Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

17 TERRITORIOS ASPIRAN ESTE ANO A SE CONVERTER EN XEOPARQUE MUNDIAL DA UNESCO

A Secretaría da UNESCO publicou recentemente o listado de candidatos a obter este ano o distintivo de xeoparque mundial. Por parte de España están propostas a zona de Costa Quebrada, en Cantabria, e a do Cabo Ortegal, compartindo opcións ao recoñecemento con outros 15 territorios situados no Brasil, China, Grecia, Indonesia, Irán, Irlanda, Italia, Kirguizistán, México, Noruega, Corea do Sur e Rusia. Durante os próximos meses, en datas aínda por determinar, persoas expertas pertencentes ao equipo designado pola UNESCO visitarán cada un dos proxectos para facer unha avaliación exhaustiva do seu patrimonio xeolóxico, pero tamén do seu compromiso e do traballo que se está facendo en relación co desenvolvemento sostible. Mentres tanto, o Proxecto de Xeoparque de Cabo Ortegal segue traballando en rede con outros territorios con intereses comúns e, nese sentido, participará a semana que vén nun encontro en Santander no que se tentarán sentar as bases para creación dunha Ruta Transcantábrica da Xeodiversidade que implique os xeoparques do norte do Estado.
Os estados membros das Nacións Unidas teñen até o 7 de xullo para formular alegacións á relación de candidaturas 2021-2022, data a partir da cal se producirá a visita das inspectoras ou inspectores internacionais.
Ademais, a UNESCO ten tamén en marcha a elección do equipo de avaliadoras e avaliadores que visitarán os 17 territorios aspirantes, tras manter aberto até o pasado 15 de abril o prazo de recepción de solicitudes para entrar na lista de persoas expertas.
Con esta información, e ante o elevado número de candidaturas que hai este ano, prevese que as misións de avaliación nos distintos países se leven a cabo a partir de mediados ou incluso finais do verán, tendo en conta que a loxística debe coordinarse coa Secretaría e cos propios avaliadores, como moi tarde, ata un mes antes da súa viaxe.
A UNESCO enviará dúas persoas que permanecerán no territorio cinco días -incluído o da chegada- facendo visitas de campo para ver os recursos xeolóxicos máis destacados, analizando o grao de cumprimento das condicións para ser xeoparque e mantendo encontros tanto cos responsables do proxecto como co tecido social.
Todo está pautado nun rigoroso protocolo que inclúe unha xuntanza final na que os dous avaliadores internacionais, que non poden ser españois, exporán as súas observacións e formularán as recomendacións que estimen oportunas. O protocolo insiste na obriga de que durante a súa estadía ambos garden discreción sobre o sentido do informe de xulgamento que deberán elaborar para o Consello Executivo e o Consello de Xeoparques Mundiais da UNESCO, os organismos que teñen a última palabra na asignación do ansiado distintivo.
Relación con outros territorios
No listado de tarefas dos avaliadores tamén se encontra a análise do proxecto “non só nunha escala nacional, senón tamén para ter un retrato global, especialmente unha perspectiva sobre o traballo en rede”, apunta a documentación da UNESCO. Neste sentido, o Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal leva varios anos participando en encontros técnicos e intercambiando información con outros territorios que xa forman parte da rede mundial.
A próxima cita deste tipo está programada para dentro duns días nas xornadas sobre Patrimonio xeolóxico, xeoparques, investigación científica e aproveitamento turístico que se desenvolverán o 6 e 7 de xuño en Santander, cadrando coa celebración do Día Internacional da Xeodiversidade e baixo a organización da Real Academia de ciencias Exactas, Físicas e Naturais.
No marco deste foro, as zonas da cornixa cantábrica debaterán sobre a conveniencia de establecer unha Ruta Transcantábrica da Xeodiversidade que conecte os diversos espazos de interese xeolóxico do norte peninsular, onde neste momento se encontran o Xeoparque da Costa Vasca, o burgalés de Las Loras e o Xeoparque Montañas do Courel. Costa Quebrada -anfitrioa das xornadas- e Cabo Ortegal poderían ser os seguintes, o que elevaría a 17 o número de territorios españois co recoñecemento da UNESCO.

