Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O PROXECTO DE XEOPARQUE CABO ORTEGAL CONVÉRTESE EN CANDIDATO A GLOBAL GEOPARK DA UNESCO

O proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal pasou o corte do Comité Español de Cooperación coa Unesco e será presentado ao organismo internacional como unha das dúas candidaturas españolas que optarán ao distintivo Global Geopark. O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, que se reuniu onte cos responsables dos outros seis concellos implicados na iniciativa, celebrou a decisión e subliñou que despois de seis anos de traballo comeza unha apaixonante etapa “na que procuraremos a máxima identificación da cidadanía co proxecto”.

Na decisión do comité español, que xunto ao de Cabo Ortegal aprobou o proxecto cántabro de Costa Quebrada, tivo especial peso a excepcionalidade xeolóxica do Cabo Ortegal- con seis geosites ou lugares de interese xeolóxico internacional-. De feito, a proposta obtivo a máxima cualificación neste apartado.

O proceso de avaliación da candidatura que a partir de agora vai poñer en marcha a Unesco rematará cun exame sobre o terreo. Nesa visita, os representantes do organismo internacional terán en conta a adhesión da veciñanza ao seu proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal, polo que este é un aspecto no que se vai a traballar intensamente. Segundo as previsión actuais, a fase de avaliación por parte da Unesco rematará en setembro do ano próximo e a decisión adoptaríase na primavera de 2023.

O alcalde recordou que esta boa nova súmase á recente confirmación de que o plan estratéxico para o desenvolvemento do proxecto vai contar con financiamento dos fondos Next Generation, segundo o acordo adoptado pola Xunta e o Goberno central. “É importante que todos e todas fagamos deste o noso proxecto conxunto, para conquerir unha distinción mundial que vai dinamizar a economía e o turismo dunha maneira equilibrada e sostible”, destacou Moreda.