O CONCELLO REPARTE ESTA SEMANA OS 49 ORDENADORES DO PROGRAMA DE AXUDAS PARA MATERIAL INFORMÁTICO
O goberno local de Cedeira informa de que as persoas beneficiarias das axudas de material informático, que por primeira vez convocou o Concello este ano cun orzamento de 18.000€, poden pasar durante esta semana polo consistorio, en horario de 09.00 a 14.00 horas, a recoller os seus equipos. O programa, tal como se informou no seu momento, vai dirixido a paliar as desiguais condicións de acceso á educación en liña e aos recursos da rede que puxo de manifesto a pandemia.
O Concello concedeu as subvencións en función da renda fiscal de 2020, aínda que segundo a resolución aprobada pola Xunta de Goberno unicamente foi rexeitada unha solicitude por non cumprir os requisitos. Así, aprobáronse 49 axudas e o orzamento dispoñible gastouse por parte do Concello na compra doutros tantos ordenadores que xa están nas dependencias municipais para seren entregados ás persoas beneficiarias.
Os equipos van dirixidos a alumnos e alumnas de todos os niveis educativos, desde Infantil a Formación Profesional e universidade, e en moitos casos benefician a varias persoas na mesma unidade familiar. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, celebrou que a través desta iniciativa o Concello poida favorecer o reequilibrio de oportunidades, paliando as desigualdades e garantindo que ningún neno ou nena de Cedeira quede atrás nos seus estudos pola falla de recursos económicos.