xunta de Goberno unicamente foi rexeitada unha solicitude por non cumprir os requisitos. Así, aprobáronse 49 axudas e o orzamento dispoñible gastouse por parte do Concello na compra doutros tantos ordenadores que xa están nas dependencias municipais para seren entregados ás persoas beneficiarias.

Os equipos van dirixidos a alumnos e alumnas de todos os niveis educativos, desde Infantil a Formación Profesional e universidade, e en moitos casos benefician a varias persoas na mesma unidade familiar. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, celebrou que a través desta iniciativa o Concello poida favorecer o reequilibrio de oportunidades, paliando as desigualdades e garantindo que ningún neno ou nena de Cedeira quede atrás nos seus estudos pola falla de recursos económicos.