Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

MARTA ALONSO TEJADA LEVA ESTE SÁBADO A CEDEIRA O SEU ESPECTÁCULO DE DANZA BAILA AGORA

O Auditorio Municipal de Cedeira acolle este sábado, ás 20.00 horas, o espectáculo Bailar Agora. A bailarina Marta Alonso Tejada é directora e intérprete desta proposta, na que escenifica a súa propia traxectoria no mundo da danza a través do humor e a cercanía co público. É unha función dirixida a todos os públicos e é preciso reservar de xeito anticipado as entradas, que teñen un prezo de 2,5€.

Bailar Agora preséntase como unha “sorte de imperativo cara o posicionamento no presente social e persoal a través da danza”. A crítica ten alabado a orixinalidade da linguaxe escénica que emprega Marta Alonso, a simpatía e honestidade coa que a artista se expresa e tamén a súa calidade. A peza, estreada en outubro de 2020, é unha coprodución de Marta Alonso, trasPediante e o Centro Coreográfico Galego e Agadic.

As persoas interesadas en asistir poden reservar a súa entrada por whatsapp, a través do número 649 876 614 ou ben dirixindo un mail a enrique.vazquez@cedeira.gal.

SATISFACCIÓN NO CONCELLO POLA INICIATIVA DE CREAR UNHA PLANTA DE PROCESADO DE MERLUZA NA TRABE

O goberno local de Cedeira celebra a iniciativa da empresa Juan García Pesca, que vai crear no polígono da Trabe unha nave de procesamento e despece da merluza DoNorte, a marca creada e presentada o pasado verán coa que se identifica a calidade da pescada en Cedeira. O proxecto vai crear vinte empregos.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, felicitou expresamente ao empresario Juan García por apostar polo sector pesqueiro de Cedeira e contribuír a darlle un novo valor engadido ao produto.

Máis información sobre o proxecto:

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/cedeira/2022/01/16/merluza-donorte-procesara-cedeira-vender-espana/0003_202201F16C9991.htm

O DÍA 14 ÁBRESE O PRAZO PARA OFERTAR CURSOS RELACIONADOS COA ÁREA DE CULTURA

Coa finalidade de organizar dende a Concellería de Cultura a oferta formativa durante o primeiro semestre do ano, ábrese prazo no período comprendido entre os día 14 e 21 de xaneiro, ambos inclusive, mediante a publicación do presente anuncio na páxina web municipal, para que as persoas ou entidades interesadas en ofertar cursos relacionados coa área de Cultura a través do Concello ao longo do período febreiro/xuño de 2022 presenten as súas propostas no rexistro xeral do concello ou a través da sede electrónica.

Ditas propostas deberán indicar:

  • Nome do curso:
  • Breve curriculum da persoa que impartirá o curso:
  • Obxectivos: Destrezas que poderá adquirir o alumnado ao longo do curso.
  • Contidos: Temas a tratar.
  • Temporalización: Número de sesións totais e distribución temporal en sesións por semana e número de semanas.
  • Ratio: Nº de persoas por grupo. Nº de grupos aos que se pode atender.
  • Espazo: Descripción do espazo necesario para o desenvolvemento do curso.
  • Material necesario para a participación do curso, indicando se vai ser aportado polo profesorado ou o debe adquirir o alumnado.
  • Orzamento total.
  • Sinatura e dni do interesado.

Haberá un prazo de prematrícula para decidir os cursos que se van impartir no período comprendido entre febreiro e xuño (ambos incluídos)

As persoas que desexen matricularse deberán facelo nas oficinas municipais ou oficina de turismo e pagar as tasas municipais establecidas.

Os casos exentos de pago deberán presentar a documentación oportuna no momento da matrícula.

O Concello fará pública a listaxe de posibles cursos e unha vez realizadas as preinscricións fará públicos os cursos finalmente ofertados.