Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

O GRUPO MUÍÑO DO VENTO OFRECE ESTE SÁBADO A TERCEIRA E ÚLTIMA FUNCIÓN DO CICLO DE TEATRO FUSA GUILLÉN

A actuación do grupo ferrolán Muíño do Vento porá fin este sábado ao I Ciclo de Teatro Afeccionado Fusa Guillén, un programa que rende homenaxe a importante papel que a dramaturga, cedeiresa de adopción, xogou na dinamización da vida cultural da localidade. Desta volta, o Auditorio acollerá, ás 20.00 horas, a representación “Unha obra para un barrio”. A entrada será gratuíta ata completar aforo.

A asociación sociocultural Muíño do Vento naceu en 2012 no barrio ferrolán de Canido co devezo de reanimar e dinamizar o barrio en todos os seus aspectos, desde o urbanístico ata o cultural. O grupo de teatro é un dos seus brazos e “Unha obra para un barrio”, a peza coa que reapareceu este ano nos escenarios despois do parón da pandemia. O pasado mes de xuño estreou esta comedia, escrita e dirixida por Agustín Bolaños, na que oito mulleres bravas tentan conseguir cartos do concello para facer actividades que animen o seu barrio. Montar unha obra de teatro é a solución, pero o plan sofre un revés cando o director abandona e elas quedan soas ante a tarefa de ensaiar e presentar a función diante da veciñanza.

A proposta de Muíño do Vento foi unha das tres seleccionadas polo xurado do I Certame de Teatro Afeccionado Fusa Guillén, en Cedeira, entre as cinco que concurriron á convocatoria.

O CONCELLO SUBLIÑA O EXCELENTE TRABALLO REALIZADO NA RECUPERACIÓN DAS VELLAS CETARIAS DO SARRIDAL

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, expresou a satisfacción do goberno local polo excelente resultado da obra de recuperación das antigas cetarias do Sarridal, unha intervención que executou a Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar, pertencente ao Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, cun orzamento de 340.600€. En novembro pasado comezou a intervención, que tiña inicialmente un prazo de tres meses e que se prolongou un pouco máis por mor das condicións meteorolóxicas, que condicionaron o traballo na zona. “A estrea real das cetarias foi este verán, no que tiveron milleiros de visitas e comprobamos que constituíron un elemento de grande atractivo para a propia veciñanza e para as persoas que nos visitaron”, comentou o alcalde.

“A obra de acondicionamento das vellas cetarias que levou a cabo o Ministerio ten moita importancia pola revalorización dunha paisaxe extraordinaria e polo seu valor etnográfico, porque estas estruturas son un testemuño da importancia da pesca e o marisqueo en Cedeira”, destacou Moreda Gil. Os viveiros nos que se gardaban e engordaban as capturas cara a súa venda e distribución, principalmente fóra de Galicia, configuran un atractivo máis na península do Sarridal, un enclave que concentra unha gran variedade de elementos de interese turístico. Alí está o xacemento no que apareceu a pedra formosa máis antiga de Galicia, a poucos metros do Castelo da Concepción e da paradisíaca praia das Sonreiras. No paseo por este enclave están tamén o excepcional mirador de Punta Sarridal e a emblemática capela de San Antonio de Corveiro.

A obra, que executou a empresa Tragsa, abrangueu o acondicionamento dos accesos, coa habilitación dun sendeiro ao borde do cantil e a prolongación da escaleira de acceso á cala das Sonreiras, así como a instalación dunha malla de protección para estabilizar o talud e evitar desprendementos. Os traballos incluíron a extracción dos sedimentos acumulados no interior das dúas piscinas para restaurar a súa capacidade natural. Recuperáronse tamén os muros orixinais de pedra e reparáronse as fiestras e as súas reixas, ao tempo que se reconstruíron as cubertas parciais das estruturas con táboas de madeira. Tamén foi recuperada algunha maquinaria antiga, adecuáronse as zonas adxacentes e colocáronse paneis interpretativos tanto ao pé das cetarias como no mirador habilitado sobre elas no cantil.

Moreda Gil agradeceu a Demarcación de Costas a súa colaboración e apoio para facer realidade este proxecto, que levaba paralizado desde o ano 2011 por problemas técnicos e que o seu goberno sacou do caixón no anterior mandato. O Concello de Cedeira encargouse do informe de impacto ambiental e Demarcación de Costas someteuno a exposición pública a finais de 2018 e tramitou a adenda que era necesaria para actualizado e correxir os problemas que se detectaran na redacción orixinal.

A COMPAÑÍA CARRACHANACACHA REPRESENTA ESTE SÁBADO EN CEDEIRA A PEZA “A PENA DO CU DO MUNDO”

O Auditorio de Cedeira acolle esta fin de semana unha nova cita co I Ciclo de Teatro Afeccionado Fusa Guillén. Desta volta a peza seleccionada é “A pena do cu do mundo”, unha obra escrita e dirixida por Leandro Lamas para a compañía Carrachanacacha, parte da Asociación Aturuxo de Melpómene de Narón. A función será o sábado ás 20.00 horas, con entrada libre ata esgotar as localidades.

“A pena do cu do mundo” é unha comedia musical que conta a historia dunha peculiar familia, residente nunha aldea perdida, que ve ameazada a súa forma de vida cando a nova concelleira proxecta construír alí un parque temático.

A obra de Leandro Lamas é unha das tres que foron seleccionadas nesta primeira edición do certame de teatro amador adicado á figura de Fusa Guillén. O pasado día 9 iniciouse o ciclo coa representación de “Fatum” do grupo O Catre Teatro, e o vindeiro 22 rematará coa posta en escena de “Unha obra para un barrio”, da compañía da ASC Muíño do Vento.