A PANADARÍA REPRESENTA EN CEDEIRA ESTE SÁBADO A SÚA SÁTIRA SOBRE AS CAMAREIRAS DE PISO “AS QUE LIMPAN”

O grupo teatral A Panadaría chega esta fin de semana a Cedeira para representar a súa última obra, “As que limpan”, unha sátira utópica e feminista sobre as camareiras de piso, as “kellys”. O Auditorio Municipal acollerá a representación o sábado, ás 20.00h, e as persoas interesadas en asistir poden reservar previamente a entrada –a través de whatsapp ao número 649 876 614) ou ben comprala na billeteira o mesmo día. O prezo é 2,50€.

A Panadaría é un grupo creado no ano 2013 por tres mulleres polifacéticas, Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, que conqueriron xa cos seus traballos iniciais o recoñecemento do público. Recibiron o Premio da Crítica en Galicia pola súa primeira montaxe, “Pan!Pan!”, e despois chegaron outros, entre os que cabe destacar os moitos que mereceu o seu anterior espectáculo, “Elisa e Marcela”. A súa versión da historia de amor das dúas mulleres que casaron en 1901 recolleu entre outros o María Casares ao Mellor Espectáculo e o Premio do Público no Festival de Ribadavia. Aquela peza foi coproducida polo Centro Dramático Galego, e a actual obra, “As que limpan”, conta co apoio do Centro Dramático Nacional. A estrea da obra en galego foi no pasado mes de febreiro en Tui e en abril Valencia acolleu a da versión en castelán.

A Panadaría aborda nesta nova montaxe a loita das camareiras de piso dos hoteis por acadar uns dereitos laborais e sociais xustos, fronte á avaricia dos propietarios das cadeas hoteleiras. Son “as invisibles que carretan ao lombo un sistema turístico precarizador”, explican na presentación da obra, cargada de acidez e retranca. A compañía volta a Cedeira, vila na que tamén representou con grande éxito os seus tres anteriores espectáculos, “Pan!Pan!”, “Panamericana” e “Elisa e Marcela”.

A REPERCUSIÓN DA SERIE “RAPA” AUMENTA O INTERESE POLO CURRO DA CAPELADA, QUE SE VAI CELEBRAR ESTE DOMINGO

A asociación San Andrés Eventos vive este ano con especial intensidade os preparativos do Curro da Capelada, un acontecemento que estivo ausente nos dous últimos anos a causa da pandemia e que regresa impulsado pola repercusión da serie “Rapa” de Movistar+. Segundo explica Jorge Bellón, o presidente da entidade, nestas últimas semanas chamaron á entidade desde Asturias, Ourense e Rías Baixas, entre outros lugares, o que anticipa unha afluencia importante ao evento.

O programa de actos no curro comezará o sábado, día no que se vai facer o desparasitado e rexistro dos cabalos. A xornada vai rematar, xa pola tarde, cunha verbena amenizada por Marisol Novo. O domingo será o día da rapa das bestas. Ás dez da mañá os “besteiros” guiarán aos animais na baixada ata o recinto, para comezar a continuación co espectacular traballo de cortarlles as crinas e deixalos frescos e limpos de cara aos calores do verán. Na zona haberá un toldo no que se servirán comidas e bebidas, así como inchables e xogos para nenos e nenas. Ata as 12.00h. estará aberta a inscrición para as carreiras de galope que terán lugar pola tarde, xa despois das 17.00h.

Segundo explicou Jorge Bellón, a asociación vai colocar estacas con indicacións para facilitar a afluencia da xente, á que recomendan tomar a estrada a San Andrés de Teixido e seguir os carteis que colocarán nos cruces para achegarse en coche ata as proximidades do curro, na Serra da Capelada. Estes días os organizadores están xa a reunir os animais, unha tarefa que non é doada porque están ceibes por unha extensión de terreo moi grande. A teor do acontecido no ano 2019, poderían reunirse máis de 200 bestas.

Desde a entidade San Andrés agradécese a colaboración desinteresada que presta a asociación A Crina e apuntan que sen a súa participación sería imposible organizar a rapa. Contan tamén co apoio do Concello de Cedeira, que asina cada ano un convenio de colaboración coa entidade, dotado con 3.500 euros e que desta volta foi fundamentalmente empregado na renovación do peche do recinto.

A rapa das bestas é unha tradición ancestral en Galicia e en Cedeira. Desde o Concello de Cedeira destacan a importancia de coidar e manter este costume, no que se pon de manifesto o papel fundamental dos cabalos, como sucede coas vacas, para a conservación da Serra da Capelada. É tamén unha actividade que garante a pervivencia da raza galega e que garda a forma de coidar os animais que xa practicaban os antergos dos actuais “besteiros”.